“É suicida poñer a alimentación da poboación nas mans de terceiros países”

As protestas contra o acordo de Mercosur esténdense a Lugo e A Coruña, mentres que en Xinzo os agricultores que mantiñan a autovía A-52 cortada desde a fin de semana levantaron o bloqueo

En Lugo os tractores saíron tamén á rúa este luns para bloquear a Ronda da Muralla

En Lugo os tractores saíron tamén á rúa este luns para bloquear a Ronda da Muralla

As protestas en contra do acordo comercial entre a Unión Europea e o Mercosur multiplícanse tanto en Galicia como no resto de Europa a medida que se achega a data da sinatura definitiva entre as partes, previsto para o vindeiro sábado día 17 en Asunción (Paraguai). 

Tras máis de 25 anos de negociacións, as autoridades comunitarias plasmarán a súa sinatura xunto aos representantes de Brasil, Arxentina, Bolivia, Paraguai e Uruguai. O pasado venres 9 de xaneiro o tratado comercial alcanzou en Bruxelas a maioría cualificada necesaria para a súa ratificación por parte das autoridades comunitarias, ao obter o apoio de 55% dos países, que representan máis do 65% da poboación da UE.

Só Francia, Polonia, Austria, Hungría e Irlanda votaron o pasado venres en contra do acordo en Bruxelas

Mobilización do Sindicato Labrego na Coruña.

Mobilización do Sindicato Labrego na Coruña.

Para tratar de aplacar as protestas de agricultores e gandeiros que se están a multiplicar por toda Europa e convencer aos países reacios, a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen prometeu cláusulas de salvagarda que garantan que os produtos importados compiten en igualdade de condicións aos producidos dentro do territorio da UE, pero o ministro de Asuntos Exteriores de Paraguai, Rubén Ramírez, que ostenta nestes momentos a presidencia rotatoria de Mercosur, asegurou inmediatamente que estas cláusulas “non forman parte” do acordo asinado no mes de decembro en Montevideo cos representantes da UE. 

Marcha de tractores en Lugo

manifestacion Mercosur Lugo (12-1-26)2Convocados polas asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema e acompañados duns 50 tractores, varios centos de gandeiros manifestáronse este luns fronte á sede da Xunta e do Goberno central en Lugo para rexeitar a sinatura do acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur, un tratado que tería, din, “un grave impacto directo sobre o sector primario, o rural e o modelo produtivo do noso país”.

Fegaporc, Proecogal e Ovica sumáronse as protestas que tiveron lugar en Lugo

Fronte ás dúas Administracións, os convocantes denunciaron o “silencio cómplice” das autoridades locais, autonómicas e estatais e leron senllos manifestos dirixidos tanto á Xunta de Galicia como ao Goberno central asegurando que “a ratificación deste acordo tería consecuencias irreversibles: destrución de explotacións familiares e perda de postos de traballo directos e indirectos; despoboamento acelerado do rural, afectando á cohesión territorial e social; dependencia alimentaria exterior, reducindo a capacidade do país para decidir que produce e que consome; entrada de produtos con estándares non equivalentes, comprometendo a seguridade alimentaria e a confianza dos consumidores; desvalorización do traballo agrogandeiro, ao obrigar a competir con prezos que ningún modelo europeo pode igualar sen perder calidade ou sustentabilidade”, enumeran.

Veto político

manifestacion Mercosur Lugo (12-1-26)3Ante esta situación, consideran que “o silencio institucional é a día de hoxe unha das maiores fontes de preocupación e incerteza. As administracións teñen o deber de protexer un pilar estratéxico da economía, do territorio e da sociedade. Que medidas se prevén para evitar esta competencia desleal?”, preguntaron os manifestantes congregados en Lugo.

Denunciamos o silencio cómplice das autoridades locais, autonómicas e estatais

Logo de facer unha defensa explícita da soberanía alimentaria, no manifesto entregado tanto na Xunta como na Subdelegación do Goberno e asinado tamén por outras organizacións como a Federación Galega de Porcino, os produtores piden “un veto político ao acordo mentres non se garantan condicións equitativas e xustas”.

“Decimos non ao tratado UE-Mercosur nas condicións actuais e pedimos a aplicación do principio de reciprocidade, garantindo que ningún produto externo poida entrar no mercado europeo sen cumprir os mesmos estándares esixidos ás explotacións locais”, reiteraron.

Prexuizos para os consumidores

manifestacion Mercosur Lugo (12-1-26)10Ao final do percorrido, os produtores colocaron un stand informativo para explicar aos consumidores os efectos que a sinatura do acordo co Mercosur terá para a saúde e a seguridade alimentaria da poboación.

“O sector agrogandeiro leva anos soportando unha presión crecente: incremento de custos, esixencias legais cada vez máis complexas, redución de marxes e incerteza estrutural. A pesar diso, continúa garantindo alimentos de calidade, seguros, trazables e producidos baixo os estándares máis altos de calidade da UE”, argumentan.

As cláusulas espello son un cuento chino; non se cumpren co que vén de Marrocos e non se van cumprir tampouco co que vai vir de Suramérica

“Este esforzo contrasta coa proposta de permitir a entrada masiva de produtos procedentes de países que non cumpren os mesmos requisitos ambientais, sanitarios, laborais nin de benestar animal. Isto supón unha competencia desleal que pon en risco a viabilidade das explotacións locais”, denuncian. 

Protesta na Coruña

O Sindicato Labrego Galego concentrouse este luns diante da Delegación do Goberno na Coruña e das instalacións do porto buscando a mobilización social en contra dun acordo que, din, “suporá a competencia desleal de miles de toneladas de carne de vacún, de polo, porco, mel, lácteos, e outros moitos produtos alimentarios producidos nos países de Mercosur empregando agrotóxicos prohibidos na UE, e con normas laborais, de protección da saúde, do medio ambiente e de benestar animal moito máis baixas”. “É un grave problema para a xente labrega pero tamén de saúde pública e pretenden empregar a agricultura como moeda de cambio”, asegura María Ferreiro, secretaria xeral do SLG.  

O SLG ten unha longa historia de loita en contra de acordos comerciais como o TTIP cos Estados Unidos ou o CETA con Canadá

A sinatura prevista en Paraguay o vindeiro sábado marca o inicio do camiño institucional que debe percorrer o acordo para converterse en norma aplicable, xa que o Tratado UE-Mercosur ten que pasar polo Parlamento Europeo para a súa ratificación ou rexeitamento, motivo polo cal desde o SLG piden un pronunciamento claro en contra dos europarlamentarios galegos e españois. 

Levantamento do bloqueo á A-52 en Xinzo

Momento do levantamento do bloqueo á autovía A-52 en Xinzo de Limia

Momento da marcha dos tractores que cortaban a autovía A-52 en Xinzo de Limia

Mentras, os agricultores e gandeiros que mantiñan desde este sábado pechada ao tráfico a autovía das Rías Baixas á altura de Xinzo de Limia optaron este luns por levantar o bloqueo e retirar os tractores para manter a concentración “sine die” fronte á subdelegación do Goberno en Ourense,

Novas mobilizacións o vindeiro domingo

Tanto as protestas dos produtores en Ourense como as de Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema en Lugo teñen carácter indefinido. A maiores, están previstas novas convocatorias de mobilizacións esta semana en Galicia, coma a do colectivo agro-gandeiro Elas Eles do dia 18 de xaneiro en Lugo, Ourense e A Coruña, ás que xa se sumou tamén a Fruga. 

Consecuencias do acordo: importación de 99.000 toneladas anuais de carne de vacún, das que 44.000 serían de carne conxelada

Unha imaxe da protesta este luns en Lugo

Unha imaxe da protesta este luns en Lugo

Segundo datos de Eurostat, o intercambio de bens entre a UE e Mercosur foi de 111.000 millóns de euros, no ano 2024, dos que 55.200M€ corresponden ás exportacións da UE cara Mercosur e 55.000M€ ás importación. Do total das exportacións da UE o 28,1% son imputábeis ao ámbito da maquinaria e aparatos, o 25,0% a químicos e fármacos e o 12,1% a equipos de transporte, pola contra as importacións procedentes de MERCOSUR centran-se en produtos agrícolas (42,7%), minerais (30,5%) e pasta e papel, xa a moita distancia, co 6,8%.

Por outra parte, segundo Bruxelas a eliminación das tarifas arancelarias suporían un aforro de 4.000M€ ao ano, sendo o sector das pezas de automóbil o máis beneficiado, seguido da maquinaria e os produtos químicos. “Fica claro, de acordo con estes datos, que os sectores europeos mais beneficiados con este acordo serán o do automóbil e os seus compoñentes, así como os bens de equipo e maquinaria industrial, os produtos químicos e farmacéuticos”, asegura Elías Somoza, presidente de Federación Rural Galega (Fruga).

O 7,4% das importacións agroalimentarias españolas proceden na actualidade de Mercosur, fronte a unhas exportacións de tan só o 0,6%

Na actualidade, os países do Mercosur representan unicamente o 0,6% das exportacións agroalimentarias españolas (463 millóns de euros anuais) fronte a unhas importacións por valor de 4.118 millóns de euros. O 7,4% das importacións españolas de produtos de alimentación proceden do Mercosur, o que o sitúa como o segundo maior país importador da UE de alimentos procedentes de Brasil, Arxentina, Uruguai, Paraguai e Bolivia.

A carne de vacún, un dos principais continxentes

Segundo consta no texto do Acordo, está prevista a importación por parte da UE de 99.000 toneladas equivalentes de canais de carne procedentes de Mercosur, das que 55.000 corresponden a carne fresca de bovino e as outras 44.000 serán de carne conxelada, cunha tarifa arancelaria reducira do 7,5%. Este volume de carne entrará gradualmente na UE e de maneira acumulativa en seis etapas a partir da sinatura do acordo.

Brasil e Arxentina ocupan o segundo e sexto posto entre os principais produtores a nivel mundial

Segundo os datos do Ministerio de Agricultura, no ano 2023 Galicia representaba o 13,96% da produción de carne de bovino do Estado, só por detrás de Cataluña e Castela e León, co 18,88% e 16,82% respectivamente. “Parece bastante evidente que unha entrada masiva de carne de bovino procedente de Mercosur vai ter un grande impacto en Galicia, tanto no que ten a ver coa evolución negativa das explotacións deste sector, e polo tanto abandono do rural, así como sobre os prezos. Outros sectores potencialmente afectados tamén poderían ser os da avicultura e o do mel”, afirma Elías Somoza.

“Por outra parte as condicións nas que se desenvolve o sector de bovino de carne en países como Brasil e Arxentina, que ocupan o segundo e sexto posto entre os países máis produtores a nivel mundial, tanto no que ten a ver coas dimensións das explotacións como nas condicións laborais e de cumprimento de determinados requirimentos produtivos e medioambientais fan que os seus custos de produción sexan moito menores”, argumenta.

UUAA pide unha “aplicación responsable” do acordo

Desde Unións Agrarias non se mostran en contra do tratado comercial con Mercosur e piden unha “estratexia de aplicación responsable do acordo” con “controis efectivos en fronteira e inspeccións en orixe que garantan unha reciprocidade real nos estándares sanitarios, ambientais e de benestar animal para que non accedan ao mercado europeo produtos producidos baixo condicións que non serían legais na Unión Europea”. “Sen unha aplicación estrita destas garantías, o acordo suporía un risco inasumible para a renda das explotacións gandeiras galegas”, admiten.

Sen controis efectivos en fronteira e inspeccións en orixe, o acordo supón un risco inasumible para a renda das explotacións gandeiras galegas

Sen embargo, relativizan as cifras de importacións previstas: “No caso do vacún, o continxente anual autorizado con arancel reducido (99.000 tm/ano), representa apenas o 1,5% da produción total da Unión Europea. En termos de consumo, este volume equivale a uns 220 gramos de carne por habitante e ano no conxunto da UE, fronte a un consumo medio anual superior aos 10 quilos por persoa. No sector das aves, o continxente acordado ascende a unhas 180.000 toneladas, arredor do 1,3% da produción comunitaria, o que supón uns 400 gramos por habitante e ano, nun contexto no que o consumo medio anual supera os 23 quilos por persoa.

No porcino, o impacto é aínda máis reducido: unhas 25.000 toneladas anuais, apenas o 0,1% da produción europea, equivalentes a uns 55 gramos por habitante e ano fronte a un consumo medio próximo aos 32 quilos anuais”, detallan.

O maior perigo non reside tanto no volume global das importacións como na súa concentración nunha determinada época do ano ou nas mans dun único operador

Unións Agrarias comparte a preocupación existente no sector gandeiro galego polo acordo UE-Mercosur e considera que os riscos que este introduce non poden ser ignorados nin minimizados. Non obstante, din, “á vista dos termos pactados, o maior perigo para a renda das explotacións non reside tanto no volume global das importacións previstas, limitado polos continxentes arancelarios, como na posibilidade dunha aplicación desequilibrada (concentración das importacións nunha determinada época do ano ou dun determinado operador), que poida derivar en presións indebidas á baixa na formación dos prezos, especialmente nos segmentos máis sensibles do mercado”.

Galicia ten unha forte dependencia estrutural das importacións exteriores para a alimentación animal

Ademais, xustifican, “o acordo insírese nun contexto de elevados riscos de subministración da UE, derivados da forte dependencia estrutural das importacións exteriores para a alimentación animal. A UE importa arredor do 95 % da proteína vexetal de alto contido que consume, así como importantes volumes de millo, no que tamén resulta deficitaria.

No caso galego, esta dependencia é especialmente acusada: Galicia depende ao 100% das importacións para a alimentación de aves e porcino, máis do 40% da ración alimenticia do vacún de leite e arredor do 26% das necesidades do vacún de carne. Esta realidade debe actuar como un acicate para avanzar nunha estratexia europea de autosuficiencia alimentaria.

En Galicia, esa estratexia debe pasar necesariamente por unha aposta decidida polo incremento da Superficie Agraria Útil, como base para avanzar cara a unha maior autonomía alimentaria e cara a mercados estables de subministración, que eviten a volatilidade dos prezos e as alzas dos custes de produción, nun contexto internacional cada vez máis incerto polas tensións xeopolíticas entre bloques e pola guerra arancelaria aberta cos Estados Unidos”, argumentan.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información