É posible unha granxa nova e competitiva para máis de 50 vacas por menos de 50.000 euros?

A familia Laschober busca a optimización da súa gandaría en todos os ámbitos, desde a construción da súa granxa, que non superou os 40.000 euros; ata a xestión diaria ou a elección das súas vacas, de raza Fleckvieh. Coñecemos máis sobre esta gandaría intensiva da montaña de Austria

É posible unha granxa nova e competitiva para máis de 50 vacas por menos de 50.000 euros?

A familia Laschober na súa ganadería, con máis de 100 cabezas da raza Fleckvieh.

Franz Laschober é un gandeiro de vacún de leite en intensivo da rexión montañosa de Lichtenegg, en Austria. Nos últimos anos buscou optimizar os recursos da súa gandaría en todos os aspectos, desde a elección da raza e o tipo de animais cos que traballa até na construción da nova granxa.

Conta cunhas 53 vacas en muxido da raza Fleckvieh e un rabaño total de 113 animais aínda que con perspectivas de incrementar a súa cabana nos próximos anos. De feito, aínda que dispón dunha granxa que terminou hai pouco máis dun ano, deixou todo preparado para poder ampliar as instalacións. “Nun futuro queremos ter tamén os tenreiros nesta nave, que agora están nas antigas instalacións”, apunta o gandeiro.

Esta gandaría foi unha das que se incluíu no Agrotour, organizado por geneticAustria GmbH, e no que participaron un grupo de gandeiros galegos que coñeceron de primeira man as instalacións, os animais e o manexo que realizan.

Grupo-Agrotour-visita-ganderia-Laschober-

Os gandeiros galegos que participaron na visita coñeceron cos propietarios os animais e o manexo da gandería.

Producir leite, co garante da carne

Hai máis de 20 anos que Franz se fixo cargo da granxa familiar e hoxe pensa xa na substitución que asumirá o seu fillo Daniel e a súa nora Daniela nos próximos anos. Naquel momento contaban cunha gandaría para producir tanto leite como carne e Franz decidiu apostar de cheo pola produción láctea, aínda que sen perder de vista que a venda de animais cunha boa condición corporal é un ingreso extra e seguro para a gandaría.

Pasou dunha produción leiteira anual que roldaba os 25.000 litros, cunhas 15 vacas en muxido, a chegar a uns 300.000 litros ao ano con medio cento de vacas. O rendemento leiteiro do seu rabaño é duns 9.700 quilos de leite, cun 3,98% de materia graxa e un 3,52 % de proteína.

“O noso obxectivo é ter vacas que sexan rendibles e funcionais”

“O noso obxectivo é ter vacas que sexan rendibles e funcionais”, indica Franz. Para conseguir este tipo de exemplares teñen en conta parámetros como a aptitude corporal e procuran contar con vacas con certa envergadura, animais longos e con bos apromos, que lles permitan unha maior inxesta de alimento. “Tamén teñen en conta o ubre, dada a relación entre as calidades do ubre e a lonxevidade das vacas”, como sinala Andreas Wurzinger, técnico da Asociación de Criadores de Baixa Austria – Noegenetik, que se encarga do asesoramento da gandaría.

Ganderia-Fleckvieh-Austria-G.-Laschober-

A raza Fleckvieh permítelles lograr boas producións lácteas e ter animais cun bo rendemento cárnico.

Nos últimos anos, na gandaría apostaron por utilizar touros xenómicos para a inseminación dos seus animais. “Ao principio, era moi escéptico de utilizar touros xenómicos en lugar de exemplares xa probados, pero os bos resultados que tivemos fan que agora o 70% do seme que usamos proveña de touros xenómicos”, indica Franz.

“Era moi escéptico de utilizar touros xenómicos, pero agora o 70% do seme que usamos é deste tipo de animais”

Acostuman a realizar as primeiras inseminacións aos 15 ou 16 meses e despois do parto, polo xeral, inseminan no segundo celo. “Se hai unha vaca cunha moi boa produción aguantámola até os 120 días”, concreta o gandeiro.

Alimentación

A gandaría manexa unhas 32 hectáreas de terreo destinadas á produción de forraxes, delas 10 hectáreas son alugadas. Unhas 4,5 hectáreas son pradarías, mentres que nos 28 restantes cultivan cereais ou herba. Á marxe destas leiras, a familia dispón doutras 42 hectáreas de bosque que tamén aproveita.

Vacas-Fleckvieh-Ganderia-Laschober-Austria-

A ración das vacas en produción está composta principalmente a base dos silos de herba e millo.

Daniel é o encargado da alimentación do gando e a ración é de 24 quilos por animal ao día. A base da ración está composta por un 42% de silo de herba, un 40% de silo de millo, un 10% de bagazo de cervexa, un 7,5% de alimento concentrado e minerais e un 0,7 % de herba seca. Dispoñen dun carro mesturador en propiedade e realizan a ración diariamente, pola noite, e durante o día achéganlla ao gando.

Até os 8 meses as tenreiras teñen a mesma alimentación que as vacas en produción e despois reciben igual ración que as vacas secas. Tampouco dispoñen dun transpoñedor de concentrado senón que o inclúen na mesma ración para animais cunha produción de media de 34 quilos de leite. “Só utilizamos un pouco de concentrado para que se sentan máis atraídas para vir comer”, concreta Daniel. Hai anos distribuían o concentrado manualmente pero nos últimos tempos decidiron incluílo na ración, con bos resultados. “Desde que os incluímos na ración comen máis e teñen menos problemas de panza”, explica Daniel.

Granja-familia-laschober-Austria_-

No 2018 construiron unha nova granxa cun almacén de silo.

Unha nova granxa por 40.000 euros

Un dos cambios máis significativos desta gandaría nos últimos anos foi a construción da súa nova granxa con capacidade para 70 animais. As novas instalacións supuxeron unha mellora tanto para os animais como para o manexo que realizan a diario os gandeiros.

Desde un principio, Franz tiña claro que quería minimizar o custo das novas instalacións sen renunciar ao confort dos seus animais. Co fin de economizar na construción das instalacións Franz e o seu fillo Daniel encargáronse do groso dos traballos das novas instalacións. A granxa, como a maioría das explotacións nesta rexión austríaca, conta cunha gran cantidade de madeira na propia estrutura.

granxa-Austria-Fleckvieh-

A meirande parte das granxas empregan unha gran cantidade de madeira nas súas instalacións.

A construción da granxa supuxo un investimento total de 40.000 euros e nesta mesma fase tamén construíron un almacén de silo. Nas novas dependencias optaron pola instalación dunha sala de muxido de espiña de peixe de 2×6 de Delaval, aínda que tamén barallaron outras opcións como a instalación do robot de muxido. “Tendo en conta que por algúns anos a man de obra non será un problema na gandaría, decidimos apostar pola sala de muxido dentro da idea de producir leite axustando os custos de produción”, concreta o gandeiro. O prezo medio do leite na rexión sitúase nos 0,40 euros o litro, xa con calidades.

Coidar os tenreiros e a recría

Xunto coa produción de leite, outra das fontes de ingresos da gandaría é a recría, por iso deciden apostar por coidala con esmero dende o primeiro momento. A alimentación dos tenreiros até as 12 semanas é a base de leite enteiro. Ao comezo proporciónanlles 8 litros en 2 tomas e despois van reducindo esa cantidade para que empecen a comer penso e herba seca. Con todo, nesta primeira fase de leite, déixaselles palla a disposición e un muesli para tenreiros, co que van afacendo o rumen con materia sólida.

Ganderia-Laschober---Recria_-

Os xatos son outra fonte de ingresos para a gandería, tanto para venda de carne como para sementais ou recría.

Os tenreiros machos véndenos cun peso medio de 100 quilos, que adoitan alcanzar entre as 6 e as 9 semanas. O prezo medio destes animais acostuma situarse ao redor dos 4,5 ou 5 euros por quilo.

Ademais dos tenreiros que venden para sacrificio tamén crían futuros touros para o centro de inseminación, que lles proporciona importantes ingresos dado o valor que poden alcanzar estes animais, que en ocasións pode chegar aos 100.000 euros, dependendo das calidades dos exemplares.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información