Eloi Villada Legaspi é un rostro ben coñecido para moitos gandeiros e gandeiras galegas. Durante 38 anos foi un traballador público ao servizo do sector agrogandeiro, primeiro na Agencia de Desarrollo Ganadero e posteriormente na Xunta de Galicia, unha vez transferidas as competencias.
Defensor convencido da necesidade de que os funcionarios coñezan de primeira man a realidade do sector, tanto a través da formación técnica como do diálogo directo co gandeiro, para comprender o seu entorno socioeconómico, acaba de iniciar a súa xubilación. Un período no que continúa unha intensa actividade tanto na explotación de ovino familiar, como dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.
¿Como empezaches a traballar para o sector agrogandeiro dende a administración pública?
Nacín no rural, e aínda que non fose moi bo labrego, sempre me gustou a actividade do mundo agrario e traballar para reformalo. Despois de estudar en Lugo Enxeñería Técnica Agrícola traballei uns nove meses como vendedor de pensos compostos e logo, a finais do ano 1977, presenteime á oposición no turno libre de técnicos da daquela Agencia de Desarrollo Ganadero (Adg), na que había sete prazas para toda España e logrei a primeira praza, incorporándome na delegación de Galicia na Coruña. Daquela dependía do Ministerio de Agricultura e logo fun transferido para a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo Consellería do Medio Rural. En total, foron 38 anos de servizo público.
A primeira etapa foi decisiva para a miña formación. En concreto na Agencia de Desarrollo Ganadero aplicábamos políticas de desenvolvemento para o sector gandeiro, financiadas polo Wolrd Bank (Banco Mundial) ao principio e por Caixa Galicia posteriormente, apostando por unha produción máis especializada e intensiva, para aqueles tempos, pero baseada na herba e no pastoreo. Os cinco anos que estiven na Axencia permitíronme formarme, pois recibiamos revistas e libros de diferentes países, o que me obrigou a aprender inglés, en francés xa me defendía e sobre todo tomar contacto cos investigadores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) e outros centros de investigación en diversos países do mundo.
Tamén realicei unha estancia de formación en Holanda, de onde trouxen eu as bases para o predesecado da herba para ensilar, e unha viaxe a Irlanda, ao tempo que recibíamos información do que se estaba a facer en produción gandeira en Francia, Reino Unido, Irlanda, Nova Zelandia e mesmo nos Estados Unidos.
Lembro que, ao principio, cada semana tiñamos que preparar e expoñer un tema aos compañeiros, organizar charlas en días de campo, que realizabamos nunha granxa determinada na que reuniamos gandeiros que estaban no noso programa ou simplemente tiñan interese nos temas a tratar. Isto foi o que me axudou a falar en público con certa facilidade.
Nestes 38 anos viviches cambios históricos no agro galego. ¿Que te marcou máis a nivel profesional?
Sobre todo o primeiro período na Agencia de Desarrollo Ganadero, alí aprendín o esencial ao traballar en programas específicos de formación e divulgación para a mellora do sector gandeiro galego, que xa iniciara a súa modernización.
Coa transferencia á Xunta de Galicia no ano 1983, pasei a traballar no Servizo de Produción Vexetal de Lugo, onde tiven como xefe de servizo a unha persoa de moita valía, como foi Julio Ulloa Vence, e compañeiros de excelente formación como Ramón Fuentes, José Andrés Vázquez, Domingo Mazoy, Concha Ferreiro, Manolo Ferreiro e un longo etc.
Así, no ano 1984 empezamos co programa de implantación e mellora de pastos en Montes Veciñais en Man Común, que durou ata o ano 2015, pois aínda que no actual Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) está contemplado, en realidade non está activado. É unha mágoa, porque a implantación e mellora de pastos en montes veciñais supuxo unha contribución ao desenvolvemento rural de xeito estable e duradeiro e nas comarcas nas que máis proxectos se fixeron tivo unha clara incidencia na redución dos lumes, como na montaña lucense.
“A PAC en Galicia centrouse máis nas axudas directas que na reforma das estruturas agrarias”
Outro aspecto a destacar foi que nos últimos anos a miña labor centrouse moito mais na xestión das axudas da PAC, pero seguín traballando cos gandeiros no eido da formación e o feito de visitar centos de explotacións de todo tipo cada ano permitiume estar preto da realidade do medio rural.
En canto á tipoloxía das explotacións, produciuse un fenómeno contraditorio: nas explotacións de leite a partir dos anos 90 desatendeuse a alimentación en base aos propios recursos forraxeiros da explotación e incrementouse exponencialmente o consumo de concentrados, o grao de intensificación foi tal vez excesivo. En cambio nas explotacións de vacas de carne o fenómeno foi o contrario, mellorouse moito na produción de herba e na extensificación, cun paulatino abandono da corte, animais sempre en pastoreo, simplificación dos sistemas de manexo..etc. Os gandeiros de leite foron clientes moi atractivos para os negocios pola súa elevada capacidade de compra e ás veces mercaron demasiado. A política agraria centrouse máis nas axudas directas que na reforma das estruturas agrarias como concentración parcelaria, aumento da base territorial das explotacións etc.
¿Cales foron, na túa opinión, as fortalezas e as debilidades que se xeraron para o sector agrogandeiro galego nestas décadas?
Dende o punto de vista financeiro, antes case non había nada e hoxe o sector ten moitas máis liñas de axudas, con cantidades que van entre o 30 e o 50% dos investimentos. As axudas da PAC hoxe supoñen unha parte importantísima dos ingresos das explotacións gandeiras, ata o punto de que maioría das mesmas non poderían sobrevivir sen elas. Sen axudas da PAC neste momento habería que subir de forma desorbitada os prezos agrarios para compensar os custes de produción.
A nivel tecnolóxico houbo unha mellora evidente no gando, na alimentación, na maquinaria e en instalacións. O que acontece é que ese non é necesariamente o único camiño.
As eivas foron que perdemos moitos activos agrarios e moita superficie agraria útil. Ademais, se antes había un certo equilibrio en toda Galicia entre as actividades agrarios e gandeiras, hoxe estamos tendo un nivel de desocupación e de abandono terrible en moitas comarcas de Galicia e só niveis axeitados nunhas poucas. Isto podería ter sido unha gran oportunidade para que medrasen as nosas explotacións agrogandeiras e crear outras novas porque non temos os problemas de exceso de carga gandeira e contaminación por nitratos ou fósforo que si teñen noutras partes de Europa. É unha grande oportunidade que aínda temos, pero falta formación e vontade política para facelo.
“Deixouse de formar aos funcionarios da Xunta para que podan asesorar estratéxicamente ás explotacións”
Hoxe en día e moito máis no futuro, as explotacións de leite precisan de man de obra especializada e esta non existe. Do mesmo xeito que se forman mecánicos, electricistas ou fontaneiros, tamén se precisan traballadores que saiban conducir a maquinaria, mesturar unha ración, muxir vacas. É unha oportunidade para crear emprego e contribuír ao mantemento das granxas, se non se fai, o futuro vai ser moi problemático.
Por outra parte, o nivel de formación agronómica dos técnicos e funcionarios foi a peor. Nos tempos do Servizo de Extensión Agrario raro era o funcionario que non fixese visitas ao estranxeiro para mellorar a súa formación; hoxe, pola contra, a Administración non lle deixa saír do seu posto de traballo nin practicamente teñen cursos de formación agronómica. Os cursos só se fan para o que é esencial, como a tramitación dos expedientes, pero non para comprender os procesos que se están a dar no rural. É certo que están moito máis formados na xestión administrativa, pero non á hora de asesoramento estratéxico para as explotacións.
É dicir, ¿a Administración abandonou a labor de aconsellamento, público e independente, para os gandeiros?
Si, e é un problema de desleixo por parte da Consellería do Medio Rural. Non hai unha estratexia para o que vai acontecer co medio rural galego nos vindeiros dez anos, non se prevé que facer coas explotacións que están pechando e as que o van facer nos próximos anos, nin se afronta o problema de falta de man de obra asalariada que hai en moitas ganderías, especialmente nas de vacún de leite.
Na miña estadía en Holanda, lembro que xa no ano 1982 estaban facendo a planificación para os próximos dez anos e funcionaban con moita información. En Galicia, pola contra, a administración non planifica e nin se ve que afronte seriamente os problemas e retos gravísimos que temos para o sector agro gandeiro galego nos próximos anos. A pobre xestión que se está a facer do PDR é un síntoma.
¿Cales son eses retos ineludibles do agro galego para os próximos anos?
En primeiro lugar, hai un número enorme de explotacións gandeiras que non teñen relevo xeracional e que van pechar nos próximos anos. ¿Que imos facer con todo iso? ¿Como se van integrar en novas explotacións? ¿Que tipo de instalacións necesitarán e que necesidade de terras terán? ¿Con que financiamento propio imos contar? O da Unión Europea xa o coñecemos, pero é preciso facer un esforzo suplementario sobre todo de cara ás pequenas explotacións e de tempo parcial, e é necesaria moita flexibilidade. Resulta evidente que deberíamos ter equipos traballando en conexión con institutos universitarios e diversos organismos da UE na previsión como vai ser o espazo agrario galego dentro de dez anos, a información está aí, compre coñecela, discutila e divulgala e poñerse a traballar xa no PDR 2020-2025. Non fan falla centos de persoas, pero si algunhas.
“É moi grave que a Xunta non teña un plan de futuro para o agro galego”
E non se trata de encargar un informe puntual a unha empresa de consulting que moitas veces non está vinculada á realidade do sector, senón de contar coas universidades e repotenciar o CIAM. Non se está a planificar o futuro do agro galego.
Non se pode deixar todo ao libre mercado, nin crer que o único camiño é ter explotacións cada vez mais grandes e concentradas, pois seguindo así en cada país só debería quedar un único gandeiro e un único agricultor.
Lamentablemente a administración está a atender ao inmediato, pero alén diso tamén se debería investir no que está por vir.
Traballando no FOGGA tiveches unha longa experiencia na xestión das axudas europeas. ¿Realmente están sendo efectivas as axudas da PAC , os plans de mellora ou axudas de incorporación?
En primeiro lugar, considero que hai que mellorar o nivel de formación dos futuros gandeiros. E iso é incompatible con desactivar as escolas de capacitación agraria (Pedro Murias, Becerreá, Monforte, Guisamo…etc), como fixo a Consellería ata o de agora. Os edificios están aí, o persoal en parte segue aí, pódese botar man dos técnicos que a propia Consellería ten nos seus servizos, contar cos técnicos das cooperativas e mesmo de empresas privadas, que poden contribuír a formar eses especialistas tan necesarios dos que antes falaba.
Desta forma, hoxe practicamente só queda en formación regrada a EFA Fonteboa, que é privada e está a facer as cousas bastante ben, pero non pode cubrir todo o territorio.
Penso tamén que os futuros xestores das granxas terán que saír da Escola Politécnica Superior de Lugo, e por suposto de todos os graos de formación que haxa.
“É moi necesario que os mozos e mozas do rural adquiran maior autoestima”
Pero o que é máis necesario é que os mozos e mozas do rural adquiran maior autoestima. Dende sempre notei unha presión moi forte á xente nova para que abandone o agro e se marche a outras actividades, cando no medio urbano e periurbano de Galicia tampouco hai moitas alternativas de traballo para esta mocidade.
Quen debería liderar este proceso é a Consellería do Medio Rural, pero teño a impresión que isto non vai acontecer.
Un tema recorrente nas últimas décadas en Galicia é a necesidade de ordenar os usos do territorio, para que as explotacións agrícolas e gandeiras, e tamén forestais, podan ter un tamaño competitivo. ¿Por que motivo na túa opinión ningún goberno se atreveu a intervir na propiedade e no uso da terra en Galicia?
O Banco de Terras foi un primeiro intento de facer algo diferente, que supuxo a creación dun inicio de infraestrutura de xestión de terras, que puido ter evolucionado moito, pero a realidade é que se deixou esmorecer a propósito. E o que non entendo é que o motivo tal vez foi porque se lle ocorreu a idea a outros. Aínda así e a pesar do dito, xa existen normas que se se aplicaran a situación sería máis favorable. Poderíase facer mellor, pero o problema é que non se fai cumprir a lei que xa existe.
Tolérase este caos dirixido porque, en primeiro lugar, hai lobbys que se protexen. E iso condiciona moito aos gobernantes para que non sexan moi esixentes na observación das normas e que quen debería facer os controis de oficio miren para outro lado
A normativa di claramente que non se poden talar frondosas para plantar eucalipto ou facelo en terras agrarias, pero a Xunta só actúa se hai denuncia, cando para calquera denunciar a un veciño supón un problema. Teríao que facer de oficio a propia Xunta a través do seu persoal.
Este caos vai traer problemas moi graves co cambio climático: un verán seco con altas temperaturas e vento forte pode traernos incendios xigantescos como os que se xa ven a cotío en Estados Unidos, Canadá ou Australia.
Se, como todo indica, segue avanzando a eucaliptización do agro galego imos cara un rural cada vez máis despoboado, e iso está contrastado, porque fixa moito menos poboación que a gandería ou a agricultura.
“Se segue avanzando a eucaliptización do agro galego imos cara un rural cada vez máis despoboado”
Por non falar do risco que supón apostar case toda a produción de madeira de Galicia ao eucalipto, cando os seus prezos son imprevisibles e non está seguro que non se desplomen dentro de dez ou vinte anos.
É dicir, manter un medio rural equilibrado é manter un medio con producións diversas, no que por suposto tamén haxa espazo para o eucalipto ou o piñeiro. Por exemplo, o castiñeiro para froito está a ter un presente moi interesante e é altamente probable que o futuro tamén sexa bo.
Neste sentido, ¿Como ves o debate en torno á limitación da plantación de eucalipto, sobre todo na provincia de Lugo?
Creo que é unha polémica bastante falsa, pois se simplemente se aplicara a lexislación actual xa sería suficiente. A realidade é que hai moitos propietarios de terras que neste momento non ven alternativas e si un lucro a través do eucalipto, pero compre mostrar e favorecer outras vías.
E por outra parte, hai que recordar que o sector lácteo galego, para ser competitivo e sobrevivir no futuro, necesita máis de 200.000 hectáreas a maiores de superficie agraria útil, fundamentalmente a partir de terras agrarias ou a monte ou nas que se realizaron indebidamente plantacións forestais.
Unha queixa recorrente entre os agricultores e gandeiros é que as axudas implican tamén un gran traballo para eles de “papeleo” e burocracia que desincentiva traballar no agro ¿Comparte esta análise?
Entre o ti vai facendo e as dificultades que hai agora hai un treito que se debería acurtar. A impresión que teño das miñas viaxes por Francia, é que alí as trabas burocráticas son bastante menores que en Galicia e en España, tamén é certo que as estruturas son mellores e por tanto a tramitación é máis doada.
Por poñer un exemplo, aquí o sacrificio de animais está regulamentado dunha maneira moi estrita, coa obriga de desprazarse ata un matadoiro. Cumprindo a lexislación europea, en Francia ou en Suecia existen matadoiros móbiles, para adaptarse á situación dos gandeiros de ovino ou caprino. Aquí agora mesmo hai un exceso de rixideces, porque é máis doado ser ríxido, eu entendo que compre unha flexibilidade aínda que se sexa estrito..
Pero tamén creo que a veces a xente se queixa con razón e sen ela, e tampouco podemos volver a etapas anteriores de absoluta falta de control.
¿Que te incentivou máis no teu traballo nestes 38 anos de profesión?
Sigo crendo que en Galicia o rural ten futuro, pero faltou dunha maneira sostida apoios para mellorar a súa imaxe ante a sociedade. Houbo unha época boa co conselleiro Alfredo Suárez Canal durante a cal se puxeron as bases para unha estratexia a longo prazo para o agro galego, pero foi un período curto de tempo, e logo os gobernantes que viñeron despois iniciaron un período que eu cualificaría de déficit de implicación.
Agora xa retirado sigo activo nos labores de divulgación e dende a presidencia da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, trato de contribuír dentro da humildade a preservar as actividades nun mundo rural que sempre me fascinou e aínda me emociona. Espero que sexa por moitos anos.