¿É aconsellable incorporar os restos de poda á viña?

Nos últimos anos cada vez é máis común tritutar as vides despois da poda para incoporalas ao viñedo, unha práctica que pode incrementar os riscos de enfermidades da madeira e de armillaria. Recabamos a opinión de tres expertos no tema

Publicidade
¿É aconsellable incorporar os restos de poda á viña?

Retirando as vides da poda

Nos últimos anos xeneralizouse a práctica de triturar as vides da poda para incorporalas superficialmente ao viñedo, básicamente por motivos económicos -abarata os custos respecto a apañalas- e tamén medioambientais. Antigamente estas vides adoitábanse recoller en feixes para combustible nas lareiras -tamén para quentar fornos ou forxas-, aínda que tamén se enterraban en gavias nas viñas como abono, xunto a esterco, toxo…etc.

Porén, a propagación nas últimas décadas das chamadas “enfermidades da madeira”, a principal causa de morte de videiras neste momento, pon en cuestión estas prácticas. Recabamos a opinión de tres expertos na materia: Rosa Pérez Otero, da Estación Fitopatolóxica do Areeiro; Francisco Rego González, investigador xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax.

Rosa Pérez Otero: “Dende o punto de vista fitosanitario o mellor é queimar as vides”

Rosa Pérez Otero advirte de que “desde o punto de vista fitosanitario, non é recomendable a incorporación de restos de poda ao solo porque estes restos constitúen fontes de inóculo non só para algúns dos fungos implicados no complexo de enfermidades de madeira , senón tamén de Armillaria, por exemplo”.

“E hai que ter en conta que a maioría destes fungos poden conservarse neses substratos durante largos períodos de tempo, co que a incorporación continuada de restos leñosos agrava o problema”, engade.

A xefa da unidade de Fitopatoloxía da Estación de Areeiro recoñece que “a recollida e queima dos restos non é unha labor barata para o viticultor pois require de man de obra e medios materiais, pero desde o punto de vista sanitario é o máis recomendable”.

Francisco Rego González: “É imprescindible realizar un ensaio sobre os efectos de incorporar os restos da poda ao viñedo”

Francisco Rego González, investigador xubilado da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), e con moitas décadas de experiencia no cultivo da vide, recoñece que “o que poda dicir sobre este tema é só unha opinión persoal, porque falta realizar un estudo serio, con ensaios a 10 ou 15 anos, para ver os efectos que ten sobre o viñedo incorporar os restos de poda”.

“Evidentemente que queimar as vides sería a medida máis hixiénica, e se se opta por tritularalas e incorporar eses restos superficialmente, hai un proceso de metabolización que acaba aportando materia orgánica e nutrientes ao solo”, explica.

Neste sentido, recorda que “antes os viticultores incorporaban as vides á viña: primeiro abrían as gavias e deixaban pasar tempo para que a terra se osixenase, e logo incorporábase esterco ben compostado, toxo e vides e non había tantos problemas de enfermidades da madeira porque tíñase máis coidado á hora de facer os cortes na poda e tamén porque en cada viña había un ecosistema propio, con miles de bacterias”.

A este respecto, o ex-investigador da EVEGA advirte que, na súa opinión, o problema das enfermidades da madeira “máis que a incorporar ou non as vides, débese a un cúmulo de factores, que van desde facer mal os cortes na poda, compactar demasiado o solo, e sobre todo, a alteración do ecosistema por organismos que veñen de fóra a través de plantas que non se sabe de onde proceden e poden traer tipos de armillaria, de escoriose ou esca diferentes”. “Cando alteras o ecosistema por organismos que veñen de fóra é onde poden aparecer problemas”, conclúe.

Joaquín Martínez Rodiño: “Levamos 15 anos triturando as vides na viña e non temos máis problemas de enfermidades da madeira”

Joaquín Martínez Rodiño, responsable técnico de viticultura e mecanización en Adegas Martín Códax, explica que levan 15 anos triturando as vides de poda e asegura que “non observamos un incremento das enfermidades da madeira con respecto a cando sacabamos todos os restos de poda e os queimábamos”.

“Para evitar problemas fitosanitarios, cando detectamos unha planta que manifesta síntomas de enfermidades da madeira marcámola xa durante a primavera ou verán. Esas son as que primeiro podamos, e delas si que retiramos todos os restos de poda e os queimamos, un proceso que supón unha media de 20 horas máis de traballo por cada hectárea de viñedo”, explica.

Os demáis restos de poda son triturados finalmente e incorporados ao solo para a súa descomposión. “Facémolo así por un tema económico de aforro de custos, pero tamén medioambiental de sustentabilidade, pois estamos fixando carbono, incorporando materia orgánica ao solo e evitando emisións de CO2”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información