A Asociación Galega de Viticultura, da Fruga, celebrou en días pasados a súa Asemblea Xeral en Ribadavia, na sede do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro. No acto estiveron presentes representantes de todos os territorios vitícolas do país, tanto Denominacións de Orixe como Indicacións Xeográficas Protexidas.
Na xuntanza analizaron os retos que se presentan nesta tempada, no seu conxunto e para cada zona vitivinícola galega de forma pormenorizada. A actual situación do sector está claramente marcada pola crise sanitaria provocada pola pandemia da Covid-19, cos descensos das vendas no mercado interno e exterior. Con todo, a Asemblea centrou o debate nos pasos que se deben dar a curto prazo, posto que serán cruciais para a recuperación do sector e para sentar as bases do futuro do viño galego.
Pese ás dificultades derivadas da crise sanitaria e a baixada das vendas, motivadas polo peche da restauración durante meses e o cese de actividades, boa parte das adegas conseguiron dar saída ó viño e agora atópanse con capacidade para a chegada da nova colleita. “As grandes adegas derivaron parte da súa produción cara ás grandes superficies e as adegas máis pequenas tamén conseguiron sacar adiante boa parte das súas vendas”, explica Roberto Rivas, presidente da asociación. Así, é probable que os prezos se manteñan estables e competitivos para os viticultores de cara a esta campaña.
Na asemblea tamén abordaron a situación concreta das distintas zonas xeográficas de produción de viño. Así, incidiuse nas dificultades que están a atopar na comercialización dos viños tintos de Valdeorras, xa que a pesar da gran calidade que están logrando compiten directamente con viños producidos en España que contan cunha fonda tradición.
O presidente da DO Ribeiro, Manuel Casares, que estivo presente na apertura da sesión, sinalou que a denominación está atravesando un momento crucial para o seu futuro. A perda dun importante número de pequenos viticultores pola falta de remuda xeracional e as dificultades para afrontar unha renovación da estrutura da terra e das plantacións están detrás desta difícil situación que está atravesando a denominación de orixe con máis tradición.
Previsións de colleita
A excepción dos viñedos afectados polos episodios de pedrazo, ata o momento os viñedos atópanse nunha situación bastante favorable, e aínda moi pendentes da evolución meteorolóxica dos vindeiros meses, todo apunta a que poida lograrse unha colleita abundante e de calidade.
Na sesión tamén abordaron a situación que atravesan nesta campaña algúns territorios na DO Ribeira Sacra, onde se rexistraron algúns dos episodios de pedrazo máis intensos e destrutivos. Roberto Rivas, presidente da AGV apunta á necesidade de que os seguros comecen a incluír cobertura para problemas ós que os viticultores teñen que facer fronte dun xeito máis habitual, como o mildio e o oído, para así conseguir que esta ferramenta estea máis implantada no campo e teña unha maior utilidade.
“Non se trata de que se cubran eses danos se non se fai un manexo axeitado do viñedo, pero se se aplican os tratamentos que corresponden tamén se deberían incluír os danos por mildio e oídio nos seguros para que os viticultores o viran como algo necesario e de utilidade, non só contra episodios de pedrazo que son máis puntuais”, indica Rivas.
Fondos Next Generation
A captación de fondos Next Generation foi outro dos temas que se trataron na asemblea, xa que poden ser unha oportunidade fundamental para pór en marcha proxectos e iniciativas transformadoras que lle dean un pulo a nivel tecnolóxico e formativo ao sector. O presidente recalcou a importancia que terá unha boa e acertada xestión dos fondos Next Generation para o futuro do sector e sinalou que “o futuro do viño galego ten que pasar necesariamente por conseguir ligalo aos conceptos de calidade e de tradición”.
Rivas recalcou a idea de seguir esixindo á Consellería de Medio Rural que traballe polos intereses de todo o sector tendo presentes todos os territorios vitícolas e todos os axentes involucrados na produción e elaboración. Dende a asociación reclaman maior formación e que a Administración dote de maior contido algúns dos centros como o de Monforte, nunha aposta pola viticultura de calidade, sostible e de futuro, pero tamén daqueles sectores que poden estar vinculados con ela e que poden xerar oportunidades no rural, apegados ó territorio.