“É moi interesante que Rías Baixas aposte por viños envellecidos e máis complexos”

Entrevista a André Dominé, recoñecido xornalista alemán da revista Vinum/Mi Vino que acaba de visitar a Denominación de Orixe Rías Baixas. Declárase sorprendido cos viños plurivarietais da subzona do Rosal

Publicidade
“É moi interesante que Rías Baixas aposte por viños envellecidos e máis complexos”

André Dominé, nas Rías Baixas. Foto: Susana Formoso

O recoñecido xornalista alemán André Dominé acaba de percorrer durante tres días as distintas subzonas da Denominación de Orixe Rías Baixas. O seu obxectivo, elaborar elaborar unha reportaxe de oito páxinas que se publicará na prestixiosa revista Vinum/Mi vino, en edicións alemá e española, respectivamente.

Da súa visita destaca especialmente a capacidade de garda dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, especialmente o envellecemento sobre lías.

Cales son as conclusións da túa viaxe á Denominación de Orixe Rías Baixas?
Por unha banda, aquí en Rías Baixas tedes uns viños brancos moi atractivos, principalmente o Albariño. Por outra banda, descubrín outros viños como os do Rosal, con mestura de variedades, que poden ser moi interesantes e que teñen unha maior complexidade e, dito dun modo positivo, son máis ‘rústicos’.

A parte máis interesante desta viaxe foi que algunhas adegas están a buscar cada vez máis uns viños brancos con maior complexidade e con maior capacidade de envellecemento, viños con capacidade de garda. Isto non é algo completamente novo, porque, por exemplo, Pazo Señoráns fixo isto xa coa súa selección de anada en 2005. É algo que aos poucos estase a estenderse.

Neste sentido, creo que é moi importante que as adegas non se centren só en viños novos, porque os viños novos considéranse como relativamente ‘simples’. Ademais, en calquera zona ou rexión vinícola a capacidade de garda dos viños considérase como unha calidade moi boa, ou unha característica de calidade.

Talvez esta capacidade de garda dos viños de Rías Baixas é un dos principais cambios que viu desde que estivo na Denominación de Orixe con anterioridade…
Efectivamente, pero uno dos cambios que vin e que me pareceu máis positivo é que moi poucos viños envelleceron en barricas. Moitos adegueiros optaron por utilizar as barricas dun modo máis sutil. En calquera caso, non creo que o envellecemento en barricas sexa algo que vaia engadir moita máis perspectiva aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas, porque a variedade de uva que tedes aquí, que tamén depende directamente do clima, conta con maior acidez e os viños non necesitan maiores melloras -en canto ao uso de barricas- para envellecer.

“O envellecemento sobre lías dos viños de Rías Baixas reflicte máis o terroir que a barrica”

O que os profesionais atoparon é que os viños poden envellecer sobre as súas finas lías, algo que lles achega un maior carácter e que reflicten máis o seu terroir. Son uns viños moi emocionantes e é un modo de traballar para o futuro, xa que non só achegará unha maior aportación económica para as adegas de Denominación de Orixe Rías Baixas, senón que tamén podería elevar aínda máis a imaxe da rexión, logrando un maior recoñecemento dos seus viños.

Que potencial teñen os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas no mercado alemán?
Alemaña non é un mercado sinxelo, afortunadamente, pero si é un dos mercados exteriores máis importantes da D.O. Rías Baixas. Isto significa que á xente gústalle o estilo de vida de aquí, en certo xeito, e que non está tan lonxe do que se pode ver en Alemaña.

Só hai unha diferenza, e isto pode ser un dos motivos do éxito que teñen os viños de Rías Baixas en Alemaña, e é que non teñen tanto azucre.

En Alemaña atopas viños que teñen acidez e que son frescos, pero todos estes viños teñen unha alta proporción de azucre. Con todo, creo que existe un importante grupo de amantes do viño que os prefire secos.

Nun mundo globalizado como o de hoxe, cales cre que son as fortalezas e debilidades dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas?
As fortalezas pasan porque Rías Baixas especializouse nas variedades locais, como o Albariño, que é a máis coñecida. Ademais, é unha variedade de uva absolutamente excelente, polo que supón unha das maiores vantaxes dos viños de Rías Baixas.

Unha das desvantaxes, talvez, é que os viños cambian un pouco dun ano para outro debido precisamente ao clima na rexión. Por iso, os amantes dos viños de Rías Baixas teñen que aceptar esas pequenas variacións das anadas, o cal tamén é interesante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información