Duelo entre o porco celta e o gochu asturiano este domingo na feira de Gomeán

PORCO CELTA GOMEAN

O concurso de habilidades e manexo entre un exemplar de porco celta adscrito á asociación de criadores Asoporcel e outro da raza gochu asturiano é a grande novidade de Feira de Ano de Gomeán -no concello lugués de O Corgo- que se celebra este domingo, 9 de agosto, nesa parroquia.

O porco celta estará representado por un exemplar manexado por Anxo Calviño, da gandería Celtaporc de Camanzo (Vila de Cruces). Trátase de demostrar cal dos exemplares está máis adestrado no manexo para adaptarse ás probas deseñadas pola asociación de veciños do Salgueiriño, que se encarga de organizar o evento un ano máis.

O protagonismo do porco celta non remata con esa competición xa que haberá unha degustación popular de carne de tres exemplares preparados ao espeto para a ocasión e a raza porcina estará presente na exhibición de razas galegas autóctonas que caracteriza esta feira.

A degustación está organizada pola Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través do programa «Un gusto de rural, un rural degusto» 

O Museo de Maquinaria Clásica MUVICLA, que dirixe Marcos Vázquez no veciño concello de Láncara, tamén quixo participar nesta edición e, ademais das súas propias máquinas, contará coa presenza de vehículos e aparello aportados por veciños de Gomeán.

Tamén a Federación de Razas Autóctonas Galegas BOAGA estará presente cunha exposición de exemplares, de xeito que o público que asista á carballeira da parroquia de Gomeán poida coñecer de preto as características das diferentes razas de gando autóctono galego.

Canedupo, de Lugo, volve organizar unha competición de agility deseñada para cans. Nela, os criadores e adestradores amosarán as capacidades dos animais para acatar as ordes e guiarse por un percorrido deseñado especificamente para a feira de Gontán.

Outro dos puntos fortes da feira é a demostración de cetrería a cargo de Las Águilas de Valporquero, unha recoñecida empresa especializada en exhibicións de aves rapaces e animación para eventos temáticos e mercados medievais. O seu catálogo inclúe ata 20 especies de aves rapaces.

CARTEL GOMEAN.jpg

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información