“Os meus avós tiñan vacas en San Xiao de Mos, aínda que os meus pais se adicaron a outra cousa, pero a min sempre me gustou isto, por iso estudei enxeñería agrónoma”, explica Jesús Blanco, responsable de Granxa Xustás SL, no concello de Cospeito.
Trátase dunha gandería constituída no ano 2000 por varios veciños que co paso dos anos retornou á estrutura dunha granxa familiar. “A miña sogra, cando de xubilaron os socios que tiña na SAT, ofreceume a posibilidade de incorporarme ao proxecto. Eu nese momento estaba plantexándome facer outra nave de polos pero preferín diversificar”, explica.
Hoxe, aos seus 40 anos, ademáis das dúas granxas avícolas nas que cría 450.000 polos ao ano, Jesús está ampliando a de vacún de leite para chegar ás 200 vacas en produción. A súa filosofía é clara: diversificar para non depender dunha única fonte de ingresos. “Queremos seguir compaxinando a produción de leite coa venda de forraxe e tratar de ser cada vez mellores na parte agrícola”, di.
Os meus pais non foron gandeiros, pero os meus avós tiñan vacas en San Xiao de Mos e eu estudei Enxeñería Agrónoma porque era algo que me gustaba
Cultivan 105 hectáreas de superficie, nas que labran millo e tamén xirasol. O xirasol bótano as fincas máis secas e ensílano para eles para poder vender o millo que lles sobra a outras explotacións.
Outra fonte de ingresos é a venda dos xatos de cruces cárnicos (azul belga e angus), que teñen até que cumpren as 5 ou 6 semanas. “É a maneira de poder sacarlles un pouco máis, unha media de entre 400 e 500 euros, que ao final do ano multiplicado polo número de animais de cruce que saen dunha granxa coma a nosa son cartos”, di Jesús.
Cuarto robot
Na actualidade contan con 170 vacas en produción e están medrando en recría para instalar un cuarto robot este ano, co obxectivo de superar os 3 millóns de kilos de leite e lograr unha ratio de 1 millón de quilos por traballador.
O noso futuro pasa pola instalación do cuarto robot de muxido, co que imos superar a ratio dun millón de kilos de leite por UTA
“Cos 3 robots e 170 vacas estanse facendo oitocentos e pico mil litros por robot, que suman uns dous millóns e medio de litros ao ano e co cuarto robot queremos chegar aos 3 millóns de litros, un millón por cada UTA que traballamos na granxa”, argumenta.
A explotación é atendida só por 3 persoas: Jesús, a súa sogra e 1 empregado. Para poderen centrarse na atención do gando en produción e seren capaces de asumir a carga de traballo, teñen a recría en centros externos e contratan tamén a realización da maior parte dos traballos agrarios.
Entre os plans futuros de Granxa Xustás está tamén ampliar a fosa do xurro para ter maior capacidade de almacenamento e incrementar a produción forraxeira. A toma e análise de datos, tanto a nivel de granxa como nas fincas agrarias, estalles a permitir acadar unha maior eficiencia.
Comida fresca dúas veces ao día
Os animais de produción téñenos neste momento divididos en dous lotes: nun están as primeirizas e no outro as multíparas e dispoñen de carro mesturador propio, o que lles permite facer as racións máis a miúdo (dúas veces ao día para as vacas en produción e unha vez ao día para o lote de vacas secas).
Temos arrimador, pero facendo o carro tamén pola tarde logramos un quilo máis de inxesta por vaca
“Pola mañá limpamos de todo o pesebre antes de depositar a comida e pola tarde, se xa comeron todo volvemos limpar e senón o que facemos é xuntar a comida sobrante e volver botar comida nova no resto do pesebre”, explica Jesús.
Ao comeren máis forraxe están máis preparadas para o penso do robot e redúcense os problemas de acidose
“O dobre carro a nós funciónanos moi ben; para min ten varias vantaxes: por un lado logras unha maior inxesta, dun quilo de materia seca máis, e por outro lado ao comeren máis forraxe están tamén máis preparadas para asumir o punteo de penso do robot, polo que os problemas de acidose redúcense moito; vese mesmo a simple vista nas bostas, que son máis consistentes”, destaca.
Ter dous momentos no día no que poder trabar as vacas facilítache o manexo
Ademais, ao volveren a ir todas as vacas a comer outra vez cando fan o carro da tarde, permítelles ter dous momentos no día no que trabalas, o que facilita o manexo. “Para min é algo moi rápido e cómodo, por exemplo para inseminar algunha ou para aplicar tratamentos”, indica.
A media de produción supera os 45 litros
A produción por vaca e lactación é de 14.002 litros a 305 días, cun 3,69% de graxa e un 3,21% de proteína e unha media de 202.000 células somáticas. “Movémonos entre os 46 e 47 quilos de media de produción. Chegamos aos 50-52 quilos no inverno pero baixamos a 44 cando vén o calor nos meses do verán”, recoñece Jesús.
Producen uns 8.000 litros diarios e entregan o leite a Larsa
Neste momento producen uns 8.000 litros diarios, cunha media de 47,7 quilos por vaca e día e unhas porcentaxes de sólidos do 3,80% na graxa e 3,35% na proteína. A media de visitas ao robot é de 3,1 ao día por vaca, cun 12% de tempo libre. “A nosa idea é chegar ás 200 vacas en muxidura, 50 por robot, non nos queremos ir a máis”, explica.
Recría externalizada
A recría está externalizada, unha parte no centro de Recría Castro e outra no Rancho Las Nieves de Zaragoza. Contan neste momento cun número elevado de animais de recría, uns 110, en previsión de cubrir as necesidades do cuarto robot.
“A nosa idea agora é estabilizarnos no número de animais cando teñamos o cuarto robot a plena capacidade”, avanza. En canto ás instalacións, a súa intención de cara ao futuro é facer unicamente pequenas melloras necesarias.
A nosa idea agora é estabilizarnos no número de animais cando teñamos o cuarto robot
“Queremos facer unha nova fosa para o xurro para ter máis capacidade de almacenaxe ou pensar en instalar algún sistema de humidificación e ventilación na nave de produción, que vai cumprir xa 25 anos, para paliar os efectos do calor no verán porque é certo que as temperaturas son cada vez máis altas e aínda que é unha nave aberta polos lados e aquí dá bastante o nordés, no verán sempre se produce unha baixada de produción que pode chegar aos 5 ou 6 litros por vaca”, recoñece.
Pensando sempre no benestar animal
Nas últimas ampliacións levadas a cabo nas instalacións, tanto a feita para as secas como para as vacas en produción, optaron por instalar separadores de cubículos flexibles, buscando maior comodidade para o gando.
“Habendo isto no mercado hoxe, penso que poñer ferros é un atraso. Á cornadiza flexible, que nós puxemos no lote de secas, si que non lle vexo tanta utilidade; non vexo que coman máis e complica o manexo á hora de collelas”, di.
Á vaca dálle igual se a estrutura vai montada en ferro ou formigón; só entende de ter unha cama boa
O espazo para as vacas secas “é unha nave funcional pero low cost”, describe. “A vaca non entende se a estrutura vai montada en ferro ou formigón, entende de ter unha cama boa, cun bo material, que lla rechees con frecuencia e que lla movas todos os días; pero que a viga sexa de ferro ou de formigón iso á vaca dálle igual”, argumenta Jesús.
Viamos que cando se acumulaban moitos animais no lote de vacas secas collían peor o pico de lactación ao parir, por iso decidimos ampliarlles o espazo e darlles maior confort
Esa zona con 45 camas para o lote de vacas secas foi “un investimento pequeno pero moi rendible”, di. “O diñeiro que gastas niso recupérase con creces cando paren. Antes cando empezaba a haber un número importante de animais, porque viñan xovencas dos centros de recría, por exemplo, viamos que ao parir as vacas collían o pico de lactación peor e tiñamos algún caso de retención de placenta, aínda sen ter grandes problemas. Foi cando decidimos medir a rumia e vimos que había que darlles máis comodidade ao lote de secas para que chegaran en mellor estado ao momento do parto”, explica.
Granxas de polos
Aínda que o máis frecuente en Galicia, sobre todo en comarcas como o Deza en Pontevedra ou a zona de Friol en Lugo, é que sexan as explotacións leiteiras as que monten despois algunha nave avícola, Jesús fixo o camiño inverso. El empezou como gandeiro con granxas de polos e de aí pasouse ao leite. “A avicultura permitiume mercar o 50% da granxa de vacas de leite, ese diñeiro xerouse na granxa de polos”, admite.
As dúas naves avícolas que ten están na parroquia de Duarría e teñen capacidade para 60.000 polos cada 45 días. “Traballamos co sistema de integración, é un traballo moi constante e, aínda que está todo moi mecanizado e tes moitas alarmas, tes que estar moi pendente de todo sempre, porque un fallo en calquera cousa pode facer que non sexa rendible o negocio”, asegura.
As dúas naves avícolas teñen capacidade para sacar 60.000 polos cada 45 días
“Ao estar nun sistema de integración nas granxas de polos tes moita menos liberdade para facer cambios. É unha crianza moi rápida e os contratos están vinculados aos índices de conversión que acadas, así que non te podes permitir fallar en nada. Nas vacas podes probar cousas novas; os polos, en cambio, non che deixan marxe a facer ningún cambio”, recoñece.
Aínda que son xestionadas de maneira independente, Jesús trata de rendibilizar as sinerxias entre as súas dúas actividades. “O esterco que producimos nas granxas de polos é o que usamos logo para abonar o millo que cultivamos nas fincas da explotación leiteira”, conta.
Planta de biogás
Granxa Xustás SL conta tamén, desde o ano 2010, cunha planta e biogás, a segunda que se instalou en Galicia. Jesús defende que é un bo sistema de producir enerxía, tanto para cubrir as necesidades da propia granxa como para vender os excedentes á rede, polo que anima ás granxas de nova creación a valorar a instalación dunha planta deste tipo. “A vantaxe deste sistema con respecto ás placas solares é que ti podes acumular o biogás no dixestor para producir a electricidade nos momentos de maior consumo da granxa ou cando o prezo da luz é máis caro”, explica.
Neste momento a planta non ten capacidade para tratar todo o xurro xerado na explotación, xa que se fixo cando había menos vacas na explotación e foi quedando pequena a medida que o número de cabezas ía aumentando. “A día de hoxe hai parte do purín que producimos que non é capaz de absorber a planta, que ten unha potencia de 50 kW e estaría pensada para unhas 100 vacas. Unha granxa que produza 8 metros cúbicos de purín ao día é o ideal para unha planta coma esta”, asegura.
Conta cunha potencia de 50 kW e naceu como unha planta experimental para replicar a tecnoloxía noutras granxas
Da xestión integral da planta, así como do seu mantemento, encárgase a empresa Norvento, que paga á gandería un canon anual pola ocupación do espazo e a utilización do purín. Emprega unicamente como materia prima residuos orgánicos xerados na explotación, tanto xurro como restos de comida, silo en mal estado ou o esterco dos boxes dos xatos. “Non se mercan insumos fóra para botar á planta de biogás”, aclara Jesús.
A fosa onde se almacena o purín fresco que sae das arrobadeiras conta con pendente e un sistema de decantación para que vaia quedando nel a area que utilizan como material de recheo nos cubículos. “Iso fíxose a posteriori, vendo os problemas que daba a area buscóuselle esa solución”, indica.
O difícil é filtrar e purificar ben o metano que sae do dixestor; aí é onde está a clave deste sistema
Trátase dunha planta de monodixestor, polo que dependendo do tempo de maduración que permaneza o xurro en ocasións non é capaz de extraerlle todo o metano, algo que si se lograría cun dobre dixestor colocado en serie.
O dixestor conta dentro cun axitador e fóra cunha antorcha que regula a presión queimando os gases sobrantes. Para purificar o metano ten un sistema de filtrado (composto por un sistema de soprado que lle saca o CO2 e os gases nitroxenados e por un filtro de carbono) para que o biogás chegue o máis puro e limpo posible (99%) ao motor de coxeneración que produce a electricidade. A maiores hai unha caldeira que serve para regular a temperatura interna do dixestor e para proporcionar auga quente sobrante para a granxa.
“O purín é un recurso moi desaproveitado”
O purín é un recurso que temos as explotacións e que moitas veces se converte nun problema. Dáselle unicamente un valor como fertilizante pero tamén pode aproveitarse o seu poder enerxético, xa que hai moita enerxía tamén contida nel que se pode aproveitar sen prexudicar o seu valor fertilizante, ao contrario, mellorando incluso o seu uso como abono, porque no proceso de fermentación mesotérmica no dixestor acádase unha temperatura que serve para desnaturalizar as sementes de malas herbas, por exemplo, que non volven para a terra, porque é como se someteras o purín a un proceso de pasteurización”, compara.
O purín é un recurso que temos nas explotacións que hai que tratar se sacarlle o máximo proveito posible
“Para min o produto resultante é moito mellor que o propio purín, porque non perde poder fertilizante pero é máis doado de aplicar, porque non xera costra nin hai que batelo”, explica.
O dixestato tentamos reservalo para as pradeiras; para iso é un abono boísimo
“O material dixestado empregámolo sobre todo para abonar as pradeiras. Facemos unha primeira aplicación cando a herba é pequena e despois cando tocaría abonar para ensilar, en vez de usar un nitrato amónico ou outro tipo de fertilizante químico, volvemos entrar coa cisterna e facemos unha nova pasada con dixestato. Para iso é un material fantástico. Nós botámolo coa cisterna do xurro, cos tubos colgantes, de maneira que non se mancha a herba e aplícase cerca da raíz, polo que a planta absórbeo de maneira inmediata. Nótase moitísimo no crecemento, ademáis do aforro económico, claro, porque para os cortes de ensilado usamos só iso, non botamos abonos químicos”, aclara.
“Queremos ir mercando as fincas que temos en aluguer; para nós as terras en propiedade son un dos mellores activos que ten unha granxa”
Un dos obxectivos primordiais desta explotación a curto e medio prazo pasa por ir transformando todos aqueles alugueres de fincas que teñen en propiedade. “Para nós as terras en propiedade son un dos mellores activos que ten unha granxa”, asegura Jesús.
Por iso, todos os anos parte dos ingresos que xera a explotación invístenos en mercar terras. “O que tratamos sobre todo é ir facéndoos con aquelas fincas que levamos en arrendamento, tratamos de non competir con outras explotacións que hai nesta zona e que están tamén medrando e necesitan superficie”, aclara.
Unha maquinaria que mercas hoxe pode ser moi boa pero dentro duns anos é chatarra; as terras, sen embargo, dentro de 20 anos seguirán producindo millo
Manexan neste momento unhas 105 hectáreas: 30 a pradeira permanente e o resto en rotación, nas que o cultivo de inverno se reparte en 35 hectáreas a herba, 25 a nabo, 5 con mestura de leguminosas para enterrar e 10 sen cultivo e o cultivo de verán entre 55 hectáreas de millo e 22 de xirasol. “Logramos unha produción de 40 toneladas por hectárea de xirasol, que ensilamos ao mesmo tempo, mesturado co millo”, explica.
No uso da maquinaria buscan tamén a maior eficiencia. “Hai traballos que facemos nós e outros que contratamos. Por exemplo, o purín e o esterco movémolo nós e na colleita de herba segamos nós as fincas pequenas pero nas grandes subcontratamos a sega. Para labrar o millo pasamos nós a grade rotativa pero arar e sementar contratámolo, igual que o picado para ensilar tanto a herba como o millo”, explica.
Seme sexado nas xovencas e cruces cárnicos nas vacas
Xunto coas terras, as vacas son outra das cousas importantes que ten unha granxa, asegura Jesús. Por iso levan anos tratando de mellorar o nivel xenético do rabaño, algo para o que di que lles serviu mandar as becerras a centros de recría, onde contan con instalacións axeitadas, rutinas de manexo e persoal formado.
Nas xovencas que teñen nos centros de recría poñen todo seme sexado para garantir o reemprazo que precisa a explotación. Jesús prefire touros americanos ou canadenses. “Non nos obsesionamos cos índices. Buscamos vacas correctas morfoloxicamente que sexan produtivas e, sobre todo, lonxevas. Temos vacas con moitos partos”, afirma.
Estamos nunha taxa de reposición dun 30% e eliminamos un 20%, esa diferenza danos para medrar
Nas vacas adultas poñen case todo cruces cárnicos, usando seme tanto azul belga como angus. “Como temos vacas moi lonxevas, a nosa taxa de reposición é moi pequena e iso permítenos poñer o 90 ou 95% carne”, argumenta.
“Houbo algún ano no que vendemos até 20 xovencas, pero arriscas moito máis, porque estás criando un animal durante dous anos para gañarlle 500 euros e un xato azul belga algo bo que crias durante mes e medio case chos deixa”, compara.
Ter os animais de cruce durante ese tempo na explotación incrementa a carga de traballo da granxa “pero ao non ter a recría na casa podemos asumir ese traballo extra”, di Jesús.