É o Mencía galego un competidor fronte aos tempranillo do resto de España?

A especialista Sarah Jane Evans realiza un percorrido polas denominacións de orixe Monterrei, Ribeira Sacra e Valdeorras a través de 5 dos seus viños para amosar as perspectivas de futuro do viño Mencía a nivel internacional

Publicidade
É o Mencía galego un competidor fronte aos tempranillo do resto de España?

Viña de Mencía na Ribeira Sacra. / Arquivo.

“A pesar da traxectoria do Mencía, para moitos é aínda un viño ‘novo’ entre os tintos en España, pero un viño que xera un gran interese”, valora a xornalista especializada no mundo do viño, Sarah Jane Evans.

Evans lembra que até hai pouco, en materia de tintos, España era coñecida polos seus viños tempranillos e a súa gran tradición de maceración en barrica, pero os tempos cambiaron e o Mencía preséntase para moitos consumidores como a opción que estaban a buscar, unha alternativa fronte a viños máis tradicionais elaborados a base de tempranillo.

“A variedade Mencía está feita para esta nova xeración de consumidores que busca diversidade, producións autóctonas e diferenciadas”

“Cada vez máis, a xente busca diversidade, variedades diferenciadas e autóctonas. Creo que a variedade Mencía está feita para esta nova xeración de consumidores”, afirma Evans, que interviu recentemente nunha masterclass organizada no marco do salón Ourense Vinis Terrae.

Os Mencías galegos preséntanse como un tinto fresco e en moitas ocasións sen unha crianza en madeira, fronte ó habitual na maioría dos tintos españois elaborados con tempranillo. “Os consumidores buscan frescura e cada vez máis buscan viños sen crianza en barrica”, detalla Evans.

O afianzamento do Mencía

Evans recoñece que durante anos o Mencía foi infravalorado polos expertos en viño. “Criticábaselle que fose un viño rústico e vexetal”, apunta. E aínda que é certo que existen Mencías rústicos, tamén se poden atopar viños perfumados e lixeiros, con acidez. “O que falta en tempranillo é acidez, mentres que esa acidez está presente nos viños Mencía”, valora a experta.

A experta Sarah Jane Evans na súa intervención na masterclass organizada por Ourense Vinis Terrae.

A experta Sarah Jane Evans na súa intervención na masterclass organizada por Ourense Vinis Terrae.

A experta tamén sinala que a tendencia a clasificar os viños máis vinculados ao territorio tamén está a xogar a favor do Mencía. Por outra banda, por parte dos viticultores, Evans constata un interese por adquirir cepas vellas e barricas de maior tamaño para aqueles viños que opten por unha crianza en madeira. “Sen dúbida, o Mencía ten un estilo moi orixinal. É o outro gran tinto de España, sendo ademais moi diferente do Tempranillo”, reivindica Evans.

As familias vitivinicultoras e a paisaxe son claves na identidade e o éxito do Mencía

Parte do segredo deste afianzamento do Mencía para Evans ten que ver coas familias detrás da elaboración deste viño, así como coa paisaxe, que lle confire identidade. Entre os que considera ‘Magos do Mencía’ polas súas destacadas elaboracións, Evans recoñece o traballo realizado por viticultores como José Luís Mateo, con viñedos en Monterrei, ou Ricardo Pérez Palacios, descendente de J. Palacios, adega da Denominación de Orixe do Bierzo.”É un dos viticultores máis recoñecidos, e aínda que o seu viño La Faraona é moi coñecido, non todo o mundo sabe que está elaborado con Mencía. É un profesional moi interesado no terruño e o seu aporte aos viños”, valora a especialista.

Raúl Pérez é outro gran viticultor do que Evans destaca tanto as combinacións que realiza, onde o Mencía ten un papel imprescindible, así como a mínima intervención nos seus viños. “Elabora viños dunha gran complexidade que son capaces de reflectir a identidade do terruño. Son viños case naturais, xa que Pérez non realiza grandes intervencións nos seus viños”, concreta.

5 Mencías a ter en conta

Nun percorrido por Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras, a experta selecciona 5 destacados viños que representan as oportunidades que están a ofrecer os viños Mencía no sector:

En Monterrei

A experta en viños selecciona tres elaboracións na denominación máis pequena de Galicia, Monterrei. Ademais, estes tres viños responden a perfís moi distintos e cada un destacado por diferentes motivos. O primeiro en presentar é a Vía Arxéntea, un Mencía de 2020, elaborado polo viticultor Manuel Guerra Xusto, que xestiona ao redor de 3,5 hectáreas de viñedo en Verín. Cunha produción de 9.000 botellas é unha mestura de Mencía, Caíño e Sousón.

Evans destaca este viño por ser un viño moi novo, sen pasar por barrica e pola propia elaboración, xa que para axudar aos taninos na adega optaron pola microosixenación. “É un viño de aromas florais, a violetas, e tons froiteiros como as fresas e mouras. Estamos ante un viño fresco con aromas froiteiros e que ademais permanece en boca, perdura; o que evidencia que é un gran viño”, valora a experta.

A experta destaca a elección dos adegueiros polo carballo francés fronte ao americano para envellecer os Mencías

O viño Quérote 2016, da adega Trasdovento, é outra das súas eleccións. Neste caso trátase dun Mencía que leva 8 meses en barrica francesa. “Dos viños que recollemos aquí ningún deles ten barrica americana, creo que é realmente unha boa decisión, xa que o sabor de coco que deixa a barrica americana non sería unha boa maridaxe para un viño Mencía”, recomenda a experta.

Adega Trasdovento_Querote

Viño Quérote, elaborado pola adega Trasdovento da DO Monterrei, foi un dos viños selecionados pola experta.

Neste caso, Evans destaca que se trata dun viño con aromas a froitas, salinidade e moi saboroso. Ademais, a xornalista especializada incide na promoción de calidade que está a realizar esta adega non só dos seus viños senón do seu día a día, un ámbito no que aínda queda moito que traballar nas Denominacións de Orixe galegas.

O seu terceiro viño de Monterrei é Quinta da Muradella, elaborado por José Luís Mateo. É un viño con 5 anos, sen crianza en barrica, pero que parece un viño novo cheo de froita, con acidez e lixeiro á vez. Está elaborado cun 25% de Mencía, un 25% de Bastardo, 25% de Tempranillo (Arauxa), 25% Garnacha Tintorera. “É un viño de variedades que reflicte a paisaxe sen chegar a que predomine unha destas variedades. Un viño vibrante”, recoñece a experta.

En Valdeorras

Na súa selección, Evans inclúe un viño de Valdeorras, a pesar de que o Mencía non é a variedade predominante nesta DO. A experta incide na importancia dalgúns tintos como o de Joaquín Rebolledo, elaborado na Rúa. É un viño maioritariamente Mencía (80%), aínda que tamén mestura un 10% de garnacha que proporciona dulzor, cun 5% de Sousón que achega intensidade e forza.

É un viño que fermenta en depósitos de inox para logo pasar de 6 a 12 meses en barricas de madeira de carballo francés de 300 litros. “Ao ver que se macerou en barrica, un pensa que vai predominar tanto en boca como en nariz esta crianza, aínda que o interesante é que o Mencía pode integrarse ben coa barrica. Se é certo que a barrica proporciona algo máis de textura, pero se se fai ben resulta unha opción máis complexa e interesante”, valora.

En Ribeira Sacra

O Mencía domina neste territorio, con máis de 2.300 adegueiros e 94 adegas, cun clima continental con influencias atlánticas. A boca do demo, é o viño top da adega Castro Candaz, procedente de cepas con máis de 70 anos de antigüidade e elaborado con Mencía, Garnacha tintorera, Domingo Pérez e Caíño.

Trátase dun viño coa contraetiqueta Ribeira Sacra Summun, o que implica que foi elaborado cun 85% de variedades preferentes e nas que se inclúe un mínimo dun 60% de Mencía. “É un viño que enche a boca de perfume. Parece que fose ser un viño lixeiro que ofrece pracer para logo demostrar que achega frescor nun viño estruturado, con acidez e taninos non demasiado fortes. Cun prezo de 26 euros, é un viño memorable e especial que ben merece este prezo”, recoñece a especialista.

Mencía en internet

Un dos puntos débiles que Evans atopou nos Mencías elaborados en Galicia é a súa proxección en internet, en concreto a falta de identidade deste viño en canles de comunicación tan utilizados hoxe en día como as redes sociais. Unha procura por algunhas destas redes como Instagram ou Facebook permitiulle constatar á experta as escasas referencias aos viños Mencía.

“Os tintos galegos teñen o reto de facerse un oco entre os viños españois”

Nun tempo de pandemia como o que acabamos de vivir, onde os restaurantes pecharon as súas portas, viuse a necesidade de buscar saída tamén ao viño doutra forma e a súa escasa presenza na rede xoga en contra do potencial dos tintos galegos. Non só a escasa presenza en redes sociais, senón que tal e como apunta Evans, o Mencía topouse de cheo coa dificultade de que non se atopa nas listas de viños máis recomendados. “Ourense ten por diante o traballo de promocionar o seu Mencía. Os tintos galegos teñen que facerse un oco entre os viños españois, demostrando que hai máis que Riojas ou Ribera del Duero”, argumenta Evans.

Ribeira Sacra e Monterrei teñen que traballar xuntas para mandar a mensaxe de que son o corazón do Mencía galego

A experta avoga pola colaboración entre as dúas D.O, contando tamén con Valdeorras, aínda que a súa produción de Mencía sexa máis reducida, xa que a confrontación entre elas non proporcionaría bos resultados. “En especial Ribeira Sacra e Monterrei teñen que traballar xuntos para mandar a mensaxe de que son o corazón do Mencía”, valora.

A escasa presenza dos Mencías na rede pode facer que os viños galegos xoguen en desvantaxe, a pesar da súa calidade, e mesmo quedar atrás aínda coa bagaxe histórica dos viños tintos en terras galegas. Evans aprema a reivindicar o Mencía galego, xa que outros produtores de latitudes tan distantes como Australia están a promocionar xa os seus Mencías e poden conseguir situarse a nivel mundial entre os consumidores como os produtores destacados desta variedade, o que deixaría relegados os viños galegos. “Ao Mencía pode pasarlle o mesmo que ocorreu coa Garnacha, que aínda sendo unha variedade española, asóciase por moitos consumidores con outras rexións”, apunta a experta.

A gran incógnita é saber que vai escoller o consumidor, aínda que para Evans, os tintos galegos teñen grandes posibilidades no mercado. “O Mencía pode abrirse camiño como un viño fresco e aromático de Galicia. Mencía é a variedade, pero o viño é tamén personalidades e en Galicia hainas”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información