É un mito que a dieta vegana sexa mellor para o planeta?

Catro científicos debaten sobre os supostos beneficios ambientais que podería levar consigo unha dieta na que se reduciran ou eliminaran os produtos animais

É un mito que a dieta vegana sexa mellor para o planeta?

Un grupo de catro científicos reuniuse recentemente nun acto organizado na Universidade de Santiago para debatir sobre o suposto impacto da produción gandeira a nivel ambiental. En concreto, o debate presentouse baixo o título ‘A Dieta Vegana: a mellor para o planeta?’, dentro das ‘Regueifas da Ciencia’.

A favor da extensión da dieta vegana, interviron Laura Batlle, enxeñeira agrícola da Universidade Politécnica de Catalunya; e Ujué Fresán, farmacéutica e investigadora en ISGlobal; en tanto máis partidarios dunha dieta variada, con vexetais, carne e lácteos, estaban Gumersindo Feijóo, Catedrático de Enxeñaría Química da USC e Juan Pascual, licenciado en veterinaria pola Universidade de Zaragoza e vicepresidente para Francia, Iberia e Italia de Elanco.

O debate estruturouse en catro cuestións:

  • ‘É a produción de carne unha das principais causas do cambio climático?’.
  • ‘Existen modelos sustentables de produción de carne, vexetais e peixe?’.
  • ‘É máis sustentable social e economicamente a produción de alimentos vexetais que animais?’.
  • ‘É posible que todo o planeta se converta ao veganismo?’.

Este é un resumo das intervencións

1-É a produción de carne unha das principais causas do cambio climático?

Juan Pascual
“O consumo de carne en Europa e España ten un impacto neutro a nivel climático”

Juan Pascual.

Juan Pascual.

O vicepresidente de Elanco comezou ofrecendo datos sobre a produción de carne na emisión de gases invernadoiro: a nivel mundial é do 14,5%, mentres que a porcentaxe en Europa limítase a un arco entre o 5 e o 6%.

En relación coas emisións de metano, principal gas de efecto invernadoiro das explotacións gandeiras, Pascual precisou que este gas dura na atmósfera só 10 anos, fronte aos mil do CO2. “Falamos das emisións do gando, pero o gando xa estaba aquí. En Altamira había gando, en Norteamérica había gando, e agora hai 80 millóns de vacas”.

Pascual resaltou a necesidade de distinguir entre os tipos de emisións, “pois se poñemos todo no mesmo lugar estamos equivocándonos”.

Sobre a deforestación que se lle atribúe á gandería, o veterinario conclúe que parte do fenómeno é real, pero tamén precisa que está comprobado que continentes como Europa están aumentando a súa superficie forestal nas últimas décadas. Juan Pascual rematou a súa primeira intervención destacando que “o consumo de carne en Europa e España ten un impacto neutro”.

Ujué Fresán
“O metano é 84 veces máis contaminante que o CO2”

O primeiro que apuntou a investigadora do ISGlobal é que as emisións de gases de efecto invernadoiro da gandería están entre o 18 e 20% segundo a FAO, non do 14,5%. Isto sóubose despois de descubrírense erros de cálculo nas medicións, segundo a técnica.

“Durante os dez anos de vida do metano na atmosfera, é 84 veces máis contaminante que o CO2. Se queremos reducir a curto prazo o efecto invernadoiro é imprescindible reducir a emisión de metano da gandería”. Alén diso, outro gas agrario, o óxido nitroso, ten un potencial de quecemento 300 veces superior ao CO2.

Sobre reforestación europea, para Fresán este fenómeno responde, entre outros factores, á importación de produtos doutros continentes onde si se eliminan áreas forestais para o posterior cultivo de soia destinada a consumo animal.

Laura Batlle
“Cantos animais podemos vivir no planeta?”

A enxeñeira agraria contestou cunha pregunta sobre os límites do crecemento: “É certo que os animais estaban aquí, mais cantos animais podemos vivir no planeta?”. Batlle defendeu que os límites do sistema alimentario están sobordados e xa é momento de reformular os parámetros actuais.

Juan Pascual
“O 80% dos gases de efecto invernadoiro veñen dos combustibles fósiles”
Durante a contrarréplica, Pascual apuntou que o potencial de quecemento do metano é 28 veces superior ao CO2 e non 84, como sinalara Fresán. Por outra parte o óxido nitroso é unha parte menor dos gases de efecto invernadoiro.

Por último remarcou que o 80% dos gases de efecto invernadoiro veñen de combustibles fósiles.

2-Existen modelos sustentables de produción de carne, vexetais e peixe?

Laura Batlle
“A produción dun quilogramo de vitela produce uns 30 ou 40 quilogramos de CO2”

Laura Batlle

Laura Batlle

A produción dos tres tipos de alimentos pode mellorarse, mais os valores en canto a gases de efecto invernadoiro nunca serían iguais, declarou Batlle. “A produción dun quilogramo de vitela produce uns 30 ou 40 quilogramos de CO2, mentres que a produción dun vexetal pode implicar 2 quilos de CO2”. Batlle ve posible a redución de emisións na produción de alimentos, pero a actividade gandeira sempre terá emisións moi altas, sostén Batlle.

Ujué Fresán
Desde a mesma postura, Fresán reafirmou que a proteína animal ten máis impacto que a vexetal. Tamén dentro da produción animal existen produtos cun nivel máis baixo de emisións que outros e aínda así, a produción máis eficiente de proteína animal ten máis impacto que a pegada de CO2 máis alta dentro da produción de proteína vexetal.

“Tampouco todo canto se produce a nivel vexetal é sustentable, como son algúns modelos de monocultivo con grande impacto usados para alimentación do gando”, valora.

Gumersido Feijóo
“Hai modelos sustentables? Si. Hai que buscalos? Desde logo. Iso permite ter unha dieta ampla”.
O catedrático de Química sinalou que a regueifa estábase centrando moito na pegada de carbono. Por iso abordou “unha enquisa de Eurostat na que se reflicte que o cambio climático e a falta de auga están entre as tres primeiras preocupacións nos países da UE”. O énfase sobre a pegada de carbono débese, segundo Feijóo, á maior difusión en medios desta cuestión. Así foi que reclamou a presenza no debate da pegada hídrica e a eutrofización dos ecosistemas por malas prácticas agrícolas.

Sobre a mellora na sustentabilidade da produción alimentaria, puxo como exemplo a arte do pincho en pesca, “onde non hai descartes”. A pesca artesanal, por tanto, garante un sistema equilibrado e sustentable, valorou.

Sobre a produción vexetal, Gumersindo Feijóo fixo referencia ao sistema biodinámico e a sistemas nos que é compatible a produción gandeira con cultivos leñosos para froitas ou viño. “Hai modelos sustentables? Si. Hai que buscalos? Desde logo. Iso permitirá ter unha dieta ampla”.

Ujué Fresán – Laura Batlle
“A aplicación do “quilómetro 0”, desde onde aplicar este parámetro?”.
Desde a óptica das científicas que defendían a dieta vegana, a mellora en produción animal e vexetal non implica abandonar a idea de traer cambios no noso tipo de alimentación e por tanto, cambios na cultura alimentaria dos seres humanos, incluíndo a rebaixa do consumo de produto animal.

Por outra parte, sobre a aplicación do “quilómetro 0”, pregúntanse desde onde aplicar este parámetro para considerar un produto libre de emisións.

3-É máis sustentable a produción de alimentos animais ou a de alimentos vexetais?

Gumersindo Feijóo
“O cultivo do aguacate exemplifica como é falso que a agricultura sexa sempre máis sostible que a gandería”.

Gumersindo Feijoo.

Gumersindo Feijoo.

Nesta terceira pregunta, o catedrático de Química apuntou que a pesca sustentable ten un forte peso no PIB dos tres países que máis usan artes peláxicas sustentables : España, Portugal e Xapón. Dentro de España, o 80% do PIB con respecto á pesca sustentable corresponde a Galicia.

Indo a unha economía máis circular, puxo o exemplo do chan agrario galego, moi ácido na costa, punto este que se corrixe co uso das cunchas dos mexillóns para reducir o Ph e permitir unha produción agraria en condicións.

Que a agricultura sexa sempre máis sostible que a gandería non é certo para Gumersindo, que lembra como unha froita como o aguacate dá un grande retorno económico, pero cunha pegada hídrica e química moi elevada.

A conclusión final de Feijóo é que debemos circunscribirnos á contorna, segundo o tipo de produción, senón perderemos a perspectiva.

Ujué Fresán
“Unha dieta vexetal abarataría a cesta da compra”

A investigadora Ujué Fresán chamou a poñerse no lugar das persoas consumidoras. “Finalmente a carne e o peixe elevan os prezos das compras”. En relación a isto, defendeu que o paso sería cambiar as proteínas animais polas vexetais (legumes sobre todo), que reducen o prezo total da compra.

“O prezo que pagamos polos alimentos de orixe animal ademais non é o real, pois o 40% de subvencións ó agro dos gobernos é para producir alimento de orixe animal”.

Fresán tamén advertiu que un futurible imposto á pegada de carbono encarecería a carne e o peixe. “Unha dieta omnívora incrementaría o seu custo. Se substitúes carne por legumes, a diferenza será drástica” no sentido de abaratamento das compras.

Sobre cuestións sociais, Fresán recoñeceu que “hai tantas inxustizas na produción de alimento animal como vexetal, por exemplo, a explotación infantil na produción do cacao”.

Gumersindo Feijóo
O catedrático defende a dieta atlántica, que avoga por comer dúas veces por semana carne, tres veces peixe e o resto son legumes e hortalizas.

4-É posible que todo ou planeta sexa vegano?

Ujué Fresán
“Unha dieta vegana pode mirar mellor polos límites do planeta en canto a auga ou eutrofización”

Ujué Fresán.

Ujué Fresán.

A enxeñeira mantén que unha dieta vegana non precisa de tantos recursos como unha dieta con produtos de orixe animal. Ademais, sostén que unha dieta vegana pode mirar mellor polos límites do planeta en canto consumo de auga ou eutrofización.

Sobre o problema da falta de aceptación social da dieta vegana, opina que é unha cuestión de cultura e de cambio de hábitos. “A cultura gastronómica tamén ten que evoluír e iso é posible. Debemos cambiar a forma de alimentación”. Fresán mostrouse a favor dás dietas atlántica e mediterránea aínda que con menos carne.

Juan Pascual
“Hai xeito de mellorar a produción gandeira, sen demonizala por gustos persoais”
A idea dun planeta vegano é imposible para Juan Pascual. O número de veganos é moi baixo e o 80% de veganos en EE UU renuncian antes dun ano por cuestións de saúde, valorou.

Cando un país sobe no seu nivel de vida, quere consumir aquilo ao que non tivo acceso, como é o alimento animal (leite, carne, ovos, peixe), explica Pascual. Sen produtos como estes, habería que vivir con suplementos químicos de ferro, zinc ou produtos non presentes nas plantas ou con presenza residual, asegura. Pascual advirte tamén de que o veganismo non elimina as emisións: “o 33% do que compramos para comer tirámolo e desa porcentaxe o 85% son vexetais. Hai maneiras de mellorar a produción gandeira e non demonizala por unha cuestión persoal”.

Laura Batlle
Sería posible que todos comésemos a mesma cantidade de carne no mundo igual que come Europa? Sería posible?.

Ujué Fresán
“A dieta actual non é moi boa. A B12 é unha vitamina que os animais teñen no instestino por comeren herba, mais agora case non saen pacer e hai que engadir un suplemento de B12”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información