O 1 de xaneiro do 2028 entrará en principio en vigor o novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), que se prolongará ata o 2034. De cara a iniciar a negociación sobre como será a futura PAC, a Comisión Europea presentou esta primavera unha proposta que alarmou ó conxunto do sector, tanto a organizacións agrarias e cooperativas como a administracións públicas. Temíase principalmente a perda de fondos, pero fontes da Comisión Europea consideran errado ese punto de vista.
No actual ciclo da Política Agraria Común, a UE destina 386.000 millóns de euros anuais a axudas ó agro, 300.000 nas axudas directas do primeiro piar da PAC e 86.000 nas medidas de desenvolvemento rural do segundo piar.
Cantos desos cartos mantería o agro?. A resposta non é sinxela. A proposta da Comisión para o agro enmárcase no novo marco financieiro plurianual da UE 2028 – 2034, para o que se deseñaron tres grandes bloques de investimento: plans de asociación nacionais, nos que estarían os fondos da actual PAC, Europa global (política exterior e seguridade) e Competitividade, un bloque este último no que tamén habería fondos accesibles para o agro.
Analizamos a continuación o futuro dos apoios ó agro.
Que se sabe dos plans nacionais de alianza?
A Comisión Europea propón adicar un total de 865.000 millóns de euros anuais ós plans nacionais de alianza, nos que entraría un amplo abano de políticas (cohesión territorial, desenvolvemento rural, pesca, xestión de fronteiras e migracións, etc.)
No marco destes plans de asociación nacionais, habería garantidos un mínimo de 293.000 millóns de euros anuais de axudas directas para o agro, segundo fontes da Comisión Europea. A esa cantidade habería que engadir unha parte variable anual para medidas de desenvolvemento rural.
Mantéñense os fondos para axudas directas ó agro?
Sobre as axudas directas para o agro, pódense avanzar dúas conclusións. Primeira, se a proposta da Comisión chegase a bo porto, agricultores e gandeiros terían garantidas as principais partidas de axudas directas que veñen cobrando a día de hoxe.
É dicir, seguirían recibindo os fondos do que é hoxe en día o primeiro piar da PAC, como a axuda á renda, os ecorreximes ou os dereitos asociados a vacún. Quedaría por concretar como serían a partir do 2028 as liñas, condicións e incentivos para facer o reparto de tales fondos.
Segunda conclusión. Podería haber unha certa merma das axudas directas, pois dos 300.000 millóns de euros actuais pasaríase a 293.000 millóns de mínimo, unha reducción á que habería que sumar o efecto da inflación dos últimos anos.
Os fondos de desenvolvemento rural pasan de fixos a variables
A cuestión clave a analizar é que sucederá cos fondos destinados na actualidade a medidas de desenvolvemento rural (86.000 millóns de euros anuais), o chamado segundo piar da PAC.
Cos fondos de desenvolvemento rural, abónanse actualmente unha parte menor das subvencións anuais que perciben agricultores e gandeiros, como as agroambientais (axudas de medioambiente e clima) ou as axudas para zonas con limitacións naturais ou de montaña.
Os principais capítulos dos fondos de desenvolvemento rural, cofinanciados con partidas Feader e estatais e autonómicas, consisten en convocatorias competitivas de liñas de apoios para o conxunto do sector agrario, como as de incorporación ó agro e plans de mellora, as axudas para industrias agroalimentarias ou os apoios dirixidos en Galicia a prevención de incendios no monte e a tratamentos silvícolas.
Tamén se inclúen nestes fondos os plans Leader, para financiar actividades non agrarias no rural, e outras medidas de desenvolvemento.
Que sucede cos actuais fondos de desenvolvemento rural na proposta da Comisión Europea?. Pasan a estar englobados no plan de alianza nacional nun fondo rural de carácter multisectorial, que inclúe un abano máis amplo de obxectivos e sectores (cohesión territorial, infraestruturas, pesca, etc.).
A Comisión Europea destinará 237.000 millóns de euros anuais a ese fondo, pero a parte que chegará cada ano ó agro será variable, en función das asignacións de fondos a cada Estado e de como ese Estado decida repartir os fondos, previo visto bo de Europa.
Fondos para innovación
Na proposta para o novo marco financieiro comunitario 2028 – 2034 está prevista ademais unha nova partida de fondos de investigación e innovación á que terá acceso o agro.
No presuposto da área de Competitividade, haberá un fondo dotado de 40.000 millóns de euros anuais para proxectos de investigación en saúde, biotecnoloxía, agricultura e bioeconomía (valorización de residuos e da biomasa).
Na actualidade, no marco dos fondos de desenvolvemento rural, Europa destina pouco máis de 3.000 millóns de euros anuais á investigación e innovación agraria. Desa partida, pasaríase a un fondo de competividade de 40.000 millóns, con dous capítulos (agricultura e bioeconomía) ós que poden concurrir proxectos nos que participen agricultores e gandeiros, así como centros de innovación e empresas vinculadas ó agro.
“Semella razoable pensar que agricultura e gandería poden chegar a captar no entorno dos 11.000 – 12.000 millóns de euros anuais para proxectos de investigación”, valoran fontes comunitarias.
Conclusións
En definitiva, desde a Comisión Europea négase a maior. “Non se pode dicir que o agro vaia ter menos fondos no 2028 que na actual PAC, é como comparar peras con mazás”, valoran fontes da Comisión.
As contas -din-, haberá que botalas ano a ano, sumando os fondos fixos máis a parte variable que vai a agricultura e gandería. Poden destinarse a agricultura e gandería máis fondos que os actuais?. Si. Poden ser menos?. Tamén.
Desde a Comisión apuntan outros tres factores a ter en conta. Primeiro, a partir do 2028 haberá unha corrección das axudas en función da inflación anual, algo que non se facía ata agora na PAC.
Segundo, haberá apoios adicionais para promoción de exportacións a terceiros países, vistas as crises comerciais dos últimos anos.
E terceiro, a posibilidade de pescar fondos adicionais para o agro nun fondo para as rexións desfavorecidas que proxecta a UE a partir do 2028, no marco dos plans nacionais de alianza. Será un fondo de 218.000 millóns de euros anuais dirixido principalmente ás rexións que teñan menos dun 75% do PIB per cápita comunitario. En España, cos datos do 2021, poderían optar a ese fondo Andalucía, Extremadura e Castilla La Mancha, se ben haberá que ver que rexións están nesa clasificación no 2028.
Perspectivas
As propostas da Comisión Europea para o novo marco financieiro plurianual entran agora nun periodo de negociacións, tanto no propio Parlamento europeo como cos Estados membros. Quedan por diante dous anos de negociacións. A única seguridade no proceso é que a Comisión Europea descarta manter o status quo actual.
A Comisión quere máis flexibilidade, para poder destinar fondos a crises e necesidades que vaian xurdindo. A incerteza xeopolítica dos últimos anos, coas crises comerciais desatadas por Estados Unidos e China ou a ameaza bélica rusa, son algúns dos factores que preocupan á Comisión. A iso hai que unir as crises migratorias ou as meteorolóxicas – climáticas (inundacións, lumes), ás que hai que facer fronte cando ocorren.
Por ese motivo, a Comisión aspira a reordenar o presuposto comunitario e quere contar con maior flexibilidade para a súa xestión. O mesmo criterio se aplica ós fondos de desenvolvemento rural, ata agora consignados na PAC e que pasan ós plans nacionais de alianza. Eses fondos manteñen unha parte dos cartos con uso variable, en función das necesidades anuais de cada Estado (medidas contra o lume, infraestrutura hidráulica, dixitalización, etc.).
Galego









Control OJD