É o pastoreo unha alternativa para as ganderías actuais en Galicia?

O especialista Eloi Villada Legaspi aborda as posibilidades que ofrece o pastoreo ás granxas de vacún de leite galegas. Os prezos das forraxes e a herba, a dispoñibilidade de pasto ou as demandas do consumidor son algúns dos aspectos a valorar nunha transición cara o pastoreo

É o pastoreo unha alternativa para as ganderías actuais en Galicia?

“A herba deixou de ter interese para a inmensa maioría das ganderías de vacún de leite”, apunta Eloi Villada Legaspi, quen traballou ata a súa xubilación no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) á par de ter sido presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF). O experto indicaba nas xornadas sobre Pastoreo celebradas recentemente en Lalín (Pontevedra), que nos últimos tempos “perdeuse a cultura da herba” e con ela os coñecementos sobre a súa xestión e manexo para conseguir unha maior eficiencia no rabaño.

“Nos últimos tempos foise perdendo a cultura da herba”, Eloi Villada, expresidente da SGPF

O experto apuntou nesta xornada algúns aspectos a ter en conta para valorar, como xa están facendo outros países europeos, unha volta ó pastoreo, mesmo para aquelas ganderías que optaron por sistemas máis intensivos. Cuestións como os prezos das forraxes, a dispoñibilidade de pasto en Galicia ou as peticións do consumidor motivan que o pastoreo sexa unha opción a considerar.

O pastoreo en Europa

En Galicia abondan e proliferan as ganderías que optan por sistemas intensivos de produción onde o pasto queda relegado. Mentres, en Europa, aínda que tamén hai unha tendencia a que as ganderías de pastoreo vaian a menos, están a facer esforzos por impulsalas. É o caso, por exemplo, dos Países Baixos, onde en 1995 as granxas nas que as vacas saían pacer supoñían menos do 10% e no 2015 representaban máis do 30%. “O prestixio deste tipo de produción ou o respecto á biodiversidade son algúns dos motivos que fixeron voltar ó pastoreo en Holanda”, explica Eloi.

Holanda impulsou no 2012 o chamado Pacto do Pastoreo que, de non producirse dilacións, comezará a ser obrigatorio no 2020. “Manexaron uns tempos de transición longos para conseguir a adaptación dos produtores”, apunta Eloi. O pacto obriga a que as ganderías holandesas teñan que pacer un mínimo de 6 horas ó día durante 120 días.

As ganderías holandesas terán que pacer un mínimo de 6 horas ó día durante 120 días a partir do próximo ano

Esta obrigación traduciuse nun incremento dos prezos do leite que xa comezaron a comprobar os produtores. A Friesland Campina, considerada a maior cooperativa de Europa, aboaba unha prima de 0,5 céntimos de euro o litro de leite ós seus produtores no 2012 e nestes anos os prezos están a situarse xa cunhas primas por pastoreo de 1,5 ou mesmo 1,8 céntimos de euro por litro, como apunta Villada.

En Francia, o pastoreo está a ser unha opción cada vez con maior apoio, posto que arredor do 92% das ganderías levan as vacas ó pasto. “Está mal visto non pastorear”, indica Villada. Pese a que as secas do verán merman as posibilidades de pastoreo en zonas do país galo, as producións máis abundantes durante os outonos dos últimos anos están a compensar a situación, segundo explica o experto.

Outras zonas como Irlanda xa apostaron hai tempo tamén polo pastoreo incorporando sistemas de muxido robotizado no prado ou peches virtuais que facilitan o manexo do rabaño no pasto.

Razóns para voltar ó pastoreo

Villada recorda a rápida evolución que o sector lácteo experimentou dende os anos 60 que levou tanto á redución do número de granxas como ó incremento e intensificación destas, así como ós cambios na alimentación. “Durante anos estivemos buscando o óptimo aproveitamento da herba e o uso eficaz do concentrado para poder producir”, rememora o experto o traballo da Axencia de Desenvolvemento Gandeiro.

Canto máis alta é a inxesta de pasto na dieta das vacas menores son os custos e maiores os beneficios da gandería

Nesta época, Villada apunta que era preciso centrar os esforzos niso posto que o quilo de concentrado chegaba a valer o triple do litro de leite. “Os prezos fóronse equilibrando, dependendo da época. Agora a maioría das granxas son máis grandes, teñen máis gando en menos superficie pero tamén empregan moitos inputs”, explica.

O prezo das materias primas e o consumo do concentrado é unha das razóns que apunta Villada para valorar o emprego do pastoreo. “O quilo de materia seca de herba verde pacida é a máis barata de tódalas forraxes”, apunta Villada. Así, segundo os datos manexados tamén por expertos internacionais nun estudo desenvolvido entre 2012 e 2013, estímase que o aforro económico é de 8,2 céntimos por litro en granxas nas que as vacas pacen entre 1.000 e 2.000 horas ó ano. “Canto máis alta é a inxesta de pasto na dieta das vacas menores son os custos e maiores os beneficios da gandería”, conclúe Villada.

“Ó igual que fan noutros países, coma Holanda, deberíamos centrar os esforzos en conservar só o que sobra”

Xunto ó prezo, outra das vantaxes que ofrece o pasto en Galicia é a dispoñibilidade. “O clima que temos sérvenos para ter pastos de calidade”, indica Villada. Ademais, o aproveitamento da herba no prado pode facerse durante 8 ou mesmo 11 meses, co que esa rendibilidade prolóngase durante a maior parte do ano.

O pastoreo leva tamén unha redución de ata un 50% da necesidade e custos dos forraxes. “Ó igual que están facendo noutros países, coma Holanda, deberíamos centrar os esforzos en conservar só o que sobra, no canto de procurar forraxes como obxectivo da campaña”, reflexiona Eloi.

Á par de reducir os custos dos forraxes, o pastoreo tamén implica unha redución dos xurros e da acumulación de gases de efecto invernadoiro na granxa posto que xa se está a facer un abonado das pradeiras de xeito máis sostible. Asimesmo, como indica Villada, baixan os consumos enerxéticos na granxa e os asociados á maquinaria, posto que os animais permanecen fóra boa parte do tempo.

Gandeiros e ponentes participantes na xornada de pastoreo celebrada en Lalín.

Gandeiros e ponentes participantes na xornada de pastoreo celebrada en Lalín.

A aposta polo pastoreo

Como destaca Villada cada vez estanse vendo máis casos de ganderías que apostan por volver levar as vacas ó pasto. “O pastoreo xa non é cousa de ganderías pequenas senón que cada vez máis rabaños de maior tamaño saen ó pasto, pese ás limitacións de terra axeitada que podemos ter en Galicia”, explica.

“O pastoreo xa non é cousa de ganderías pequenas senón que cada vez máis rabaños de maior tamaño saen ó pasto”

Así, o experto dá conta dalgúns casos de ganderías que optaron recentemente polo pastoreo. Un dos exemplos sinalados por Villada foi o dunha gandería da Pastoriza (Lugo), cun rabaño de 120 vacas que leva ó pasto. Hai tamén quen opta por reducir animais antes de comezar co pastoreo ou quen aposta por sistemas de alimentación que permitan subministrar o penso na sala de muxido, en función do pasto.

Villada recoñece que un dos maiores atrancos do pastoreo é que se trata dun sistema complexo, que require de maior formación especializada, xa que é máis variable ca outros sistemas de alimentación. A isto engádense as dificultades de dispoñibilidade de terra que se atopan en moitas zonas de Galicia.

As dificultades para contar con parcelas adecuadas para o pasto e a falta de formación sobre o sistema son algunhas das trabas ó pastoreo

Esta foi precisamente unha das dificultades que referiron gandeiros da zona do Deza (Pontevedra) como José Ojea, cunha gandería en Lalín, ou Alberte Lamazares, de Rodeiro, que participaron tamén na xornada expondo a súa experiencia como ganderías en pastoreo.

“Non é fácil que os gandeiros optemos polo pastoreo. Eu teño parcelas ás que non podo chegar a elas co pastoreo, e coma min pásalle a moitos gandeiros. Se non se mira por facilitar o pastoreo, cada vez van ser menos as ganderías que aposten por el”, apunta Ojea. Lamazares coincide en sinalar que “é preciso que non nos poñan máis trabas á xente que optamos polo pastoreo. Necesítase asesoramento e formación para aqueles que nos decidimos por este sistema”, reclama o gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información