“É unha vaca que se mantén moi ben para levar producidos case 70.000 kilos de leite”

KERGO OZALID 6818, de Gandería Serabel SC, de Xermade é a vaca que máis premios leva gañado este ano en Galicia, o último o título de Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza 2023 este sábado en Lalín. Falamos co seu propitario, Abel Carballo, da gandería Serabel SC, de Xermade, que avanza que en novembro tamén a levarán a Italia a participar no concurso internacional.

Abel Carballo xunto ao xuiz de FEIRADEZA, Anthony Le Trionnaire, con KERGO OZALID 6818

Abel Carballo xunto ao xuiz de FEIRADEZA, Anthony Le Trionnaire, con KERGO OZALID 6818

O 2025 semella ser o ano da vaca Kergo Ozalid 6818, da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade. En febreiro gañou o certame internacional organizado na feira Gandagro, en abril proclamouse Vaca Gran Campiona no Concurso da Moexmu, onde tamén resultou designada tamén Vaca Adulta Campiona e Mellor Ubre, e este sábado alzouse no título de Vaca Gran Campioa do Open Feiradeza, onde tamén se impuxera no 2023.

E a este mérito sumamos que é unha vaca de 6 anos que leva producidos case 70.000 litros de leite.

“É unha vaca que mercamos en Francia cando tiña 2 anos e que leva 4 xa na nosa explotación”, explica Abel Carballo. Nacida o 27 de agosto do 2018 , ten unha cualificación morfolóxica de 93 puntos.

“É un animal que se mantén ben e que aínda pode estar uns anos máis a un bo nivel”, considera Abel, que xunto ao seu irmán Sergio está á fronte desta gandería familiar que está a muxir neste momento 140 vacas, das que catro reciben atención e coidados especiais para acudir aos concursos.

“Que ten de especial? É unha vaca que é boa en todo e aguanta dunha forma incriblemente xoven, cun ubre moi ben insertado a pesar de tantos partos”.

Iso si, recoñece que o animal tamén recibe un trato especial no establo: “Ten unha área para ela soa. A alimentación si que é diferente, come forraxe con moita fibra e proteína, para que aguante en boa forma e dea leite. E tamén conta cunha cama grande e cómoda para que estea relaxada”.

A intención deste gandeiro é seguir competindo en concurso “mentres ela queira”, bromea. “O seguinte ao que temos previsto ir con Kergo Ozalid 6818 é a Italia en novembro, ao certame internacional, imos intentalo”.

Tamén ten previsto participar no concurso nacional de CONAFE en setembro con VILARMOR CAYENNE NANCI, unha vaca que quedou segunda na sección de animais de 5 anos en FEIRADEZA.

E é que para Abel os concursos son algo máis que prestixio: “Para nós é uha promoción para a nosa gandería e para poder vender mellor xenética. Pero tamén a nivel persoal formas un equipo, unha familia nestes concursos, e pásalo ben estes días que é cando estás máis en contacto”.

Por último, anima aos máis mozos a apostar por tomar o relevo nas ganderías de vacún de leite: “O sector lácteo, como o resto da produción de alimentos, é estratéxico e ten moito futuro, polo que habería que animar aos rapaces a continuar”.

Mira aquí o momento no que KERGO OZALID 6818 é elixida Vaca Gran Campioa OPEN Feiradeza: 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información