“É a vaca Gran Campiona de Galicia porque é un animal moi completo e moderno”

Entrevista a José Alberto Iglesia Vila, da gandería Rey de Miñotelo SAT. A súa vaca Rey 814 Beemer Yuri foi elixida este domingo Vaca Gran Campioa do Concurso Autonómico Fefriga 2021

“É a vaca Gran Campiona de Galicia porque é un animal moi completo e moderno”

José Alberto Iglesia Vla con Rey 814 Beemer Yuri

A gandería Rey de Miñotelo SAT (A Pastoriza-Lugo) foi unha das grandes triunfadoras do Concurso Autonómico Fefriga 2021 que se celebrou esta pasada fin de semana en Lalín coincidindo co concurso gandeiro Feiradeza.

E é que ademais de seren premiados como mellores criadores de vacas ou lograr a distinción ao mellor lote de xatas, tamén conseguiron o galardón de Gran Campioa de Xatas e, sobre todo, o de Vaca Gran Campioa de Galicia que foi para Rey 814 Beemer Yuri. 

Falamos con José Alberto Iglesia Vila, un mozo que tomou o relevo nesta gandería familiar, sobre Rey 814 Beemer Yuri e os seus plans para este animal.

Foi unha sorpresa para vós o trunfo de Rey 814 Beemer Yuri como Vaca Gran Campioa de Galicia?
Sabíamos que estaba entre as favoritas. É unha vaca non coñecida ata agora nos concursos pois pola situación do Covid non acudiu a certames o ano pasado. É unha vaca moi destacable, pois comparándoa incluso coas nosas que gañaron premios en anteriores concurso é moi superior.

Cóntanos algo máis da historia deste animal….
Esta vaca naceu na nosa granxa e pertence a unha familia moi destacable: a súa nai, Rey 642 Yudi Doorman, foi gran campioa de Galicia en 2018 e nesta edición gañou gañou tamén na sección de vacas de máis de 65000 kilos de leite producidos, e tamén logrou o título de subcampioa de Galicia na sección de vacas adultas. Ademáis, é sobriña de Rey 747 July High Octane , a que foi gran campioa de Galicia e vaca gran campioa internacional de GandAgro e de Moexmu en 2019. Esta familia, por tanto, leva tres anos consecutivos dando vacas gran campioas de Galicia.

Que aspectos valorou máis a xuíza á hora de elixir como gañadora a Rey 814 Beemer Yuri?
Valorou que é unha vaca moderna, con moitísima calidade, con moi bo ubre e patas. Unha vaca moi completa e moi funcional, unha vaca co que se busca hoxe en día.

Con este palmarés, supoño que xa estaredes traballando en comercializar a xenética deste animal…
Máis que nada tivemos moito interese na compra de embrións da súa nai, pois foi campioa no 2018, agora ten esta filla que tamén resultou gañadora. Con esta vaca imos empezar a traballar para vender embrións e non descartamos vender algunha das 9 irmás que ten. De momento non temos aínda pechado ningún acordo con empresas, pero si temos falado de vender directamente a particulares.

Ides competir con ela ao Concurso Nacional de Raza Frisoa que se celebrará en Xixón?
Si, esa é a nosa idea.

A vosa explotación non falla nos concursos de gando frisón. Que vos atrae máis deste tipo de certames?
Empezamos picados pola curiosidade, primeiro foi en Muimenta, fomos gañando e iso anímate. Cando empecei lograr que unha das nosas vacas se situara entre as 5 primeiras do concurso autonomico xa consideraba que estaba moi ben. Pero son unha persoa á que lle gustan os retos e así foi como chegamos a gañar os tres últimos autonómicos e gañamos seis dos últimos dez en vacas gran campioas.

A participar imos todos pero o que máis te anima é gañar. Co traballo que nos dá e o esforzo que facemos para asistir o que máis me motiva é quedar primeiros. Hai que ter en conta que, por exemplo, desta vez levamos 23 animais a concurso, cun esforzo económico importante e a carga de traballo extra que supón para os que quedan na granxa, polo que claramente imos a gañar.

Este foi o primeiro certame galego de gando frisón que se celebra dende hai máis dun ano e a primeira vez que se celebra no pavillón Lalín Arena. Que impresións te levas?
A pista de Feiradeza, do pavillón, é un privilexio. En comparación co que levo visto en Europa con diferencia está entre as mellores. Teñen unha sorte poder contar co Lalín Arena para este tipo de expectáculos. En canto á organizaciónestivo moi ben e aloxamento das vacas correcto.

“En Galicia aínda temos moito que mellorar, sobre todo na preparación do animais”

Comentaba a xuíza Martine Lambot que lle sorprendeu a alta calidade das vacas e que poderían competir en calquera certame europeo. Compartes esta reflexión?
A miña opinión é que temos que mellorar moitísimo máis. Eu son unha persoa moi crítica, por exemplo a nosa vaca gañou porque era moi superior ao resto das miñas vacas, pero este domingo non saiu ao 100% das súas posibilidades, senón ao 60%. Era a primeira vez que saía da casa e non se adaptou ben, como nos gustaría.

Dito disto, creo que temos que mellorar moito para competir fóra de Galicia. Aquí podemos crer que estamos moi arriba, pero cando imos a un concurso nacional e temos que competir cos mellores de España nótase que temos moito que mellorar. É certo que avanzamos moito pero aínda temos moita marxe de mellora, sobre todo no tema da preparación dos animais. Iso vese nos resultados do concurso nacional nos últimos anos.

A veces parece que as ganderías que gañamos todos os anos somos os malos, e que como desincentivamos ao resto a participar, pero creo que temos que intentar mellorar todos e igualarnos por arriba, non por abaixo. Precisamos ter os mellores preparadores, os mellores manexadores e ser ambiciosos para que todos vaiamos mellorando.

Estes concurso están moi ben como motivación, pero unha granxa de vacún de leite é unha empresa que ten que ser rendible. Como valoras a situación no sector?
A situación está moi complicada para as ganderías de vacún de leite. É certo que a suba do gasóleo e da electricidade estanos afectando, pero onde claramente nos estamos a ver perxudicadas as granxas é na suba do penso.

E isto pinta mal porque os prezos dos cereais seguen subindo, sen perspectiva de que baixen, pero os prezos do leite seguen igual, co que a nosa marxe estase afundindo.

VACA GRAN CAMPIONA FEFRIGA 2021 3

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información