“É irrenunciable unha suba inmediata do prezo do leite”

Entrevista a Roberto López, voceiro dos gandeiros da provincia de Lugo. Asegura que “o que pasou na asemblea de Lugo foi por falta de información e transparencia dos sindicatos agrarios”. Confirma que están traballando na creación dunha organización dos gandeiros e que o xoves manifestaranse en Lugo.

“É irrenunciable unha suba inmediata do prezo do leite”

Roberto López nunha asemblea de gandeiros en Lugo

Roberto López é un gandeiro de Lugo que traballa, coa súa muller, nunha pequena explotación láctea familiar. Explica que a “situación é crítica, non so polo prezo, senón tamén polo medo a que a industria che deixe de recoller o leite, que é o que marca a diferencia desta crise respecto doutras que vivimos”. Vende o seu leite a través da cooperativa Agris “e estamos cobrando a 27 céntimos e caendo”.

O pasado xoves converteuse na voz dos gandeiros de Lugo ao asumir a palabra na asemblea posterior á tractorada, demandando máis transparencia ás organizacións sindicais agrarias e outro tipo de estruturas para defender os intereses dos gandeiros. Saín o xoves a falar porque estaba desesperado e ninguén me informaba”, asegura. Falamos con el da crise de prezos do leite e do que se deu en chamar o 15M do agro galego.

Foi algo inesperado todo isto para ti?
Si, foi bastante inesperado. Desde o momento no que decidín subir a aquel tractor temín o que se viña encima. Non me arrepinto para nada porque considero que temos que loitar polos nosos intereses, pero igual tería que ter respirado tres veces antes de subir. Por unha parte estou orgulloso de telo feito, pero por outra parte estou preocupado porque teño medo ao que poida pasar, a represalias, a quedar mal diante da xente que confiou en min. Eu son un gandeiro e espero que os pasos que dea non sexan negativos para a miña familia.

O que reivindico non é máis que un prezo xusto e que a xente que di que representa aos gandeiros sexa transparente cara nós.

Como estás a compatibilizar todo isto co traballo na explotación?
Buff…agora mesmo estou traballando na granxa. Aínda por riba tivemos un problema cuns animais e temos moito traballo. Nunca lle agradecerei o suficiente á miña muller o traballo que está a facer estes días porque é unha auténtica superheroina.

As vosas demandas son case coincidentes ao 100% coas da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego. Por que se mantén a división entre uns e outros?
Na Plataforma hai que recordar que non só están os sindicatos. Paréceme moi ben que a Plataforma loite polos gandeiros pero debe facelo con transparencia e dando información. Se ti te presentas nunha mesa de negociacións como representante de alguén a ese alguén teslle que trasladar información do que negociaches nesa mesa e esta xente non o estaba a facer, ou polo menos os gandeiros non o estaban a percibir.

“O que pasou en Lugo foi por falta de información e transparencia dos sindicatos agrarios”

E o que pasou o día 3 na asemblea de Lugo foi única e exclusivamente por falta de información. Entendo que algunha xente que está neses postos ten detrás xente que lle pide que é o momento exacto de dicir as cousas para sacar réditos de distinto tipo. Rebentou por aí como puido ter rebentado por outro lado. Do que estou contento é da unión que hai nos gandeiros de Lugo, sen malos rollos. E por iso seguen chegando tractores e sumando apoios.

Ides acudir á manifestación dos gandeiros convocada para este xoves en Santiago?
É que hoxe convocamos unha manifestación en Lugo para o xoves tamén. Solicitámola esta mañá na Subdelegación do Goberno e transmitíronnos que non ía haber ningún problema.

O que si imos ter é unha reunión con gandeiros que están na manifestación de Santiago. Queremos facer un intercambio de opinión con eles. Iremos uns representantes hoxe para ver se podemos ter unha entrevista con eles en Santiago ou nos arredores, en caso de que haxa problemas de tráfico pola tractorada.

En Santiago decidiuse que os gandeiros, un representante por concello, se integren na Plataforma e acudan ás negociacións…
É que tiñamos que dar un golpe encima da mesa. Falei con gandeiros de Coruña e queren o mesmo ca nós: prezo para o leite e transparencia, tendo presencia nas mesas de negociacións para saber o que se acorda.

Vas ir a Madrid o xoves á negociación do acordo?
Non porque non podemos ao non estar constituídos como organización. Agora xa é moi tarde.

“É irrenunciable unha suba inmediata de prezos”

Cales son os puntos irrenunciables que segundo vos debería contemplar o acordo entre industria-distribución e gandeiros que está a impulsar o Ministerio?
O irrenunciable é que haxa unha suba inmediata de prezos, xa sexa 33, 34 ou 35 céntimos. Tamén necesitamos unha estabilidade nos contratos, porque non valen para nada mentres que non haxa unha figura legal que obrigue ao seu cumprimento.

En Galicia os gandeiros estamos enviando ao matadoiro 1.000 vacas diarias, para poder sobrevivir. E isto non pode ser a vía de regularizar a produción porque suporá a peche de moitas explotacións.

Como valorades as axudas da Xunta e do Ministerio?
Falar publicamente de 300 euros por vaca queda moi ben, pero son unhas axudas que van chegar a moi pouca xente e son cantidades limitadas para tres anos e que sen van descontar das próximas axudas. É un parche de emerxencia para agora mesmo, pero cando volva haber outro bache, que facemos?

Roberto, na tractorada de Vilalba.

Roberto, na tractorada de Vilalba.

Como valores o papel dos sindicatos na busca de solucións ós problemas do sector?
Valóroo negativamente porque por moito que se xunten detrás dunha pancarta, cada un segue facendo declaracións polo seu lado e non hai unión entre eles. Creo que as organizacións agrarias, para que funcionasen, os seus representantes tiñan que cobrar en función do que cobran os gandeiros. Se fora así fai moito tempo que estaban dando leña, porque con explotacións cobrando a 18 ou a vinte e poucos céntimos haberían estar dando guerra.

Tedes intención de constituír unha organización de produtores para intermediar na compra venda do leite coas industrias?
Estamos traballando aínda. Non sei se se vai chamar OPL ou non. O que estamos é intentando facer é unha organización, pois necesito que alguén me releve porque xa estou algo saturado, pero que isto teña unha continuidade para unir aos gandeiros. Unha organización que sexa transparente, que sexa dos gandeiros, sen bandeiras políticas.

A conselleira ofreceuvos apoio para esa organización de produtores na reunión que mantivestes en Lugo?
Si que nolo ofreceu. Pero o mesmo que ofreceu sempre. Hai uns 7 millóns de euros para a constitución de organizacións de produtores. Pero estamos valorando a posibilidade de facela sen pedir subvención, para que funcione de verdade e manter a nosa independencia. Hai moitos cartos encima da mesa e por iso os sindicatos se pelexan por constituír cada un a súa.

 “O ideal sería facer unha OPL para toda España”

Pensan crear unha organización propia, tipo OPL, ou mesmo sumarse á Organización de Productores de Leche?
Asistín unha vez a unha asemblea na que participaba un membro dunha OPL de fóra de Galicia que nos informou de como funcionaban e gustoume como traballaban. Quizás o ideal fora facer unha para toda España para que o quixese comprar leite tivese claras as condicións e a propia OPL se encargara de controlar a produción.

Desde os sindicatos agrarios din que sodes xente vinculada ao PP e que un dos vosos obxectivos é crear desunión no sector. Din que dicides ‘A unión é a forza’ pero que fostes os primeiros en dividir. Tamén se di que moitos de vós tedes pasado sindical en Xóvenes e que buscades crear un substituto. Que pensas disto?
Xa lle dixen aos meus compañeiros que tiven unha reunión con Feijóo e que nas próximas eleccións me presentaría eu.

O tempo porá a cada un no seu sitio. Teño amigos que son afíns ao PP, teño íntimos amigos afiliados do PSOE, do BNG, afiliados ao Sindicato Labrego ou a Unións Agrarias…Eu non estou afiliado a ninguén e polo único que corro é polas miñas vacas e pola miña familia.

Nunha semana ou en dúas semanas xa verán se estou situado nalgún posto dalgún sindicato ou por aí.

Tedes previsto endurecer as mobilizacións en Lugo en caso de que non se chegue a un acordo satisfactorio este xoves?
Falouse de facer unha folga de entregas pero xa dende hai semanas e sen concretala. Pero o de empezala o sábado 12 aínda non o planteamos. O que si acordamos é estar en Lugo cos tractores ata o xoves ás 6 da tarde e despois valoraremos que facer. Penso que o ideal sería deixar de presionar á xente na cidade, que se está a portar moi ben con nós, e quizás levar os tractores a outro sitio. Non hai problema en plantarnos diante da industria X ou do centro comercial X, pero valorarase máis adiante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información