É posible predecir a alternaria en pataca para reducir a súa incidencia?

Un equipo da Universidade de Vigo traballa nun modelo de predición adaptado a Galicia, co que coñecer as condicións que propician a aparición deste fungo. Pretenden conseguir unha maior eficacia dos tratamentos e reducir as aplicacións

É posible predecir a alternaria en pataca para reducir a súa incidencia?

Plantas de pataca danadas por alternaria.

A alternaria é unha ameaza para cultivos como a pataca, nos que provoca danos non só durante o ciclo de produción, senón que os seus efectos se poden arrastrar mesmo unha vez colleitadas as patacas, xa nos almacéns. Debido a isto, é un dos patóxenos, xunto co mildio, que supoñen maior aplicación de fitosanitarios en zonas produtoras de pataca como a Limia.

Os modelos de predición pretenden conseguir unha maior eficacia dos tratamentos e reducir o número de aplicacións

Agora un equipo de investigación da Universidade de Vigo procura adaptar a Galicia modelos de predición da incidencia da praga, cos que poder reducir os tratamentos e incrementar a súa eficacia. “O obxectivo é detectar e mellorar o control da praga, para que se poida conseguir unha maior eficacia e reducir a aplicación de tratamentos nos períodos de menor risco”, detalla a investigadora Carme Seijo Coello que, xunto con Olga Escudero Pérez, forma parte do grupo de investigación Planta, Solo e Valorización de produtos.

Factores que favorecen a aparición da alternaria

Para o desenvolvemento destes sistemas de predición da alternaria é fundamental o coñecemento sobre o fungo e as condicións que favorecen a infección. Neste senso, os principais parámetros que afectan ó desenvolvemento da alternaria, unha vez que o inóculo está presente no cultivo, son de tipo climático.

A humidade relativa e temperatura elevada, así como o vento, favorecen o desenvolvemento e expansión da alternaria

A enfermidade adoita manifestarse cando a temperatura se atopa entre os 20 e os 30 graos e se producen períodos alternos cunha humidade relativa elevada, unhas condicións que poden darse en días de treboada precedidos de calor. Ademais, o número de horas que se prolonguen estas condicións climáticas tamén favorece a aparición do fungo, así como o vento, xa que pode contribuír a que os patóxenos se expandan a outras parcelas.

Incidencia-da-alternaria-en-funcion-da-temperatura-

Incidencia da alternaria en función da temperatura.

Á marxe destas condicións climáticas, para que a enfermidade se chegue a desenvolver é imprescindible que o fungo xa estea presente, dalgún xeito, no cultivo, tal e como explica Laura Meno Fariñas, doutoranda da Universidade de Vigo e que está a realizar a súa tese sobre o control da alternaria no cultivo da pataca no seo deste grupo de investigación. “Factores como a semente, a variedade de pataca e a presión de inóculo na zona de cultivo afectan á incidencia da patoloxía”, concreta a investigadora.

O uso de semente infectada é unha das prácticas de maior risco polo que recomendan o uso de sementeiras certificadas

Unha das prácticas de maior risco é o uso de semente infectada, de aí a importancia de que os produtores empreguen semente certificada libre de patóxenos. “Un foco importante de inóculo do fungo poden ser os tubérculos de anos anteriores que quedan no campo ou que se abandonan no entorno dos almacéns”, apunta a investigadora. Por ese motivo, Meno insiste na importancia que teñen as prácticas de cultivo axeitadas para o control da enfermidade, de maneira que non só se impliquen os produtores, senón tamén os almacenistas.

Na proliferación da alternaria outro dos factores determinantes é a variedade de pataca que se semente, posto que algunhas son máis sensibles á acción destes fungos, o que incrementa o risco da patoloxía. “A elección da variedade pode ser de interese para reducir o uso de tratamentos”, explica a investigadora. O ano pasado fixeron por primeira vez un estudo comparativo con 7 variedades: Agria, Frisia, Fontane, Kennebec, Red Pontiac, Desiree e unha de carne violeta, Fleur Bleue. Precisamente, o feito de ter só os datos do primeiro ano impídelles, polo momento, dar datos concluíntes sobre a resistencia dunhas variedades fronte a outras.

“A elección da variedade pode ser de interese para reducir o uso de tratamentos”

Neste primeiro ano observaron que a variedade Fontane ou Fleur Bleue, foron máis resistentes que Desiree, Red Pontic e a Kennebec, pero son resultados de comparación desas 7 variedades cultivadas baixo as mesmas condicións para un ano. “Cos vindeiros anos de estudo e a recompilación de máis datos poderemos concretar mellor a resposta de cada variedade a este patóxeno”, indica Meno.

Modelos de predición

Todos estes factores que aportan información sobre o coñecemento da alternaria contribúen ó deseño de modelos de predición máis exactos, que poidan ofrecer recomendacións sobre o momento preciso de aplicación dos tratamentos fitosanitarios. “Trátase de conseguir manter protexido o cultivo e ó mesmo tempo non aplicar produto químico en exceso, rompendo así coa costume dos calendarios preestablecidos de aplicación de tratamentos ou con aplicación de tratamentos que se xustifican cos prazos de seguridade”, indica Meno Fariñas.

Estudos-das-condicions-climaticas-para-a-incidencia-da-alternaria-

Estudo das condicións climáticas para a incidencia de alternaria.

O grupo de traballo, que comezou a investigar sobre a alternaria xa no 2004 e posteriormente no 2007, leva dende o 2014 recollendo datos de forma ininterrompida sobre a incidencia da praga na Limia . “Canta máis secuencia de datos poidamos recompilar máis atinados poden chegar a ser os modelos, polo que esta investigación require un importante traballo de campo”, concreta a investigadora Carme Seijo.

Os datos sobre a incidencia de alternaria en colleitas pasadas permítenlles determinar os momentos de maior risco. Están a adaptar ás características de Galicia os modelos de predición que se empregan noutras áreas xeográficas como Estados Unidos, Reino Unido ou Sudáfrica. “Hoxe en día, existen xa estacións agrometeorolóxicas que poden dar recomendacións sobre os momentos de risco, pero o problema é que utilizan patróns doutras rexións, co cal as súas predicións están un pouco desviadas da realidade galega”, explica Seijo.

Para definir estes modelos de predición teñen en conta a temperatura, a humidade relativa e a presenza do inóculo no ambiente

Para conseguir este modelo de predición están a traballar con 3 factores que determinan os niveis de risco: a temperatura e a humidade (tanto relativa como foliar) así como a presenza do inóculo no ambiente. Ademais, están a empregar un modelo que se utiliza xa para predicir a aparición de fungos no cultivo do tomate e que ten en conta parámetros como a humidade foliar.

Beneficios do sistema de alerta

Contar cun sistema de alerta que axude a decidir se é ou non necesario aplicar o tratamento para combater a alternaria pode deixar diversos beneficios. Os principais beneficiarios serán os agricultores que poderán aplicar os tratamentos no momento preciso e así conseguir atallar a praga e diminuir os gastos de produción, conseguindo aumentar a marxe de beneficios. “Ó mesmo tempo que reducen perdas, este sistema axuda a reducir o uso de tratamentos químicos e consecuentemente o gasto económico”, concreta Laura Meno.

O sistema de predición é unha ferramenta para lograr unha produción máis sostible e que os agricultores reduzan custos

Esta ferramenta apunta a ser un método para conseguir unha produción máis sostible e con menor impacto no medio ambiente. Nesa liña, tamén se mellora a percepción dos consumidores cara ese produto.

Maior incidencia

Os traballos para lograr un sistema de predición de riscos da enfermidade contaron con financiación dos fondos Feader 2017 en colaboración co consello regulador da IXP Pataca de Galicia e diferentes empresas do sector. Ademais, agardan continuar a recabar datos nos próximos anos para conseguir unhas predicións máis axustadas. Neste caso, os traballos enmárcanse nun proxecto europeo no que se aborda a diversidade dos solos e a adaptación do uso a prácticas sostibles coas que preservar a calidade do solo.

Por outra banda, o incremento das temperaturas derivadas do cambio climático fai prever que a incidencia da alternaria poida ser maior polo que as investigadoras reivindican a importancia de contar con ferramentas máis precisas coas que atallar a enfermidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información