A intención da Xunta de declarar Zonas Vulnerables a contaminación por nitratos en 7 áreas da xeografía galega (A Limia, O Salnés, e municipios das comarcas de Ferrolterra, Melide, Santiago, A Costa da Morte e A Coruña) caeu coma un xarro de auga fría, sobre todo nas comarcas máis leiteiras, onde se teme que as restricións ao uso de abonos poida minguar a rendibilidade e competitividade das granxas.
Non se agardaba algo así nas 5 zonas que a Xunta pretende declarar vulnerables a contaminación por nitratos na provincia da Coruña e que afectarían en concreto a 12 concellos (Trazo, Tordoia, Santiso, Melide, Moeche, San Sadurniño, Valdoviño, Zas, Abegondo, Oza-Cesuras, Carral e Cerceda), polo que sorpresa e incredulidade son as palabras que mellor definen a reacción xeralizada tanto dos produtores como das organizacións agrarias, que acusan á Consellería de “preparar o terreo para a rede de plantas de biogás que pretende crear”.
Medra a preocupación e o enfado entre os gandeiros das zonas afectadas, que demandan máis información
Entre os gandeiros destas zonas medra a preocupación e o enfado. A medida que a noticia se ía sabendo, moitos deles comezaron a pedir máis información e a chamar aos alcaldes que estiveron presentes na reunión coa Xunta, na busca de respostas que tampouco teñen, á falta de que a Consellería concrete as consecuencias reais para o sector da anunciada declaración de zonas vulnerables.
Falamos con algúns rexedores para saber como poden afectar as restricións que se aveciñan á produción agrogandeira nos seus concellos, pero tamén eles recibiron con sorpresa o anuncio da Xunta e pregúntanse as causas reais da contaminación, de cara a reverter esta situación.
Os alcaldes queren coñecer en que criterios se basea a Xunta para declarar uns concellos e outros non
Algúns rexedores que non estiveron presentes na xuntanza (alegan que foi cambiada de data e convocada baixo un asunto, o da presentación dun proxecto de economía circular, que agochaba a cuestión das zonas vulnerables), solicitaron oficialmente este mércores información detallada á Adminstración autonómica sobre os puntos de mostreo, as analíticas realizadas e sobre o alcance das restricións que está previsto que sexan adoptadas.
Óscar Pose, responsable do sector leiteiro de Unións Agrarias (UU.AA)
“As 170 unidades de nitróxeno por hectárea non chegan para botar millo, moito menos para facer rotación de dous cultivos ao ano, como pide a PAC”
A expensas da reunión convocada para o vindeiro luns pola Consellería coas organizacións agrarias, Unións Agrarias considera “un total despropósito a declaración en zonas eminentemente produtoras de leite como a de Trazo e Tordoia, a de Melide e Santiso ou a de Zas”.
“Non vemos razóns obxectivas e vai supoñer un pau importante para as explotacións destas zonas, que teñen na produción de forraxes a súa fortaleza”, di Óscar Pose, responsable do sector leiteiro de Unións Agrarias.
“Lendo a normativa, a limitación de abonado dos 170 quilos de nitróxeno en zona vulnerable equivalerían a 60.000 litros de purín por hectárea e ano, sen poder botar nada de abono químico a maiores. Iso non daría para labrar millo, que consume unhas 250 unidades de nitróxeno, polo que coa declaración de zona vulnerable estase impedindo, de facto, ás explotacións destas zonas cultivar millo porque o rendemento vai ser moi baixo e non compensa botalo”, asegura.
O límite de 170 unidades de nitróxeno por hectárea incluiría os abonos orgánicos e os de orixe química
“As explotacións de leite son rendibles en Galicia grazas ao millo, que supón o 60% das racións de leite. Sen o millo, faise moi costa arriba a produción de leite, polo que nesas zonas será máis caro producir”, razoa.
En contra da PAC
“A Xunta está restando viabilidade ás explotacións. Con ese límite, que me digan como queren que se bote millo e se rote con outro cultivo, como pide a PAC. Con dúas producións ao ano non dan os números”, afirma.
Óscar destaca ademais que as explotacións leiteiras dalgunhas destas zonas son “ganderías exemplares na aplicación de abonos”. “Son explotacións das máis modernizadas de Galicia e mesmo de Europa”, destaca.
Nestas zonas están algunhas das ganderías máis modernizadas de Galicia, exemplares na aplicación de abonos
“Esperamos que se dea marcha atrás e se faga unha análise real, porque son granxas con base territorial, non son intensivas, por iso nos estraña moitísimo. Se hai que declarar zona vulnerable haberá que ver onde fai falta e terá que haber razóns obxectivas para iso”, demanda.
Xustificación para as plantas de biogás
Desde UU.AA cren que a declaración de zonas vulnerables responde ao obxectivo da Xunta de “buscar unha xustificación para dar viabilidade ás plantas de biogás, que sen estas medidas eran totalmente inviables”. “Sendo mal pensados, se a primeira planta a queren montar en Cerceda, parece que escolleron as zonas a propósito para ter a materia prima ao lado”, argumenta. “A verdadeira economía circular é abonar con xurro e esterco as terras e non carrexalo para producir enerxía”, razoa.
É un despropósito que se teña que facer algo coma isto para xustificar as plantas de biogás (Óscar Pose)
“Agardamos que se dea marcha atrás de maneira inmediata nesta declaración para non xerar máis alarma. Senón, vannos atopar enfronte e de xeito moi contundente. Os gandeiros de momento non son de todo conscientes das consecuencias pero o cabreo xa é patente nalgunhas destas zonas”, asegura Óscar.
Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego
“Parécenos unha broma de mal gusto que se queira poñer un selo de gandería sostible á procedente de zonas contaminadas”
Desde o Sindicato Labrego Galego, a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, denuncia un “escurantismo” do proceso de declaración de zonas vulnerables por parte da Xunta. “Nós como organización representativa do sector agrario non temos coñecemento dos criterios para a determinación destas zonas”, di.
“Non houbo un proceso publico do monitoreo, onde se recolleron as mostras de contaminación difusa e durante que período. Eses datos deberían ser públicos; é unha cuestión de transparencia”, defende. Por iso, na reunión coa Consellería do vindeiro luns desde o Sindicato Labrego pedirán “a xustificación das analíticas, canto tempo levan monitoreando e como”.
Orixe da contaminación
“Sorpréndennos algúns dos concellos, porque nalgúns o que queda é gandería extensiva exclusivamente. Por exemplo, a gandería que queda en Carral ou Oza-Cesuras. É pouco entendible como se xustifica que aí haxa un problema de contaminación por nitratos”, considera. Por iso, Isabel opina que a intención real da Xunta pode ser a de “crear conflito onde se pensan instalar plantas de tratamento de xurros”.
Van pagar xustos por pecadores: existe contaminación cruzada, non todo é responsabilidade do sector agrogandeiro
“Sorpréndeme moito; estou desexando ver a documentación para coñecer a orixe da contaminación e ver ser realmente é de orixe gandeira ou doutro tipo, por exemplo industrial”, razoa. “Penso que aquí pagan xustos por pecadores. Existe contaminación cruzada, non todo é responsabilidade do sector agrogandeiro, máis ben pouca”, conclúe.
Aumento da burocracia e dos custos de produción para as granxas
O Sindicato Labrego alerta tamén das consecuencias que a declaración de zonas vulnerables a nitratos van ter para as granxas que se atopen nesas áreas. “Como consecuencia da declaración, ten que haber un Plan que se ten que executar e que vai levar a restricións na fertilización e a un aumento de esixencias e de burocracia”, afirma.
O Caderno dixital nestas zonas non vai ser voluntario, senón de obrigado cumprimento
As ganderías que se atopen dentro das zonas delimitadas van ter que adoptar obrigatoriamente o Caderno Dixital de explotación, cando no resto dos casos a súa aplicación é voluntaria.
Do mesmo xeito, precisarán de Plans de Fertilización e terán que facer analíticas de solo e da composición do xurro e o esterco, dado que a Consellería non publicou aínda valores medios oficiais para os distintos tipos de abonos orgánicos en función da especie de gando que os produce, valora o Sindicato Labrego. A maiores, esixiranse unhas tecnoloxías de aplicación “que suporán gasto para as granxas”, quéixase Isabel.
Novo selo de gandería sostible
Desde o SLG acusan de “cinismo” á Consellería á hora de anunciar as zonas vulnerables. “A Xunta véndeo como unha oportunidade, cando non o é. A creación dunha etiqueta de gandería sostible párecenos unha broma de mal gusto, máis se se pretende identificar como gandería sostible aquela procedente de zonas contaminadas, facendo ademais a competencia a aquelas outras granxas que levan a cabo prácticas sostibles e están certificadas en ecolóxico”, razoan.
Hai un procedemento aberto por contaminación desde fai anos a non se fixo nada
Isabel lembra que no caso da Limia “hai un procedemento aberto por contaminación desde fai anos a non se fixo nada” e culpabiliza á Consellería de ter provocado o problema. “A Limia é o froito dunha irresponsabilidade continuada durante tempo. Había evidencias do problema e, aínda así reduciron as distancias entre cebadeiros e permitiron o aumento de animais nas granxas intensivas e sen terra”, denuncia.
Manuel Muíño, alcalde de Zas
“Están creando desigualdades entre concellos e hipotecando o futuro de moitas granxas”
Manuel Muíño é o alcalde de Zas e recibiu este mércores varias chamadas de gandeiros do seu concello preocupados por como lles vai afectar a declaración de zona vulnerable a nitratos que a Xunta pretende establecer neste municipio da Costa da Morte.
“Están preocupadísimos, din que non lles vai chegar o límite de abono que se vai establecer para a produción de forraxes. Para ampliar as granxas, tiveron que aumentar a base territorial e agora dinlles que iso non serve”, denuncia.
“Moitos deles fixeron e fan esforzos en modernizar as súas explotacións, cos últimos adiantos, están moi tecnificadas e moitas delas contan con relevo xeracional, con xente nova á fronte. Recibiron axudas para incorporarse e Plans de Mellora para a ampliación. Fixeron que as familiar se endebedasen e agora dinlles que hai que reducir os xurros e iso levaríaos a ter que reducir a carga gandeira”, argumenta.
Diferenza competitiva entre granxas de concellos limítrofes
Por iso, se se leva a cabo a declaración de zona vulnerable Manuel reclama axudas aos produtores das zonas afectadas “para que poidan competir en igualdade de condicións cos outros gandeiros doutros concellos”. “Vaise producir unha diferenza competitiva con respecto aos concellos limítrofes, porque se isto se leva a cabo aos gandeiros de Zas vailles saír máis caro producir o litro de leite ca os de Mazaricos, Vimianzo ou Santa Comba”, exemplifica.
Estamos rodeados de concellos con moitas máis vacas ca nós e que verten aos mesmos ríos
En Zas quedan unhas 20 explotacións gandeiras, dúas de carne e o resto de leite, e entre todas suman 2.555 cabezas de gando. “Estamos rodeados de concellos que teñen moitas máis vacas e explotacións ca nós. Excepto Cabana de Bergantiños, que terá máis ou menos coma nós, tanto Santa Comba como Mazaricos, Vimianzo e Coristanco teñen máis granxas ca Zas”, compara.
“É o que non entendemos, e a Xunta tampouco nolo explica. Nós vertemos a dúas concas, ao Xallas e ao río Grande. Se a contaminación é no encoro do Xallas, non seremos nós sós, porque Mazaricos e Santa Comba tamén verten aos mesmos ríos. Nós sos non temos unha intensidade gandeira como para xustificar esa contaminación por puríns”, razoa.
As terras aquí van valer menos e nos concellos do lado vanse revalorizar
Á hora de alugar fincas, unha das consecuencias da decisión da Xunta sería que “as terras aquí van valer menos e nos concellos do lado vanse revalorizar”, di. “Estás provocando un desaxuste en todo o sector. Non ten pés nin cabeza. Poñer límites de concello non ten sentido. O sector móvese e o purín tamén, porque os produtores de Zas teñen terras alugadas en Vimianzo e se se lles prohibe botar purín en Zas levarano para as terras que teñen alugadas no concello do lado. Se é así, o problema vai pasar a Vimianzo. Se estamos nós afectados tamén o estarán os demais concellos da comarca con intensidade gandeira, pero non creo que sexa un problema só dos nosos concellos”, engade.
Preparando o terreo para unha futura planta de biogás?
Manuel considera que detrás da decisión da Xunta hai unha intención de “botar balóns fóra” e unha estratexia “para preparar o camiño ás plantas de biogás”. “Nós estamos no medio, e á hora de transportar o purín iso é importante, por iso igual nos escolleron a nós”, di.
Nós estamos no medio, e á hora de transportar o purín iso é importante, por iso igual nos escolleron a nós
O alcalde de Zas considera que o anuncio da Xunta “é un globo sonda”. “Da Limia saltan para aquí e para non cabrear a moitos, escolleron Zas, que é o que comparativamente menos granxas ten”, argumenta. Tamén critica que non se informara antes aos gandeiros afectados. “Estas medidas tiñan que explicalas aos produtores e ao sector en primeiro lugar”, di.
En canto a xuntar aos rexedores municipais, considera que “a Xunta pretende involucrarnos a nós nunha decisión que toman eles, só nos informan do resultado para que pareza que nós temos algo de arte ou parte niso cando non é así; vostede toma a decisión porque é a súa competencia”, sentencia.
Recurrir e chegar a Europa se fai falla
O Concello de Zas dirixirase oficialmente á Consellería de Medio Rural “para preguntarlle de forma oficial en base a que nos declaran a nós como zona sensible ou contaminada por nitratos, en base a qué datos técnicos, para poder analizar se eses datos son reais, e onde colleron a mostra porque se a colleron no río do Porto que pasa por Baio e non a colleron augas arriba nin augas abaixo non reflicte a realidade”, xustifica.
Imos preguntar de forma oficial en base a que nos declaran zona contaminada e onde colleron a mostra
En defensa dos produtores do seu concello, Manuel anuncia accións mesmo legais. “Cando saia no DOG recurriremos a decisión, xudicialmente se fai falla, e chegaremos a Europa se é necesario”, avanza.
Control constante por parte de Augas de Galicia
O alcalde de Zas dubida das intencións reais da Xunta “porque en 17 anos que levo de alcalde non tivemos nin a primeira subvención de Augas de Galicia para facer redes de saneamento e depuradoras, que as pagamos con fondos municipais”, conta.
“Evitar a contaminación todos queremos, pero de que vale que a evitemos en Zas se compartimos o río Grande con Vimianzo, Laxe e Camariñas. Nós temos depuradoras nos núcleos máis importantes, en Baio e en Zas, pero se non as hai augas abaixo non serve de nada”, di.
Permitiu Augas de Galicia até agora que en Laxe, que collen a auga do río Grande augas abaixo, beberan a auga contaminada por nitratos?
“Aos que temos depuradoras cósennos a inspeccións; aos que non as teñen non os inspeccionan. Estamos moi cabreados. En ningún momento Augas de Galicia nos dixo nada e mira que nos vén a analizar a auga todas as semanas á depuradora do río Grande”, engade.
Por iso, o alcalde de Zas pregúntase “se Augas de Galicia permitiu até agora que en Laxe, que collen a auga do río Grande augas abaixo, beberan a auga contaminada por nitratos?” “Se era tan grave o problema, por que non nos avisaron até agora?”, remarca.
O rio Grande nace en Santa Comba e pasa por Coristanco antes de chegar a Zas
Manuel pensa que “non ten sentido poñer límites de concello porque o río non para nun sitio determinado”. “A maioría de explotacións teñen alugadas terras en distintos concellos. Produtores do concello de Vimianzo teñen alugadas terras en Zas e ao revés. Os produtores móvense entre os concellos, polo que poñer límites deste tipo non ten sentido. Esta limitación non responde á realidade porque se ao produtor non lle deixas botar o purín en Zas, pero si en Vimianzo, o problema vai pasar ao concello do lado”, argumenta.