
A Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) ou a Enfermidade Hemorráxica Epizootica (EHE) teñen en alerta ás explotacións de vacún e as estratexias de bioseguridade son a mellor ferramenta fronte a elas e fronte a outras patoloxías que poderían aparecer a curto prazo ou que xa están presentes en España. É a principal mensaxe do profesor de Veterinaria Alberto Allepuz Palau (Universidad Autónoma de Barcelona), que foi un dos participantes no recente congreso da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (ANEMBE).
Así, nunha intervención pensada para veterinarios e gandeiros, expuxo a necesidade do deseño de plans de bioseguridade nas granxas para reducir o risco de entrada de enfermidades. Tamén falou sobre as oportunidades de mellora que supoñen eses plans no funcionamento global da explotación. “Pequenas investimentos e prácticas sinxelas supoñen o aforro de miles de euros en problemas sanitarios.”, afirmou.
Allepuz é profesor do Departamento de Anatomía e Sanidade Animal na Facultade de Veterinaria da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB). Epidemiólogo con 20 anos de experiencia, as súas investigacións céntranse na aplicación de métodos epidemiolóxicos para mellorar a saúde animal. É, ademais, experto en avaliación de riscos, bioseguridade e vixilancia epidemiolóxica.
Pequenos investimentos e prácticas sinxelas supoñen o aforro de miles de euros na granxa
Conceptos básicos
A bioseguridade consiste na aplicación de medidas físicas e de manexo deseñadas para reducir o risco de introdución, establecemento e propagación de axentes patóxenos nuhna poboación animal, segundo a definición da Organización Mundial da Saúde Animal (OMSA)
Allepuz explicou que hai que diferenciar entre:
– Bioseguridade externa: medidas dirixidas a evitar a introdución de patóxenos desde o exterior ao interior da granxa.
– Bioseguridade interna: medidas dirixidas a evitar a diseminación de patóxenos dentro da granxa.
A redución do risco de transmisión de patóxenos a través da aplicación de medidas de bioseguridade céntrase en dous principios básicos:
– Segregación: evitar o contacto directo ou indirecto entre animais susceptibles e posibles fontes de infección, por exemplo, coa aplicación de corentenas na compra de animais ou ben dispoñer de botas propias da granxa para o veterinario que a visita.
– Redución da presión de infección: reducir a probabilidade de que un contacto que ten que ocorrer conduza á transmisión dun patóxeno, por exemplo, a través da limpeza e desinfección do vehículo que transporta os animais antes de levar un novo lote de animais.
O profesor destacou que “os animais máis sanos terán un maior benestar e produtividade, requirirán de menos antibióticos e reducirán o risco de transmisión de enfermidades ás persoas e a outras explotacións. Son aspectos prioritarios para as explotacións -como parte da súa sostibilidade- e tamén para a sociedade. Por iso, a bioseguridade debe de integrarse como un compoñente máis do plan sanitario da explotación.”
Animais sanos significan máis produción, menos tratamentos sanitarios e menores riscos para outros animais
Por outra banda, dixo Allepuz, as melloras en bioseguridade terán un impacto positivo no estado sanitario dunha rexión ou dun país, o que pode ter consecuencias para os movementos de animais e o comercio. Por contra, a falta de bioseguridade pode obstaculizar o éxito dos programas de erradicación de enfermidades obrigatorios, como por exemplo a tuberculose.

Allepuz foi un dos ponentes no congreso de ANEMBE en Valladolid
Contexto sanitario
Allepuz citou estudos que afirman que cada ano, entre o 45% e o 60% dos rebaños positivos a tuberculose en España son novos positivos dese ano. E boa parte deses casos asócianse coa interacción con animais silvestres, movementos de animais ou relacións entre veciños.
Ata o 60% dos rabaños con positivos en tuberculose cada ano son ganderías que non tiveran positivos anteriores
“Tivemos a entrada da Dermatose Nodular Contaxiosa que levou ao baleirado sanitario obrigatorio de moitas explotacións e á restrición de movementos. Hai que ter en conta que, desde o momento no que entra o patóxeno a un territorio e ata que se detecta e se establezan as medidas asociadas á contención do gromo, as medidas de bioseguridade das explotacións son a única barreira para limitar a dispersión do patóxeno.”
O tempo que pasa desde que un patóxeno chega a unha zona ata que é detectado é clave. Por iso hai que anticiparse
O especialista indicou que, para conter o gromo co menor impacto socioeconómico posible, é importante que o número de granxas infectadas durante este período sexa o mínimo posible. “O período de tempo entre a entrada dun novo patóxeno a un territorio e a súa detección pode ser de varias semanas; nese tempo multiplícanse as oportunidades do virus para dispersarse”.
Como exemplo citouse o gromo de Dermatose Nodular declarado en Cataluña a primeira semana de outubro do 2025. “As investigacións epidemiolóxicas apuntan a que a entrada puido ser polo menos unhas 7 semanas antes”, destaca.
A hipótese é que a dermatose nodular entrou en Cataluña 7 semanas antes da súa detección
Allepuz apelou a non esquecer que enfermidades de categoría A circulan en países próximos a España, e o risco de entrada de algunha delas é posible. Por exemplo, a Febre do Val do Rift e a Febre Aftosa están presentes no norte de África e en Turquía e no 2025 houbo gromos de Febre Aftosa en Alemaña, Eslovaquia e Hungría, que supuxeron o sacrificio de todos os animais de varias explotacións.

O manexo das camas nas granxas é clave para reducir a circulación de patóxenos
Así, a bioseguridade mellora a saúde, produtividade e benestar dos animais, reduce o risco fronte a enfermidades endémicas presentes no territorio, contribúe a eliminar enfermidades de erradicación obrigatoria e reduce o número de granxas que poidan infectarse ante a entrada dunha enfermidade exótica ao país.
Oportunidades de mellora
O especialista mencionou outros estudos que poñen en entredito a bioseguridade nas granxas españolas. “As análises antes de mover animais, corentenas ao chegar á granxa ou dispoñer de botas e roupa para as visitas que van entrar en contacto cos animais, entre outras medidas, aplícanse en moi poucas explotacións de bovino”.
En España hai moito traballo por facer en canto a transporte do gando, aplicación de corentenas e control de visitas
Respecto ao transporte de animais, os vehículos non sempre se limpan e desinfectan entre viaxes, os condutores entran con frecuencia nas granxas para a carga/descarga de animais con botas empregadas antes noutra explotación. Ou un mesmo vehículo emprégase para transportar animais ao matadoiro e despois para transportar recría, tras unha limpeza-desinfección non sempre do todo efectiva.
O contexto sanitario actual e o nivel de bioseguridade no sector bovino, dixo Allepuz, require reforzar e mellorar as medidas de prevención das explotacións para reducir a vulnerabilidade ante a entrada de novos patóxenos.
“A bioseguridade é fundamental na Lei de Sanidade Animal Europea. Un dos aspectos incluídos é que todas as explotacións deben recibir unha visita zoosanitaria na que se valore a sanidade, o benestar e a bioseguridade das granxas mediante a realización dun plan sanitario integral.”
O profesor recoñece que estes pasos poden supoñer unha carga burocrática e chamou a unha reflexión no sector para ofrecer un servizo de asesoría de calidade, con metodoloxías que permitan identificar cales son as áreas de mellora de cada explotación en canto á prevención de enfermidades e evidenciar os beneficios de aplicar ditas medidas.
A Lei de Sanidade Animal Europea recolle expresamente a creación de plans sanitarios integrais
O poñente cre que o sector veterinario debe valorar se este contexto ofrece unha oportunidade para desenvolver e ofrecer un servizo que permita mellorar a bioseguridade das explotacións, reforzar a comunicación sobre aspectos sanitarios e promover un cambio cara á prevención.

O gando en sistemas extensivos está exposto a contactos con outras especies que poden ser portadoras de enfermidades
Plans de bioseguridade
O asesoramento personalizado considérase a ferramenta máis útil porque permite adaptar as recomendacións á situación particular de cada granxa. Para que o veterinario realice esta asesoría con calidade é necesario:
– Dispoñer de tempo
– Ter coñecementos axeitados en materia de transmisión de enfermidades e medidas de bioseguridade
– Contar con habilidades comunicativas axeitadas
“Este último punto non é sinxelo, e cóbrese pouco ou nada nos estudos de veterinaria actuais. Noutros países a formación en técnicas de comunicación mellora a calidade da asesoría en temas sanitarios. Aquí é unha materia pendente e os veterinarios non sempre dispoñen das competencias comunicativas axeitadas para acompañar ao gandeiro na mellora da bioseguridade”.
O caso é que a aplicación de medidas de bioseguridade require dun conxunto de actitudes e comportamentos por parte das persoas que as teñen que aplicar. Se non se comprenden ou non se seguen os protocolos de bioseguridade establecidos, por exemplo, comprando animais de fontes fiables, as medidas de bioseguridade non serán efectivas.
É esencial que o veterinario saiba explicar as medidas de bioseguridade e que o gandeiro as entenda e valore
Ademais diso, a dificultade non está só en poñer en marcha unha serie de medidas senón en mantelas e melloralas ao longo do tempo e a sensación de inutilidade ou cansazo na súa aplicación poden supoñer un reto á hora de aplicar medidas efectivas.
Por todo iso, o factor humano e todos os factores psico-sociais relacionados co comportamento son un pilar fundamental para a correcta aplicación das medidas de bioseguridade en explotacións gandeiras.
Allepuz detallou os pasos para deseñar e aplicar un plan de bioseguridade:
– Valorar a bioseguridade da granxa: Analizar a presenza de medidas relacionadas coas posibles vías de entrada de enfermidades á granxa así como as medidas destinadas a previr a transmisión interna. Existen cuestionarios e guías xa desenvolvidos para valorar a bioseguridade das explotacións. A avaliación debe realizarse de xeito estruturado incluíndo as diferentes vías de entrada e transmisión de patóxenos.

A retirada de excrementos é fundamental para evitar contaxios e infeccións
Allepuz sinalou que en caso de empregar un cuestionario para facilitar a toma de datos, este non debería de completarse na visita, é dicir, a avaliación non debería de consistir en poñer cruces nun papel sen prestar atención á granxa.
“E, hase de ter en conta que non sempre se fai o que se di que se fai. A validez das respostas será un reto e é máis probable conseguir unhas respostas válidas nuhna conversación onde a persoa coa que estamos falando se poida expresar coas súas propias palabras e matizar como aplica as medidas de bioseguridade na granxa.”
Para elaborar o plan de bioseguridade é imprescindible visitar todas as instalacións da granxa e coñecer as entradas e saídas
A avaliación debe levar consigo a visita ás diferentes partes da granxa. O nivel de confianza co gandeiro ou o grao de coñecemento da explotación serán determinantes. Como recomendacións xerais, Allepuz citou as seguintes:
• A avaliación non debe percibirse como un xuízo ou unha auditoría, senón como un exercicio de asesoramento e identificación de áreas de mellora
• Facer preguntas indirectas e abertas que o entrevistado poida responder coas súas propias palabras
• Intentar pedir que vos mostren as diferentes partes da granxa e facer as preguntas mentres se camiña e se visita a explotación
• Pode resultar útil preparar con antelación a “narrativa” a utilizar (pensar en exemplos de preguntas abertas)
• A entrevista non seguirá a estrutura da enquisa nin da guía, pero iso non é relevante na medida en que se recompilen todos os datos. Pero é importante ter en conta os diferentes aspectos para non esquecer nada (p. ex. movementos de animais, visitas de persoas, etc.)
– Dixerir os datos e convertelos nunha información de utilidade para o gandeiro
“É necesario analizar e interpretar toda a información extraída na visita e preparar unha descrición da granxa que sexa visual, sinxela e que sirva de base para debater co gandeiro cales son os seus principais puntos fortes, as súas vulnerabilidades e que aspectos se poderían mellorar e por que.”
Así, Allepuz suxeriu comezar a descrición cunha imaxe aérea da granxa na que se amose onde están os animais nas diferentes fases de produción, a localización de actividades específicas (partos, cirurxías, necropsias e enfermaría), lugares de acceso de vehículos e persoas, puntos de recollida do leite, cadáveres, almacenamento de esterco e alimento e rutas que teñen que seguir os diferentes vehículos.
A recollida de datos debe levar á aplicación de medidas sinxelas de aplicar e de entender para o gandeiro
Este primeiro informe de fotos e descrición de aspectos concretos relacionados coas vías de transmisión de patóxenos pode ser útil para fomentar o diálogo e poñer sobre a mesa os retos que ten a granxa para meillorar a súa bioseguridade. Por exemplo, o lugar de carga e descarga de animais, o vehículo que se usa para o transporte destes, punto de recollida de animais mortos, vestiario ou facilidades para a limpeza/desinfección das botas dos visitantes, entre outros.

As compras de gando nos mercados deben ir avaladas por informes sanitarios rigorosos e actualizados
– Establecer recomendacións
Para identificar as áreas de mellora, convén realizar un listado de enfermidades “non desexadas” para valorar en detalle as medidas relevantes para esas enfermidades e reforzar o interese do gandeiro pola mellora da bioseguridade da súa explotación.
“Por exemplo, se a granxa quere evitar unha nova entrada do virus da Diarrea Vírica Bovina (DVB) ou da Rinotraqueíte Infecciosa Bovina (RIB), coñecer o estado sanitario da granxa de orixe dos animais fronte a estas patoloxías ou realizar probas fronte a elas, serán aspectos para considerar se se van comprar animais novos.”
En caso de que a granxa estea situada nuhna zona onde hai un risco importante de transmisión da tuberculose a partir da fauna silvestre, o modo e tipo de alimento que reciben os animais, así como o deseño dos bebedoiros, serán aspectos nos que hai que ser moi rigorosos.
Todo o persoal da granxa e mesmo os visitantes deben estar concienciados e convencidos de aplicar as medidas de bioseguridade
“Á hora de establecer recomendacións, débese ter en conta que o risco de transmisión de enfermidades depende do tipo de contacto epidemiolóxico, e un contacto directo con outros animais supón un maior risco que un contacto indirecto cunha superficie contaminada para a maioría das enfermidades.”
Sembargo, tamén é importante considerar que un contacto de menor risco, se ocorre cunha frecuencia moi elevada, pode tamén supoñer un risco moi alto. Polo tanto, para establecer puntos fortes e débiles da granxa débense de considerar:
• As vías de transmisión das enfermidades non desexadas
• O tipo e frecuencia dos diferentes contactos epidemiolóxicos
Unha vez identificados e discutidos os puntos fortes e débiles da granxa deberíase de establecer un diálogo sobre as posibles recomendacións para a granxa. Allepuz apostou por recomendacións individualizadas para cada granxa xa que cada unha terá as súas particularidades concretas.
“O gandeiro debe poder, a través de toda a información que recibiu, valorar que medidas podería aplicar e cales considera que son posibles e factibles na realidade da súa granxa. As recomendacións deberían de ser acordadas e non impostas, para asegurar así a súa aceptabilidade e maximizar as posibilidades de que se apliquen de xeito efectivo.”
Os plans de bioseguridade deben entenderse como unha oportunidade de mellora e non como unha imposición ou unha traba
Outro aspecto importante é a concreción: en lugar de intentar solucionar todos os problemas de bioseguridade de forma unificada, é mellor centrarse nun ou dous en cada momento e asegurarse de que se completan.

Sempre que sexa posible, hai que ter os animais separados por lotes
A aplicación de bioseguridade depende en gran medida do que as persoas que as teñen que aplicar cren e fan, é dicir, da súa actitude e comportamento. Os custos asociados coas medidas de bioseguridade así como os beneficios esperados resultantes de aplicar ditas medidas, son uns dos elementos máis importantes á hora de decidir aplicar medidas de bioseguridade en explotacións gandeiras.
Allepuz concluíu a súa intervención sinalando que nas súas investigacións se evidenciou que un pequeno investimento, como dar botas aos veterinarios que visitan as granxas, poden ser moi rendibles para previr o impacto económico que pode ter un gromo nuhna granxa.
Máis información
Galego









Control OJD