É viable unha solución para os sobrecustos das granxas?

O conselleiro de Medio Rural pídelle ao Ministerio que intermedie con industrias e distribución para impulsar unha alza en cadea do prezo do leite, "a imaxe de Italia"

É viable unha solución para os sobrecustos das granxas?

Reunión do conselleiro do Medio Rural con cooperativas e organizacións agrarias.

Durante 2021, as granxas de leite experimentaron un encarecemento dos custos de produción de ao redor de 4 céntimos por litro de leite, segundo calcula o conselleiro de Medio Rural, José González. En gandaría de carne, a subida de custos cífraa a Xunta en ao redor de 75 céntimos / Kg. de carne. Para enfrontar esa situación, González propúxolle hoxe ao Ministerio de Agricultura que intermedie con industrias e cadeas de supermercados para impulsar unha alza en cadea do prezo do leite.

“Estamos a falar de aumentos de custos de ao redor dun 12 – 13% por factores como a subida dos pensos, dos fertilizantes ou da enerxía” -explica o conselleiro-. “É necesario que o Goberno impulse unha subida, que propomos que se sitúe en 4 céntimos por litro de leite, para compensar ás granxas”, defende González.

O conselleiro sostén que este tipo de accións é posible, como demostra unha solución similar alcanzada en Italia. Desde a Xunta enténdese que hai marxe para subir o leite no supermercado sen que o seu consumo se vexa afectado, pois outros produtos da cesta básica da compra experimentaron encarecementos importantes ao longo do último ano.

Posibilidade de axudas públicas
Outra opción que aparece sobre a mesa é a alternativa de axudas públicas para compensar o aumento de custos, aínda que, dada a dimensión do problema, é unha saída complicada. A idea dunha prima pública para compensar ás granxas esbozouna o propio ministro de Agricultura, Luís Planas, nunha recente reunión co comisario de Agricultura da UE, Janusz Wojciechowski, a quen lle pediu unha acción conxunta da Comisión Europea para compensar ás granxas polos sobrecustos.

Planas expuña que eran precisos apoios comunitarios, en lugar de estatais, para evitar distorsións de mercado na UE e que todos os gandeiros da Unión competisen coas mesmas condicións. Esa mesma demanda de axudas comunitarias trasladouna Planas no último Consello de Ministros de Agricultura da UE, aínda que se trata dunha petición que ten un eco menor noutros países.

Evolución do prezo do leite
No caso do sector lácteo, o progresivo aumento do prezo do leite en Europa, que chegou en xaneiro a 41 céntimos de media, compensou en boa medida o aumento de custos que sufriron as granxas, pois o prezo do leite aumentou 6,9 céntimos de media nos últimos doce meses, segundo os datos do Observatorio do Sector Lácteo da UE. Distinto é o caso de España, onde desde xaneiro do 2021, o prezo do leite só remontou 2,3 céntimos, segundo a mesma fonte.

No propio sector gandeiro, existía o temor a que a posta en marcha en España de axudas públicas de emerxencia frease un aumento de prezos do leite como o que está a experimentar Europa. En calquera caso, os apoios públicos polo momento non chegaron e a tendencia de repunte do leite no campo é desigual.

Nos contratos que as industrias están a comezar a presentar estes días en Galicia, parte das empresas ofrecen subidas significativas, até deixar o prezo base en 37-38 céntimos, aínda que noutros casos os prezos base permanecen ao redor dos 32 céntimos, o que deixaría o prezo final con primas en ao redor de 35 céntimos, cifras que no sector ven insuficientes.
A proposta da Xunta é que as cadeas de distribución comprometan novas subidas do prezo do leite no lineal, que se poidan trasladar en cadea ao campo.

Castela e León e Baleares
Á espera de como se concrete a renovación dos contratos do leite, hai xa cando menos dúas comunidades que decidiron pola súa conta o establecemento de axudas autonómicas para as granxas. Son os casos de Castela e León e de Baleares, aínda que en ningún dos dous casos o tamaño do seu sector lácteo é comparable ao galego.

En Castela e León, o Goberno anunciou unha axuda de 4.000 euros para as granxas de leite de menos de 50 vacas, de 6.000 euros para as que teñen até 100 vacas e de 8.000 euros para as gandarías con máis de 100 cabezas de vacún maior. A medida beneficiará a 872 produtores.

En Baleares, o Goberno tamén chegou a un acordo con produtores e empresas para pagarlle ás granxas unha prima de 2,6 céntimos por litro de leite. De maneira paralela, as industrias comprometéronse a unha subida progresiva dos prezos do leite no campo.

Aínda que no acordo asinado non figuran cifras concretas da subida que comprometan as empresas transformadoras, a expectativa que se trasladou nos medios é que as granxas reciban 6,6 céntimos máis por litro de leite entre a prima do goberno autonómico e a subida de prezo do leite no campo.

Creación dunha Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia

A proposta do conselleiro de lograr unha subida en cadea do leite chegou con motivo dunha reunión que mantivo coa Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias e coas organizacións agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego, Fruga e Asaga). Na reunión, González trasladoulle tamén ó sector a próxima posta en marcha dunha Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia, que asumirá as competencias na comunidade que ata agora desempeñaba a nivel estatal a Agencia de Información y Control Alimentario.

O obxectivo da Axencia galega, segundo avanzou o conselleiro, será o control da cadea alimentaria para evitar que se produza a venda a perdas. “Temos competencias para controlar e sancionar”, valorou. González considera positiva a Ley de la Cadena Alimentaria que lanzou o Goberno central para impedir que os produtos do agro se vendan por baixo dos custos de produción, pero entende asimesmo que “quedou en papel mollado”. “Teremos que facela efectiva entre todos”, propuxo, para anunciar a continuación unha nova reunión co agro centrada no caso da gandería de carne.

Observatorios
Outro órgano que creará a Consellería será un Observatorio da Cadea Alimentaria Galega, como organismo encargado de emitir periódicos informes sobre a situación económica do sector primario. Farase mediante un convenio entre o Instituto Galego de Estatística, a Consellería do Medio Rural e a Fundación Juana de Vega.

Por último, a Consellería anuncia tamén que reactivará o Observatorio do Sector Lácteo, “onde poderá haber diálogo entre gandeiros, industrias e cadeas de distribución”, valora González.

Fe de erratas: Por un erro de interpretación, nun principio publicouse que a Consellería lle pedía ao Ministerio unha axuda pública de emerxencia, cando o que lle pide en realidade é unha intermediación pública con industrias lácteas e cadeas de supermercados para impulsar un aumento do prezo do leite.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información