“É un erro introducir outras razas de abellas porque cando se cruza coa local aparece máis agresividade”

Gilles Fert é un experto na cría, selección e reprodución de abellas e leva décadas viaxando por todo o mundo para axudar ao desenvolvemento do sector apícola en distintos países

Gilles Fert, o pasado 12 de setembro impartindo un curso organizado pola Agrupación Apícola de Galicia na provincia de Ourense

Gilles Fert, en setembro en Ourense impartindo un curso organizado pola Agrupación Apícola de Galicia

Gilles Fert é un dos apicultores máis recoñecidos a nivel internacional e recentemente visitou Galicia para impartir unha serie de cursos a apicultores galegos. Falamos con él dos distintos problemas aos que se enfrontan na actualidade os produtores de mel, do valor das abellas para a sociedade e dos avances por dar a nivel lexislativo para protexelas.

– Desde cando se dedica á apicultura e por que se iniciou nela?
– A partir de cumprir os 18 anos, viaxei coa miña mochila, de país en país, facendo a volta do mundo e traballando en explotacións apicolas durante 5 anos.

– Onde ten as súas abellas e por cantas colmeas está formada a súa explotación?
– Teño a miña propia explotación apícola desde o ano 1987. Está situada nos Pireneos, concretamente en Argagnon. Temos 400 colmeas.

– Ademais de mel, que outros produtos obtén das súas abellas?
– A nosa explotación apícola produce mel e pole. Trashumamos desde este emprazamento nos Pireneos aos bosques das Landas buscando distintos tipos de meles monoflorais e de pole de flores silvestres. Producimos por exemplo mel de rododentro e de calluna a 1.200 metros de altitude no val de Aspe. Vendemos os nosos produtos directamente na propia explotación e en tendas da zona. Ademais, estamos especializados en cría de raíñas e por iso os meus clientes son tamén os meus colegas.

O meu consello é que se seleccione a abella negra local, que é unha abella moi ben adaptada ao medio e máis resistente a enfermidades

– Que recomendacións daría aos apicultores á hora de criar e seleccionar raíñas?
– Eu aconsellaríalles que seleccionen a abella negra local. É unha abella moi ben adaptada ao seu medio ambiente e máis resistente ás enfermidades.

– Foi quizais un erro nos últimos anos centrarse en buscar abellas máis dóciles e produtivas porque quizais iso fíxoas tamén menos resistentes a enfermidades?
– Claro, é un erro importar outra raza. E o peor é que cando se cruzan esas abellas coa local, aparece máis agresividade.

Trabajos de trashumancia en el apiario pirenaico de Gilles Fert

Traballos de trashumancia no apiario de Gilles Fert no Pirineo

– Cales son as principais diferenzas en canto ao manexo e á forma de traballar en apicultura en Francia e en Galicia?
– Non hai grandes diferenzas, pois temos mesma raza de abella e máis ou menos a mesma flora.

Galicia ten un potencial de produción importante e a apicultura permite aos mozos quedar a vivir no rural

– Como valora o nivel de desenvolvemento e profesionalización do sector apícola en Galicia e que aspectos considera que se deberían mellorar?
– Galicia ten un potencial de produción importante, pero o Goberno debe axudar máis ao sector apícola na loita contra a vespa asiatica. Outro punto importante é a plantación de piñeiros, de millo e de eucaliptos de variedades non produtoras desde o punto de vista melífero. Ao final, cada ano, as abellas teñen menos fontes de néctar e pole.

A apicultura ten futuro, en Europa falta mel

– Nos últimos anos está a producirse en Galicia un relevo xeracional, coa incorporación de mozos ao sector. Ve posibilidades para que a apicultura siga crecendo en Galicia?
– Claro que si. A apicultura ten futuro. En Europa falta mel, a UE importa de América do Sur e China. Clientes, turistas, etc. buscan mel de calidade, mel local. E a apicultura permite aos mozos vivir no campo.

– Debería regularse doutro xeito esa importación de mel procedente doutros países á UE da que fala?
– Por suposto. Están a mellorarse os controis con sistemas de análises máis sofisticadas (analíticas de azucre no mel, de pesticidas) pero a regulación debería ser moito máis estrita. Nós en Europa non podemos competir en prezo co mel de China. A nosa aposta debe ser pola calidade, o produto local e os meles diferenciados, por exemplo os monoflorais.

Servicio de polinización de cultivos agrícolas con abejas prestado por Gilles Fert

Servizo de polinización de cultivos de xirasol prestado por Gilles Fert con abellas 

– O feito de que Galicia conte con zonas de bosque natural afastadas de cultivos intensivos supón unha oportunidade para apostar pola apicultura ecolóxica. A diversidade de microclimas, paisaxes e floracións existentes tamén axudaría a esa diferenciación do produto.
– Para os apicultores, é difícil hoxe producir mel ecolóxico, por iso para lograr desenvolver este mel de calidade o consumidor debería valorar o produto e aceptar ter que pagar un pouco máis por el.

En Francia a metade dos ingresos dos apicultores veñen xa dos servizos de polinización que prestan

– A produción de mel era ata o de agora o principal obxectivo dun apicultor. Pero hoxe en día iso quizais estea a cambiar. Considera que o apicultor debería diversificar os seus ingresos para blindarse ante anos malos en canto a produción de mel como ocorre este ano en Galicia? Por exemplo, en Francia os servizos de polinización xa supoñen unha fonte máis de ingresos para os apicultores.
– Efectivamente, aquí a metade dos ingresos veñen da polinizacion. Pero os produtores de froitas ou doutros produtos agrícolas deben aceptar tamén ter que pagar por eses servizos, do mesmo xeito que o dicía no caso do consumidor a respecto do mel ecolóxico. As froitas ben polinizadas consérvanse máis tempo, teñen máis sabor e mellor gusto e aroma, a maiores de que se hai unha boa polinización o produtor vai obter un maior volume en canto a produción.

“En Galicia o goberno debe axudar máis ao sector apícola na loita contra a vespa asiática”

Gilles Fert, junto a los integrantes de la Asociación Apícola de Galicia que participaron en el curso

Gilles Fert, xunto aos integrantes da Asociación Apícola de Galicia que participaron no curso

O feito de que a vespa asiática chegase a Europa vía Francia fai que os apicultores galos fosen os primeiros en teren que enfrontarse a ela. Desde a súa descuberta no ano 2005 no suroeste francés, os intentos para frear o seu avance foron numerosos pero infructuosos, pois ano a ano coloniza novos territorios. Gilles Fert conta con experiencia contrastada na defensa das abellas fronte á vespa invasora e reclama maior implicación das autoridades para o control da praga.

– En Francia, do mesmo xeito que ocorre en Galicia, levades anos loitando contra a vespa velutina. Existen solucións efectivas contra ela? Como a combatedes vós?
– En Francia está moi estendido o uso da arpa eléctrica. A xente aquí trampea tamén cada vez máis e máis na primavera para matar as raíñas de avespa que saen do inverno.

Debe restrinxirse o uso de pesticidas, pero é difícil para un agricultor cambiar as súas prácticas de maneira brutal, por iso debemos axudarlles

– A varroa constitúe, neste momento, outro dos principais problemas para os apicultores. Como se realizan os tratamentos en Francia? Son efectivos os novos tratamentos orgánicos que se están aplicando?
– Temos máis de 30 anos de experiencia coa varroa. Cada ano apréndese máis para loitar contra ela. Hoxe é posible controlar a varroa con produtos orgánicos como o ácido oxálico ou aceites esenciais. É o que se utiliza en Francia.

Gilles Fert en un momento de la explicación sobre cría de reinas

Explicación sobre cría de raíñas

– As abellas cada vez necesitan máis coidados. Volveuse a apicultura un oficio moi técnico ou son as abellas máis delicadas e menos resistentes?
– As abellas non son máis delicadas. Pero teñen máis desafíos por diante para sobrevivir. Primeiro, o cambio de medio ambiente cunha agricultura industrial; máis actividade humana; un parasito, a varroa, que afecta á súa saúde; a vespa asiática; etc.

– Cales son os principais efectos do cambio climático sobre a apicultura e que deberían facer os apicultores dun lugar como Galicia para adaptarse a eles?
– O cambio climático afecta máis as plantas que ás abellas. As abellas teñen unha capacidade de adaptación fenomenal. Pero, indirectamente, as abellas non atopan o néctar e o pole que necesitan cando o necesitan.

As abellas teñen unha capacidade de adaptación incrible, pero o cambio climático aféctalles porque non atopan o néctar e o pole cando os necesitan

– É dabondo a actual regulación dos pesticidas?
– Por suposto que non! Pero é difícil para un agricultor cambiar as súas prácticas de maneira brutal, por iso debemos axudarlles. É unha tarefa de todos, tamén dos consumidores, que deben aceptar pagar máis por ter na súa mesa produtos de calidade.

En moitos países do mundo son as mulleres as que se encargan do coidado das abellas

– Vostede viaxou por outros países formando a apicultores de todo o mundo. Que é o que máis lle chamou a atención?
– A apicultura é o traballo das mulleres en moitos países. Son elas tamén as que traballan a horta, atenden a outros animais como as galiñas e teñen unha relación especial coas abellas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información