É un problema a acumulación de cobre nos viñedos?

O investigador da Universidade de Vigo David Fernández Calviño ofrece algunhas claves na aplicación do cobre en viñedos e aborda o impacto deste metal nos solos, así como posibles medidas para reducir a súa acumulación nos viñedos

Publicidade
É un problema a acumulación de cobre nos viñedos?

Viñedos tratados con sulfato de cobre.

O uso do cobre segue sendo recorrente na viticultura como tratamento fúngico preventivo, utilizado mesmo nun manexo ecolóxico e sen presentarse, polo momento, alternativas ao seu uso neste modelo. Así como o seu uso está estendido, tamén xorden as dúbidas sobre a acumulación do cobre nos solos dos viñedos e as súas posibles consecuencias.

“O cobre é un elemento esencial para as plantas, necesítano para o seu desenvolvemento normal, pero tamén é un metal pesado que en concentracións elevadas pode resultar tóxico tanto para as plantas como para o medio ambiente do viñedo”, explica David Fernández Calviño, investigador Ramón e Cajal do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo.

“Non sabemos ata cando poderemos acumular cobre no solo sen que aparezan problemas graves”

O principal problema do cobre é que se acumula no chan, xa que non se degrada. “Ao ser un elemento potencialmente tóxico, a súa acumulación a medio-longo prazo non é sostible. Non sabemos ata cando poderemos acumular cobre no solo sen que aparezan problemas graves”, indicou Fernández Calviño na súa participación na xornada virtual “Rexeneración e conservación do chan vitícola” organizada pola Plataforma Tecnolóxica do Viño ( PTV) recentemente.

Canto cobre acumúlase nos solos dos viñedos?

Unha das principais cuestións sobre a que está a traballar o investigador nestes momentos é en poder estimar o impacto que ten o cobre no medio ambiente. Este é un dos eixos do proxecto Coppereplace, unha iniciativa na que participan entidades e investigadores de España, Francia e Portugal e que procura validar solucións integradas, innovadoras e viables para reducir o uso do cobre en viticultura e o seu impacto ambiental.

“Necesitamos controlar os efectos do cobre e saber se o cobre que está acumulado xa no chan está a causar danos, así como se os vai a causar no futuro”, apunta o investigador. Con este obxectivo levaron a cabo ensaios para estimar o perigo de que o cobre pase a augas subterráneas, así como de que cause danos a distintos organismos que viven no solo.

En función do tipo de solo producirase unha maior transferencia de cobre ás augas. Os solos máis acedos presentan maior perigo de contaminación de augas ou danos a organismos ó acumular cobre

Destas investigacións extraeron xa unha conclusión fundamental: “Os efectos sobre os organismos e a transferencia do ás augas vai estar moi condicionado polo tipo de solo”, explica o experto. Os seus traballos consistiron en observar tanto a presenza de cobre no terreo como en engadir cobre en distintos tipos de chan para comprobar a súa acumulación. Así chegaron a achegar ata 800 miligramos de cobre por quilogramo de solo, unha cantidade moi elevada, pero que é a cantidade que xa se pode atopar nalgúns viñedos galegos.

Nos solos máis acedos, os risco asociados á acumulación do cobre son moito maiores. En solos particularmente acedos, cun pH de 4,6, como poden ser algúns viñedos en Galicia. “Vimos que se alcanzaban concentracións medias de cobre nas augas de lavado do solo de ata 40 miligramos por litro”, detalla o experto. Para comprender o impacto desta cantidade de cobre abonda con ter presente que o límite de cobre en augas para consumo humano está en 2 miligramos por litro segundo os baremos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Nestes solos acedos só con engadir 100 miligramos por quilogramos de cobre ó solo alcanzábanse concentracións de 5 miligramos por litro, o que segue estando moi por encima dos límites establecidos pola OMS.

Ó engadir estas mesmas cantidades en chans cun pH máis alto (5,6) comezaron a ver que a concentración de cobre é xa moito menor. Neste caso só superáronse os 2 miligramos de cobre por litro cando se chegaba a engadir 400 ou 800 miligramos por quilogramo de cobre no solo.

“O potencial efecto do cobre sobre as augas dos viñedos dependerá en gran medida do tipo de chan e sobre todo do seu pH”

Canto maior foi o pH da terra menor concentración de cobre presentaban as augas. No caso de chans de pH 7 ou 9 observaron que independentemente da cantidade de cobre que engadiamos ao chan o cobre na auga situábase sempre por baixo de 1 miligramo por litro. “O potencial efecto do cobre sobre as augas próximas ós viñedos dependerá en gran medida do tipo de solo e sobre todo do seu pH”, concreta o experto.

Gráficas sobre a contaminación por cobre en augas.

Gráficas sobre a contaminación por cobre en augas.

Outro dos estudos que levaron a cabo proba o efecto na vida microbiana dos chans. “Non só é importante coñecer se hai unha potencial contaminación das augas dos viñedos senón se o cobre pode causar problemas sobre os microorganismos”, apunta o investigador.

De novo utilizando chans con distintos pH foron incorporando distintas cantidades de cobre (entre 125 e 2.000 miligramos por quilo), para ver os seus efectos. “En solos con pH acedos os efectos sobre os microorganismos eran moi elevados”, explica. En solos cun pH 6,9 tamén se viron efectos importantes xa en concentracións de 125 miligramos por quilo.

O pH e o tipo de solo serán determinantes nos efectos que o cobre teña no desenvolvemento dos microorganismos do solo

“Con todo en solos máis alcalinos, cun pH de 7,8, que adoitan presentar grandes cantidades de carbonados vimos que mesmo engadindo 1.000 miligramos por quilo non tiñamos efectos detectables sobre o crecemento nas comunidades bacterianas”, detalla Fernández Calviño. Neste tipo de chan só chegaron a ver efectos ao engadir uns 2.000 miligramos de cobre por quilo do solo, unha cantidade de cobre moi elevada e que como apunta o investigador, non é habitual atopala nos viñedos, aínda que se detectaron estas concentracións en chans tropicais de Latinoamérica.

Gráficas do crecemento bacteriano en solos con cobre.

Gráficas do crecemento bacteriano en solos con cobre.

Ademais de analizar os efectos da acumulación de cobre en auga e microorganismos tamén estudaron os seus efectos en plantas, para o que empregaron o crecemento dunha leguminosa (alfalfa) que podería ser utilizada como cuberta vexetal en viñedos. Unha vez máis, os chans cun pH máis baixo experimentaron os maiores efectos no desenvolvemento da planta pola acumulación de cobre.

En chans cun pH alto, con valores de 9, propios da área Mediterránea, a achega de cobre non só non supuxo un problema para o cultivo senón que chegou a estimular o desenvolvemento da alfalfa. “O cobre é un nutriente esencial para as plantas e é común que en chans cun pH elevado non estea dispoñible polo que ao proporcionarllo ao chan provócase ese crecemento”, explica.

Gráfica sobre os efectos do cobre no crecemento da alfalfa.

Gráfica sobre os efectos do cobre no crecemento da alfalfa.

Medidas para atallar a acumulación de cobre

As investigacións sobre os efectos do cobre permitiron establecer medidas para controlar e reducir a súa acumulación naqueles chans máis acedos nos que pode ser un auténtico problema polos niveis que se poden chegar a concentrar. “É algo relativamente fácil de corrixir, xa que corrixindo o pH do solo podemos conseguir unha redución dos efectos da súa acumulación no solo”, concreta o investigador.

A curto prazo, o experto recomenda centrar as posibles estratexias de mitigación dos efectos do cobre nos viñedos con solos máis acedos, xa que noutras áreas con terreos neutros ou alcalinos non está a ter apenas incidencia.

Tamén se deberían desenvolver tecnoloxías para extraer o cobre do solo naqueles lugares nos que poida causar problemas. Fernández Calviño insiste en que estes métodos deben resultar alcanzables para que realmente se utilicen.

Ademais, no marco do proxecto Copperaplace están a traballar xa no desenvolvemento de alternativas sostibles e que sexan tan eficaces e baratas, como o propio uso do cobre, de modo que poidan empregarse como substitutos no tratamento dos viñedos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información