
Concentración de afectados convocados polo SLG este mércores diante do edificio administrativo da Xunta en Lugo
O Sindicato Labrego Galego (SLG) valora que a denegación de 2 de cada 3 Plans de Mellora solicitados na convocatoria do 2024 pon en risco a viabilidade de centos de explotacións agrogandeiras e a incorporación efectiva dos mozos e mozas que deron o paso de adicarse ao sector.
Nunha concentración diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia e rodeada de persoas afectadas, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba afirmou este mércores que “non se entende que de 704 solicitudes de Plans de Mellora só se aprobaran 180, deixando o 74% fóra. Dúas de cada 3 granxas que pediron o Plan de Mellora e cumprían cos criterios quedaron sen el porque a Consellería de Medio Rural non foi quen ou non tivo vontade de facer un orzamento acorde ás necesidades reais das labregas de todos os sectores”, cuestionou.
Dúas de cada tres granxas que pediron o Plan de Mellora quedaron sen el, pois 434 expedientes foron denegados fronte aos 180 aprobados
Desde o SLG denuncian a “falta absoluta de compromiso” por parte da Consellaría do Medio Rural co sector no seu conxunto e, nomeadamente, cos produtores de sectores como o de vacún de carne, horta ou apicultura, pois consideran que se centraron as axudas concedidas unicamente nas grandes explotacións leiteiras.
Efecto disuasorio para novas incorporacións
“É algo inaudito que por primeira vez se lle denegue un plan de mellora a unha moza ou a un mozo que se incorpora”, remarcou Isabel Vilalba. “O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que só o 5% delas terán relevo”, explicou a secretaria xeral do SLG, que pide á Consellería que incentive as novas incorporacións, no canto de espantalas.
Moitos dos produtores que viron denegado o Plan de Mellora víronse obrigados a facer proxectos técnicos e asumir múltiples gastos
“Moitas das granxas que viron denegado o Plan de Mellora víronse obrigadas a facer proxectos técnicos e asumir múltiples gastos. Esta estratexia premeditada de abandono administrativo sen precedentes moi probablemente terá a grave consecuencia de causar un efecto disuasorio en persoas que estean pensando en incorporarse á actividade agraria”, asegura o SLG.
“As grandes granxas copan os fondos”
“Menos fotos e máis fondos”, pedíronlle á conselleira María José Gómez os mozos e mozas afectados presentes na concentración diante do edificio da Xunta en Lugo, que defenderon un modelo de axudas “efectivo, xusto e social”.
“Non só hai que axudar ás granxas grandes a costa de que as medianas e pequenas queden sen fondos. Dos 67 millóns de euros asignados para o período 2024-2027 gastáronse 25 millóns de euros na convocatoria do 2024, polo que quedarían 10 millóns por ano para as convocatorias do 2025, 2026 e 2027. Se temos en conta que este ano 30 granxas recibiron o importe máximo de 300.000 euros de axuda, xa serían 9 millóns de euros, polo que xa non quedarían cartos para ninguén máis. É dicir, o que hai orzamentado non chega nin para cubrir as granxas que quedaron fóra este ano, menos aínda para as que poidan a maiores pedir a axuda nos vindeiros 3 anos”, calcularon.
Adaptación de cisternas de purín
A situación de expedientes denegados empeora se se ten en conta os datos da la liña de axuda para plans de mellora vinculados á mitigación do cambio climático, a través da cal moitas granxas pretendían adaptarse ás normativas vixentes en relación á xestión de xurros, como pode ser a construción de esterqueiras ou cubrir fosas do purín.
Un total de 239 solicitantes quedaron sen a axuda para mellorar a xestión de purín e reducir emisións
“Moitas granxas pretendían adquirir por esta liña adaptadores para as cisternas, para cumprir coa nova normativa para a aplicación de puríns e que, a día de hoxe, é unha mostra máis de incompetencia da Consellería de Medio Rural, porque malia anunciar que se ía autorizar o prato invertido, arestora aínda non se contempla esta posibilidade”, argumentaron.
Convocatoria inmediata das axudas do ano 2025
O SLG rexistrou unha batería de medidas dirixidas á Consellaría do Medio Rural para corrixir a denegación masiva de axudas de incorporación e mellora ás arredor de medio milleiro de granxas ás que lles foron denegadas, malia cumprir os requisitos, así como para garantir unha convocatoria 2025 xusta, social e plural.
O SLG pide fondos suficientes en todas as liñas do ano 2025 e uns criterios de reparto xustos, sociais e plurais
“Non ten ningún sentido que as familias con 2 cotitulares que incorporan ao seu fillo ou filla non se lles teña en conta porque se esixe que a persoa moza sexa maioritaria na sociedade”, exemplificou Isabel Vilalba para pedir un cambio nos criterios de puntuación, que considera “inxustos e discriminatorios”.
Incorporar os expedientes que quedaron pendentes
En canto ao anuncio feito pola conselleira de que terán preferencia na vindeira convocatoria de Plans de Mellora os mozos e mozas que se incorporen, o SLG advirte que é necesario celebrar de maneira urxente unha reunión do Comité de Seguemento do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) para aprobar estes cambios e que sexan trasladados ao Ministerio e validados polo Goberno central e a Comisión Europea.
O anuncio da conselleira non é crible se non se toman as medidas necesarias para encamiñalo
“O anuncio da conselleira non é crible se non se toman as medidas necesarias para encamiñalo e o procedemento pasa por aprobalo no Comité de Seguemento do PEPAC e trasladar a proposta ao Ministerio”, explica Isabel Vilalba, partidaria de que se repesquen os expedientes daqueles mozos e mozas que obtiveron axuda de incorporación este ano pero viron denegado o Plan de Mellora.
“As persoas ás que só lles aprobaron a prima de incorporación pero non o Plan de Mellora nin o Proxecto de Mitigación quedan nunha situación de moita vulnerabilidade pois teñen un grado de endebedamento moi elevado para o que contaban unha subvención para afrontalo que agora non teñen”, advirte.
Brais Oro, gandeiro de leite de Agolada
“Non é entendible que unha persoa nova que se incorpora quede sen as axudas para ampliar e modernizar a súa granxa”
Brais Oro García é un mozo de 22 anos de Agolada que vén de incorporarse á explotación familiar para coller o relevo do seu pai. “Sempre estiven ligado á granxa e sempre me gustou. Iso foi o que me levou a incorporarme”, di.
Teñen 127 cabezas de gando de leite en pastoreo e están muxindo na actualidade 75 vacas. A Brais aprobáronlle a incorporación e concedéronlle 30.000 euros de axuda, pero non tivo acceso ao Plan de Mellora co que quería aumentar o número de vacas en produción.
“Agora como non se sabe cando se vai poder volver pedir estamos valorando que facer”, recoñece. En teoría, tería 5 anos para solicitar o Plan de Mellora para a súa granxa, pero non ten garantías de poder levalo a cabo. “Non sei se o ano que vén mo van dar ou non, porque este ano ao incorporarme tiña máis puntos para pedilo e eses puntos pérdelos nos seguintes anos”, explica.
Este ano ao incorporarme tiña máis puntos para pedir o Plan de Mellora pero eses puntos pérdelos; eu o que pido é que me manteñan esa puntuación o ano que vén
Por iso, pide que non se vexa penalizado por algo que non foi culpa súa, a falta de fondos suficientes na convocatoria do 2024. “Ao quedar fóra este ano, eu o que pido é que me manteñan esa puntuación o ano que vén”, reclama.
“O meu non é o único caso. A semana pasada coincidín cun rapaz da Estrada que lle pasou o mesmo. Para min non é entendible que unha persoa nova que se incorpora quede sen as axudas para ampliar e modernizar a súa granxa, cumprindo cos criterios esixidos e tendo dereito a ela”, opina.
Adolfo Cabarcos, gandeiro de vacún de carne de Xermade
“É preocupante que non se concedan axudas para aumentar a base territorial e se gasten os cartos en naves de formigón”
Adolfo Cabarcos Saavedra ten unha gandería ecolóxica de vacún de carne en extensivo en Cabreiros (Xermade), con 65 reprodutoras e 110 cabezas totais. Refol SC, na que está incorporado o seu fillo Jesús, viu denegado o Plan de Mellora que solicitou na última convocatoria.
“Tiñamos un Plan de Mellora pedido de pouco investimento, uns 36.000 euros, pero que para nós era moi importante para ser máis eficientes producindo. Ía destinado a transformar 7 hectáreas de monte en pastizal e facer peches con malla cinexética que nos protexa dos ataques da fauna salvaxe e previr deste xeito os danos tanto do lobo como do xabarín”, explica.
O noso era un investimento pequeno, sostible e viable: pediamos 36.000€ para converter 7 hectáreas de monte en pastizal e facer peches cinexéticos
“Veunos denegado e para min é preocupante que orzamentos de 36.000 euros coma o noso para investimentos sostibles e viables, neste caso para aumentar a base territorial, queden fóra e se concedan cantidades moito máis elevadas para facer naves de formigón que despois quedan moitas veces aí, abandonadas, cando a explotación cesa a súa actividade”, compara. Por iso Adolfo pide “que o orzamento dispoñible se reparta máis equitativamente para que poidan entrar máis proxectos e máis solicitantes poidan acceder ás axudas”.
No seu caso, a denegación do Plan de Mellora inflúe na viabilidade e rendibilidade da explotación. “Vai todo encadeado. Se eu teño un mellor peche o meu gando está máis protexido, polo que sufriría menos ataques do lobo e tería que pedir menos indemnizacións por danos á Consellería de Medio Ambiente”, razoa.