“É un erro gastar o diñeiro nos cabalos do tractor e non investir en tecnoloxía”

Marcos Esteve é un mozo agricultor navarro que revolucionou a explotación familiar grazas á dixitalización, a toma de datos e a agricultura de precisión, conseguindo aumentar un 40% a produción de cereais e reducindo un 85% a utilización de fitosanitarios. Tamén baixou un 30% o uso de abonos e o gasóleo para a maquinaria

Marcos no seu tractor, dotado con condución autónoma por GPS

Marcos traballando no seu tractor, dotado con condución autónoma por GPS

Malia a súa mocidade, Marcos Esteve Pamias demostra ter as cousas moi claras. Con só 24 anos non se deixa arrastrar por competicións máis habituais á súa idade, como a da potencia do tractor, e prefire dispoñer de maquinaria máis precisa que lle axuda a cultivar de forma máis personalizada e eficiente, con tecnoloxía que lle facilita a toma de decisións máis acertadas. Está considerado o Messi da agricultura de precisión e contou a súa experiencia nun recente webinar organizado por COAG baixo o título De Enxeñeiro a Tecno-Agricultor.

A súa explotación, situada na Valdorba, na zona media de Navarra, a só 30 quilómetros de Pamplona, está formada por 220 hectáreas dedicadas á produción de cereais. A súa familia, orixinaria de Cataluña, trasladouse a esta zona cando Marcos tiña 5 anos. A súa nai e o seu tío rexentaban a explotación pero a principios de 2016 o seu tío marchouse a traballar fóra e a súa nai quedou soa á fronte da finca. Foi entón cando Marcos se empezou a implicar máis ata que por un problema de saúde da súa nai tivo que coller el a explotación. Estaba aínda estudando a carreira de enxeñería mecánica, así que aplicou os seus coñecementos de termodinámica ao campo.

Non tiña nin idea de campo, pero son un entusiasta das máquinas e empecei a ver que tecnoloxía se podía utilizar

“Viñemos de Barcelona e non tiña nin idea de campo, pero son un entusiasta das máquinas. Eu fun autodidacta e empecei a ver que tecnoloxía se podía utilizar. Quería ser máis eficiente e máis preciso nas sementeiras, o abonado e os tratamentos”, explica Marcos. Pero as ferramentas coas que contaba non lle servían para iso. “Non tiña nada, só un tractor sen GPS, pero non tiña automatización, nin conectividade, nin tampouco datos de colleita”, explica. Así que decidiu investir. Pero non o fixo ao uso, senón que mercou unha estación meteorolóxica, un dron, software para interpretar datos e maquinaria agrícola capaz de traballar a partir deles para realizar os labores no campo.

Unha mensaxe boa para os agricultores sería non fixarse na potencia do tractor

“Hai xente que inviste en cabalos, pero a maquinaria debe estar dimensionada. O meu tractor ten 155 cabalos, é dos máis pequenos da zona”, explica. O seu razoamento: “para que investir ese diñeiro nunha cuestión mecánica podendo dedicalo a tecnoloxía?”, razoa. “É un erro gastar o diñeiro na potencia do tractor, non hai que investir en cabalos senón en tecnoloxía doutro tipo que nos permite aos agricultores ser máis eficientes e produtivos”, afirma.

Unha agricultura máis respectuosa co medio ambiente

Un dos campos de cereal que cultivan. En total traballan 220 hectáreas nas que botan trigo, cebada, avea e leguminosas

Un dos campos de cereal que cultivan. Adican 150 hectáreas a trigo, cebada e avea

A súa nai e o seu tío decidiron probar a agricultura biodinámica en 2011, sen usar herbicidas, fitosanitarios nin fertilizantes químicos, dedicando a metade da superficie a forraxes e leguminosas e cultivando mediante desherbado mecánico e grande achega de materia orgánica ao chan. Pero tras catro anos producindo en ecolóxico, pasáronse de novo a convencional para aumentar a rendibilidade. “A agricultura biodinámica e ecolóxica non era viable economicamente”, recoñece.

Logo de catro anos producindo en ecolóxico pasáronse de novo a convencional para aumentar a rendibilidade

Con todo, non querían desperdiciar as melloras na calidade do chan que lograran neses catro anos. “Decidimos pasarnos a convencional pero sendo o máis respectuosos posible co medio ambiente. O noso obxectivo era optimizar o rendemento e reducir a pegada ambiental”, explica.

Mellores rendementos

Catro anos despois de terse feito cargo da explotación familiar, Marcos logrou os dous obxectivos. Dunha banda, conseguiu aumentar un 42% os rendementos en cereais, pero reducindo un 86% a utilización de fitosanitarios, un 30% os abonos e un 27% o gasóleo usado no tractor.

Desde que colleu a explotación familiar conseguiu aumentar en máis dun 40% os rendementos produtivos en trigo e cebada

A colleita de trigo, por exemplo, pasou de 4.948 toneladas no 2016 a 7.050 no 2020, o que supón un incremento do 42%, un crecemento similar ao obtido no resto de cultivos, como a cebada, que pasou dunhas 4.000 toneladas a unhas 6.500. Comercializan a produción a través dunha cooperativa da zona, a Sociedad Cooperativa Cerealista Valdorba. “É o menos arriscado”, di.

Rotacións con leguminosas

Sementan cada ano unha cuarta parte da finca con chícharos, veza ou fabas para aportar materia orgánica e fixar nitróxeno no chan

Sementan cada ano un cuarto da finca con leguminosas para aportar materia orgánica e fixar nitróxeno no chan

Logo de pasarse en 2016 a convencional, Marcos decidiu manter certas prácticas usadas anteriormente en agricultura ecolóxica. É o caso das rotacións de cultivos e o uso de leguminosas para fixar nitróxeno no chan. “Nas 220 hectáreas que traballamos facemos numerosas rotacións. Unhas 150 témolas a trigo, cebada e avea e as 50 restantes a leguminosas, chícharo, veza ou fabas normalmente. Desta forma rotamos cada 4 anos toda a leira para poñer leguminosas. Iso permítenos manter boas análises de chans e reducir abonos. A rotación de cultivos con leguminosa para nós é algo fundamental, xa que controlas a mala herba e melloras o abonado ao manter a materia orgánica no chan e a fixación de nitróxeno. Queremos deste xeito seguir mantendo o que conseguimos neses catro anos de agricultura biodinámica”, explica.

Dispoñen de 220 hectáreas de superficie e os principais cultivos son trigo, cebada, avea e leguminosas

Outra das técnicas que están a implementar é sementeira directa. “Recollemos os chícharos e picamos os restos para abono verde e facemos sementeira directa enriba da leguminosa con moi bos resultados. Este ano esa foi a mellor parcela con diferenza”, asegura.

Sementan cada ano unha cuarta parte da superficie de cultivo con chícharo, veza ou fabas e o 7% que valora a PAC queda a barbeito con cuberta vexetal de forraxe

Picar palla ou usar abonos orgánicos son outras técnicas de agricultura biodinámica que empregan para mellorar a estrutura da terra. De feito, manteñen a barbeito con cuberta de forraxe un 7% da superficie para cumprir coas esixencias da PAC e deixan unha marxe de 2 metros en ríos e leitos fluviais.

Abonado variable

Utilizan mapas de cultivo para delimitar as zonas máis produtivas

Utilizan mapas de cultivo para delimitar as zonas máis produtivas

Marcos fai cultivo de secaño, pero nesta zona de Navarra prodúcense entre 600-700 mm anuais de pluviometría. Unha das apostas máis interesantes da agricultura de precisión que está a implementar é a dosificación variable de abonos e fitosanitarios e os anchos variables en sementeira, cuestións que quere seguir potenciando. Os seus próximos pasos irán encamiñados a un maior coidado da fertilidade e a estrutura do chan, mediante a agricultura de conservación a través de sementeira directa, con dosificación variable e abonado localizado.

Os seus próximos pasos irán encamiñados a un maior coidado da fertilidade e a estrutura do chan, mediante a agricultura de conservación a través de sementeira directa, con dosificación variable e abono localizado

O seu método de fertilización consiste actualmente nun abonado variable baseado en mapas de cultivo sobre resultado de rendemento de colleitas na parcela, fertilizando máis aquelas zonas que teñen máis potencial para obter mellores rendementos. “Potenciamos as boas zonas con máis nitróxeno, aquelas nas que o cultivo vai ter capacidade para aproveitalo, e botamos menos fertilizante noutras, porque o exceso de nitróxeno non serve para abonar e obter máis produción, pérdese e acaba nos ríos e regatos”, explica.

Só no último ano logrou reducir un 8% os abonos e obter un 16% máis de colleita

“Eu tiña unha abonadora manual e cando lle instalei a apertura variable ese investimento amortizouse no primeiro ano. E unha vez amortizado xérache un beneficio a longo prazo”, valora en canto á relación custo-beneficio de aplicación da tecnoloxía. Desta forma, abonando só o necesario en cada caso, en función da potencialidade de cada chan, no último ano conseguiu reducir un 8% o uso de abonos pero sacando un maior rendemento á terra, cun incremento do 16% na colleita.

Herbicida só se é necesario

A sulfatadora dispón de regulación variable

A sulfatadora dispón de regulación variable e corte de seccións

O mesmo criterio que segue co abono (usalo só onde é necesario e onde serve para potenciar o cultivo) aplícao tamén aos herbicidas e praguicidas. “En sementeira directa aplicamos o glifosato localizado ao principio para non mover a terra e se a leira ten zonas onde non hai mala herba, para que tratar con herbicida aí?”, argumenta Marcos. O mesmo que se o cultivo está medrado. “A mala herba aínda que saia xa non lle vai a facer nada, así que non fai falta nin merece a pena tratar”, defende. “Este ano nunha finca de 50 hectáreas tratei só 5 hectáreas”, exemplifica.

Non me gusta usar glifosato. Controlamos as malas herbas con mecanización, facemos sementeira tardía e estamos empezando a facer sementeira directa despois de leguminosa e funciónanos moi ben

O uso racional de fitosanitarios é outro dos cambios que se aveciñan a curto prazo, impulsados desde a UE, xa que do mesmo xeito que sucede na gandería coa eliminación da aplicación de antibióticos con carácter preventivo á aparición de enfermidades no gando, a agricultura tamén camiña cara a unha limitación dos tratamentos previos á aparición de pragas e malas herbas.

A Xestión Integral de Cultivos, algo ao que obriga unha normativa europea desde 2015 e que Marcos xa realiza, implica vixiar moito máis ás plantas para estar atentos á aparición de posibles pragas ou enfermidades para poder tratalas co produto adecuado no seu momento xusto.

As bases da agricultura 4.0

Marcos dispone de un dron multiespectral

Marcos dispón dun dron multiespectral e un software de fotogrametría para interpretar a información

Toma de datos, interpretación e dosificación variable. Así podería resumirse a agricultura do futuro, un futuro moi próximo, tanto que xa está presente en explotacións como a de Marcos. “A agricultura é xa a día de hoxe un sector moi tecnolóxico, non é un traballo pesado, senón tecnificado. E se queremos ser máis sostibles e producir máis con menos este é o camiño. Vaise esixir desde Bruxelas na nova PAC esa redución da nosa pegada ambiental”, razoa.

Optimizar os labores produtivos permitiu a este agricultor navarro reducir a compra de insumos: un 30% menos de abonos, un 86% menos fitosanitarios e un 27% menos gasóleo. Este feito, sumado ao incremento de máis dun 40% na produción, serviulle para aumentar de forma notable a rendibilidade da súa explotación.

Un dato non vale o suficiente se non sabes interpretalo

A clave está en tomar decisións acertadas. “Un dato non vale o suficiente se non sabes interpretalo. Unha cousa non quita a outra: podes ter moita tecnoloxía de toma de datos pero o que che dá a información final e che permite tomar unha decisión é a súa interpretación”, asegura.

Condución autónoma

Cadro de mandos do tractor

Cadro de mandos do tractor

Marcos dispón hoxe dun tractor John Deere 6155R dotado con automatización e telemetría avanzada, unha abonadora con apertura variable e unha sulfatadora con dosificación variable e corte de seccións. “Eu vou ao campo e o tractor faino todo por min. Eu dedícome a ver unha película e comprobar que todo está a funcionar ben. Que vaia o tractor só xa é algo básico”, di.

Pero aínda que o tractor realice todas as tarefas de forma autónoma, “tes que ir sentado ao volante igualmente, xa que en caso de levantarte o tractor detense”, explica. É unha cuestión de normativa, que en moitos casos vai moi por detrás das posibilidades que ofrece a tecnoloxía. “Hai lexislación obsoleta que supón un freo á introdución de melloras no campo”, asegura.

Hai lexislación obsoleta que supón un freo á introdución de melloras no campo. Aínda que o tractor realice todas as tarefas de forma autónoma, tes que ir sentado ao volante igualmente, xa que en caso de levantarte o tractor detense

A automatización das tarefas en campo, co autoguiado, o xiro automático nas cabeceiras e o deseño de traxectorias óptimas, permitiu a Marcos reducir un 20% os solapamentos e optimizar un 30% o uso do tractor. Por exemplo, en 2019 en 16 horas de traballo e un consumo de 291 litros de gasóleo logrou traballar unha superficie de 29,3 hectáreas, mentres que en 2020 no mesmo tempo e co mesmo consumo de combustible traballou 38,3 hectáreas.

Ao pisar menos o terreo compactas menos o chan

A mellora de traxectorias, sumado á aplicación localizada de abono e herbicida, permitiulle reducir as horas de traballo (ata un 60% menos de tempo total en realizar os distintos labores) e usar un 27% menos de combustible, o que, ademais do aforro económico, equivale, no seu caso, a 3,3 toneladas menos de CO2 emitidas á atmosfera. Ao mesmo tempo, prodúcense tamén vantaxes a nivel do terreo. “Abono aplicas só onde necesitas fertilizar e fitosanitarios só onde necesitas tratar e ao pisar menos o terreo compactas menos o chan”, razoa.

Estación meteorolóxica propia

Estación meteorolóxica, que agora quere complementar con sensores climáticos de de chan

Estación meteorolóxica, que agora quere complementar con sensores climáticos e de chan

O centro de operacións de John Deere (John Deere Operations Center) é tamén a plataforma principal de datos que usa este agricultor. “Permíteme unificar e aglutinar os datos e a información de distintas aplicacións”, indica, como a monitoraxe das fincas, seguimento de cultivo e datos de colleita que obtén a través de Satagro.

Marcos dispón tamén dunha estación meteorolóxica propia e un dron e fai un rexistro personalizado de todas as parcelas para despois avaliar como actuar en cada caso, tamén mediante a axuda de tecnoloxía. “Teño un dron multiespectral e un software de fotogrametría que me permite interpretar esa información”, explica.

A estación meteorolóxica custounos 3.000 euros, pero se aplicas un herbicida e non che funciona porque as condicións climáticas non son as idóneas perdes moito máis diñeiro que todo iso

A estación meteorolóxica custoulle 3.000 euros, pero considera que é un investimento moi rendible. “Se aplicas un herbicida e non che funciona porque as condicións climáticas non son as idóneas perdes moito máis diñeiro que todo iso”, argumenta. “A estación meteorolóxica permítenos ser moito máis precisos nas aplicacións de tratamentos e escoller condicións idóneas de humidade, temperatura e velocidade do vento para pulverizar”, engade. Agora pretende incorporar un maior número de sensores climáticos, engadir sensores de chan e mellorar a detección de malas herbas a través de drons, así como avanzar no big data e o desenvolvemento de algoritmos.

Apoio institucional efectivo

A transición cara á agricultura de precisión obriga a reformular o actual modelo de axudas públicas e subvencións á agricultura. “Eu non tiven axudas de ningún tipo para incorporarme, porque non se adaptaban ás miñas necesidades. As axudas deben ser acorde ao que necesita cada agricultor, non con carácter xenérico e que ás veces te obrigan a sobredimensionarte”, denuncia.

Cando empecei fai catro anos non tiña nada: tiña un tractor sen GPS, nada de automatización nin conectividade, e nin sequera tiña datos de colleita

Para mozos como Marcos, a tecnoloxía non é algo estraño, pero a fenda dixital que sofren aínda hoxe as zonas rurais impide en moitos casos usar as novas ferramentas en todo o seu potencial. “A cobertura da internet é básica. Se ti tes un tractor 4G e non tes conectividade nunca poderás facer unha agricultura 4.0”, evidencia.

A xestión das Administracións públicas debe facilitar as infraestruturas de banda ancha necesarias pero o seu labor debe centrarse tamén na formación. “Eu fun autodidacta e dediquei moitísimas horas para formarme e estudar a tecnoloxía dispoñible e en moitos casos é un sistema proba-erro, así é como vas avanzando”.

Finalmente, Marcos alerta sobre a avalancha de tecnoloxía. “Non toda a tecnoloxía é útil, hai que analizar cal é a que a ti che vai a supoñer unha mellora. E necesitamos que a tecnoloxía sexa sinxela e intuitiva”, reclama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información