A maior parte dos viñedos galegos teñen unha orografía que dificulta a súa mecanización, sobre todo en territorios como a Ribeira Sacra onde se practica en boa parte deles unha viticultura heroica. Porén, noutras zonas vitícolas de España están a optar pola vendima mecanizada, sobre todo en viñedos de alto rendemento e moi mecanizados. Con todo, unha das primeiras dúbidas que xorde á hora de valorar realizar a vendima de xeito mecánico é se este sistema resulta realmente eficiente e que perdas se derivan del.
Un estudo realizado no marco do proxecto Bigpredidata sobre o emprego de solucións tecnolóxicas nos viñedos, avaliou precisamente a eficiencia da vendima mecánica. Trátase dun traballo impulsado pola empresa Viñedos del Río Tajo SL e que se levou a cabo en dous viñedos situados en Toledo, nas marxes do río Tajo.
“Buscábase axustar o proceso de vendima mecanizada para maximizar a eficiencia e ademais poder considerar este parámetro nas predicións de rendemento”
“O obxectivo final é axustar o proceso de vendima para maximizar a eficiencia e ademais poder considerar este parámetro nas predicións de rendemento”, explica o investigador Pedro Junquera, que formou parte do equipo de expertos que realizou este traballo e que foi tamén o encargado de presentalo no marco das V Xornadas do Grupo de Viticultura da Sociedad Española de Ciencias Hortícolas (SECH) celebradas en Ourense.
O estudo levouse a cabo en dúas fincas lindeiras: Bergonza e Daramezas. “Son viñedos deseñados e xestionados para as producións de alto rendemento”, apunta. Trátase de plantacións en cordón bilateral a 1,80 metros de altura do chan e poda mecánica. “A vexetación déixase libre formando unha cortina e a vendima obrigatoriamente é mecanizada”, detalla.
Nestes viñedos estudados empregan habitualmente unha vendimadora con descarga lateral do modelo Braud 9090x de New Holland, que conta con 18 sacudidores a cada lado e unha frecuencia de sacudida de 460 revolucións por minuto.
Procurar o rendemento
Para poder establecer unha comparativa, antes de proceder a esta vendima mecanizada, realizaron unha vendima manual. “Recollemos en cada unha das parcelas as uva dunhas 50 plantas para poder calcular o rendemento total ou absoluto, é dicir, sen perdas. Ademais, ese rendemento corrixiuse co estado de formación de todas as plantas da parcela vendimada”, apunta o especialista.
Así é que, na vendima manual fixeron un cálculo do rendemento total, corrixido co estado de formación. Mentres, na vendima mecánica, estimaron o rendemento real, para o que fixeron unha única pesada da colleita nunha báscula industrial.
A velocidade, clave do éxito
“Non se trata dun ensaio con repeticións en cada unha das parcelas, senón que é unha posta a punto da metodoloxía e aproveitamos para traballar en 2 días a dúas velocidades de recollida diferentes”, concreta Junquera.
Así, na finca Daramezas a recollida fíxose a unha velocidade de 3,9 quilómetros por hora, mentres que na finca Bergonza incrementouse a velocidade ata os 4,2 quilómetros por hora.
A velocidade de recollida da uva resultou ser un dos parámetros determinantes para a eficiencia na vendima mecánica
En cada unha das fincas vendimaron unha superficie de entre media hectárea e preto de 0,75 hectáreas ata encher un camión de 24 toneladas, para poder ter un rendemento real con cada pesada.
Análises das perdas na vendima mecanizada
No estudo tamén prestaron especial atención ás perdas, xa que é un dos condicionantes para avaliar o emprego da vendima mecanizada. Así é que mediron as perdas en planta e no chan. “Fixemos 5 repeticións en cada parcela e con 3 plantas por repetición”, concreta Junquera.
Botando man destes datos calcularon a eficiencia da vendima como o cociente do rendemento da máquina e o rendemento manual. En canto ás perdas, as perdas totais establecéronas por diferencia entre o rendemento manual e a máquina.
Os resultados do estudo amosan uns rendementos de 39.158 quilos por hectárea na finca de Daramezas onde tiveron unhas perdas do 92,2%. Mentres, na finca Bergonza o rendemento foi de 45.303 quilos por hectárea e tiveron unhas perdas do 90,5%. A diferenza máis significativa foi que a parcela de Daramezas foi recollida a unha velocidade de 3,9 quilómetros por hora, mentres que na de Bergonza se fixo a 4,2 quilómetros por hora.
“Coa precaución de que non é un ensaio con repeticións, puidemos ver que na finca Daramezas cunha velocidade menor e un rendemento menor, a eficiencia de vendima foi dun 92%, mentres que cun maior rendemento e velocidade, na parcela de Bergonza, as perdas foron menores”, explica o investigador.
“Dentro da planta os restos que quedaban foron fundamentalmente raspóns (70-75%) e o resto de uva (25-30%). As perdas do solo eran principalmente uva (91-94%) e só arredor de entre un 6 e 9% de raspón”, concreta o investigador.
As diferencias que atopamos, coas precaucións de que se trata dun estudo de só unha colleita, é que cando o rendemento é maior e aumenta tamén a velocidade de traballo, as perdas aumentan fundamentalmente no chan. “Foron sobre todo uvas que caeron ó chan e que a vendimadora non puido recoller”, apunta o investigador.