Unións Agrarias porá en coñecemento da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e da AICA o prezo inferior que as industrias lácteas impoñen ás granxas de menores dimensións. Con este anuncio a organización pon o peche á campaña iniciada hai tres meses co obxectivo de denunciar “os abusos das industrias e conseguir prezos xustos para o leite galego na renovación de contratos”. Unha iniciativa que, segundo a organización agraria “ten valido para visibilizar o diferencial de 4 céntimos que separa ás ganderías galegas das do resto do estado; así como os prezos inferiores que as lácteas impoñen ás explotacións menos produtivas de xeito totalmente arbitrario”; pero que, segundo recoñecen “ata o de agora non ten conseguido reverter uns abusos” ante os que insta a actuar aos organismos competentes.
En concreto, Unións Agrarias anuncia que reclamará a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) e da Axencia de Inspección e Control da Cadea Alimentaria (AICA). A organización lamenta que, a pesar das peticións de intervención lanzadas á Xunta nas últimas semanas, “ata o de agora o goberno galego non teña tomado medidas nin teña mediado para tentar correxir unha situación que ameaza con levar ao peche ao 65% das granxas de leite galegas: as pequenas explotacións familiares ás que a industria penaliza con prezos ata 10 céntimos inferiores por teren unha menor capacidade produtiva”.
“Entendemos que está habendo unha competencia desleal e un abuso de posición dominante, e consideramos que hai base legal máis que suficiente para que tanto a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencial como a administración e a AICA estatal e a galega interveñan”, salienta a organización. Un diferencial de prezos que a industria impón ás explotacións máis pequenas que carece de xustificación, “pois os gastos loxísticos supostamente maiores que as industrias lácteas din asumir para realizar a recollida nas granxas con producións menores están moi lonxe dos prezos que estas pretenden impoñer, pois supoñen como moito 1,5 céntimos por litro”.
Promoverá a creación de grupos de gandeiros a nivel local para ofertar en conxunto a súa produción ás industrias lácteas
Así as cousas, Unións Agrarias anuncia creará grupos territorias dentro da organización de produtores Ulega para negociar colectivamente as entregas das explotacións con menor volume de entregas: “Non é o mesmo ofrecer 400.000 litros anuais de forma individual que xuntar 2 ou 3 milllóns de litros entre varias explotacións e ofercerlle ese volume a unha industria”, explican dende Unións.
Por outra parte, Unións Agrarias lembra que as ofertas de renovación de contratos que están a chegar aos produtores e produtoras de leite galegos “non só continúan perpetrando ese inxustificable diferencial de prezos, senón que inclúen outros incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria, como o relativo á duración dos mesmos”. Así, mentres que a lexislación fixa nun ano a duración mínima deses contratos, a maior parte das ofertas que neste momento están sobre a mesa sitúanse nos catro meses, con algunhas excepcións que chegan aos 9. Unha práctica abusiva e contraria á legalidade que a organización agrogandeira tamén denunciará, así como o imcumprimento da obriga de presentar as ofertas de contratos aos gandeiros con, cando menos, dous meses de antelación.