É sempre o eucalipto a árbore máis rendible?

Unha xornada sobre a especie organizada pola Asociación Forestal de Galicia advirte do escaso rendemento que xeran as plantacións en terreos de escasa produtividade ou non mecanizables

É sempre o eucalipto a árbore máis rendible?

O eucalipto require terreos de calidade media alta e mecanizables.

O monte galego xa non é o banco de aforros que representaba hai décadas para as familias, pois a perda de valor da madeira reduce os terreos rendibles. O problema afecta incluso ó eucalipto, a especie madeireira que maior rendibilidade anual ofrece en Galicia. Os cálculos elaborados pola Asociación Forestal de Galicia (AFG) para unha xornada sobre a especie conclúen que os investimentos en eucalipto son desaconsellables en terreos de produtividade baixa ou pouco mecanizables.

O eucalipto só se considera rendible en montes de calidade media-alta e que permitan un alto nivel de mecanización. “Con produtividades por baixo de 15 metros cúbicos por hectárea e ano, os investimentos en eucalipto non son rendibles”, subliñan desde a Asociación Forestal. “En investimentos a tantos anos, que implican traballos e un certo risco, consideramos que se deben buscar rendibilidades de alomenos un 7% anual”, precisa Daniel Rodríguez, técnico da AFG.

“Un terreo inferior a media hectárea hai que consideralo non mecanizable. O mesmo sucede cos de elevada pendente ou pedregosidade”

En montes de baixa calidade ou que permitan unha escasa mecanización, ese mínimo non se acadaría, segundo os cálculos do colectivo, que agrupa a propietarios forestais e comunidades de montes. “Un terreo inferior a media hectárea hai que consideralo non mecanizable, nalgún caso incluso ata unha hectárea, pois quizais non compense o desprazamento ó lugar dunha procesadora forestal. En terreos de elevada pendente ou pedregosidade poden darse tamén problemas de mecanización”, explica Rodríguez.

Alternativas
O minifundio forestal en Galicia deixa de cando en cando estampas de pequenas tenzas de 1.000 ou 2.000 metros cadrados plantadas a eucaliptos. Son investimentos que, desde a óptica económica da Asociación Forestal de Galicia, hai que poñer en entredito.

“Postos a non gañar cartos, en determinadas parcelas hai que cambiar o chip e pensar no longo prazo” -propón Daniel Rodríguez.- “Quizais sexa útil favorecer especies frondosas con carácter protector, que por exemplo, en determinadas situacións, poidan actuar como cortalumes naturais ou que xeren biodiversidade. A biodiversidade e diversificación non implican sempre unha redución de resultados económicos. O propietario pode pensar, ‘planto piñeiro ou eucalipto e gaño máis’, pero igual non”.

“Postos a non gañar cartos, quizais sexa útil en determinadas parcelas favorecer especies que xeren biodiversidade ou cun carácter protector” (Daniel Rodríguez)

O caso do piñeiro é incluso peor que o do eucalipto. “Un 70% das plantacións de piñeiro xerarían intereses inferiores ó 2% anual”, valora Rodríguez. O piñeiro só resulta rendible en zonas de alta produtividade e mecanizables, segundo as estimacións da AFG.

En termos de rendibilidade anual, as frondosas caducifolias, salvo o castiñeiro para froito, tampouco resultan comparables co eucalipto, se ben desde a óptica non exclusivamente económica que propón Daniel Rodríguez, poden resultar de interese en determinados terreos.

Ante os problemas que xera no monte o minifundio, o asociacionismo forestal preséntase desde hai anos como a vía para aumentar a rendibilidade do monte, aínda que a figura pola que está a apostar a Xunta, as Sofor, xeraron ata o de agora un escaso interese.

Intereses anuais que xeraría un investimento nunha plantación de eucalipto globulus. Cálculo para tres cortas (1 de plantación e 2 de rexeneración natural). A produtividade media do globulus en Galicia ronda os 18 metros cúbicos por hectárea.

Intereses anuais que xeraría un investimento nunha plantación de eucalipto globulus. Cálculo para tres cortas (1 de plantación e 2 de rexeneración natural). A produtividade media do globulus en Galicia ronda os 18 metros cúbicos por hectárea.

Intereses medios anuais que xeraría unha plantación de eucalipto nitens. O nitens ronda en Galicia unha produtividade media de 30 metros cúbicos por hectárea e ano.

Intereses medios anuais que xeraría unha plantación de eucalipto nitens. O nitens ronda en Galicia unha produtividade media de 30 metros cúbicos por hectárea e ano.

Normativa sobre o eucalipto
Desde a perspectiva da Asociación Forestal de Galicia, se se quixese restrinxir a plantación do eucalipto en Galicia, sería oportuno facer unha análise económica para ver onde non sería rendible e valorar os impactos da restricción. O colectivo amósase a favor da ordenación do territorio, sempre coas premisas dun diálogo cos propietarios forestais e do establecemento de compensacións económicas pola perda de rendas nas zonas nas que se limite a plantación da especie.

Ao respecto do borrador de decreto da Xunta para prohibir o eucalipto no centro e sur de Lugo e na provincia de Ourense, a Asociación Forestal de Galicia pon de manifesto que non está baseado en estudos económicos sobre a rendibilidade e ecoloxía da especie para acadar unha ordenación do territorio óptima. Destaca tamén que é precisa a participación real e efectiva dos colectivos afectados polas prohibicións.

prezos eucalipto

Perspectivas de prezos do eucalipto

Os prezos do eucalipto veñen manténdose máis ou menos estables na última década, salvo unha importante baixada no ano 2009. Desde hai uns anos, estableceuse un menor pago polo eucalipto nitens, que na actualidade sitúase entre 6 e 14 euros por tonelada menos que o globulus, dado o seu inferior rendemento para pasta de papel.

O eucalipto nitens, a diferenza do globulus, é máis resistente á praga do gorgullo e apto para zonas de altitude superior ós 400 metros, polo que se expandiu nos últimos anos en Galicia. Cálculos conservadores sitúan as existencias actuais de eucalipto nitens nun 15% do total de eucalipto, segundo sinalou nas xornadas da AFG o catedrático de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, Roque Rodríguez.

As existencias actuais de nitens sitúanse nun 15% do total de eucalipto, segundo estimacións conservadoras

A porcentaxe que representa o nitens nas existencias e nas cortas de madeira seguirá aumentando nos próximos anos. Trátase dunha madeira con menor interese para a pasta de papel que o globulus, pois ten menor rendemento e aporta menor calidade, se ben na actualidade toda a madeira de nitens que se corta ten saída. Ence está aumentando as súas compras de nitens e a perspectiva actual é que as pasteiras se adapten á oferta de eucalipto nitens, non descartándose que poidan aparecer novas industrias consumidoras ou novos usos ligados á bioeconomía.

O aumento nos próximos anos da oferta de nitens levará, sen embargo, a unha progresiva redución das súas cotizacións, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia. Para o eucalipto globulus, prevese estabilidade de prezos, coas oscilacións habituais.

Una idea sobre “É sempre o eucalipto a árbore máis rendible?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información