Dúbidas e temores de como afectará a Galicia a proposta de simplificación da PAC

manifestacion_lacteo_bruxelas_01_standarAs organizacións agrarias Sindicato Labrego Galego e Asociación Agraria de Galicia manifestan os seus temores e dúbidas respecto á proposta de simplificación administrativa da PAC presentada esta pasada semana pola Comisión Europea. Así, mentres dende o SLG consideran que significará “ menos protección medioambiental e máis burocracia dixital”, dende a ASAGA botan en falta máis concreción do orzamento co que contará, pois “sen orzamento, non hai política útil”.

Sindicato Labrego: “Non se vai reducir a complexidade administrativa”

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas avanzan que “estas modificacións apenas van influír nas demandas -e necesidades- das persoas que producimos alimentos: nin imos ter mellores ingresos nin se vai reducir a complexidade administrativa. De feito, cada vez que oímos a palabra “simplificación” aplicada á PAC botámonos a tremer”.

“Para facer unha valoración pormenorizada, en primeiro termo debemos agardar a coñecer o texto definitivo e o xeito no que vai ser trasposto por parte do goberno de cada Estado. Pero o que xa podemos concluír é que o tipo de “parches” propostos en ningún caso supoñen o cambio de rumbo nas políticas agrarias que precisamos para ter un modelo europeo de produción de alimentos que aspire á soberanía e seguridade alimentaria da poboación, en lugar de estar orientado a facer negocio cunha necesidade básica como é a alimentación, ou mesmo a utilizar a alimentación como moeda de cambio nos acordos comerciais por parte da propia Unión Europea”, enmarca a gandeira e economista especializada en políticas agrarias Ana Rodríguez, integrante da Dirección Nacional do SLG.

Nesta ocasión dende a organización labrega observan ademais que “non só perdemos as labregas e labregos, senón tamén o medioambiente e, máis concretamente, a posibilidade de desenvolver un modelo agroecolóxico de produción alimentario, acorde á responsabilidade de garantir alimentos saudábeis á poboación e establecer medidas contundentes de protección e recuperación medioambiental que axuden a reverter o quecemento global”.

“Séguese desmantelando a condicionalidade sen ton nin son, é dicir, precisamente o conxunto de requisitos legais de xestión e boas condicións agrícolas e medioambientais que deben respectarse en relación ao clima, ao medio ambiente, á saúde pública, á fitosanidade e ao benestar animal. Por outra banda, parece que se afonda na renacionalización da PAC, posto que desconecta algo máis esta política doutras políticas europeas”, abonda Ana Rodríguez. “Sen garantía de prezos, sen racionalización da burocracia, con menos protección medioambiental e con menos coordinación europea”, advirte.

Analizando máis polo miúdo, dende o Sindicato Labrego salientan as seguintes modificacións relativas ás Boas Condicións Agrícolas e Medioambientais (BCAM):

-BCAM1: mantemento de pastos permanentes, a prohibición para transformar pastos permanentes pasa do 5 ao 10% e proponse o paso de pastos temporais a permanentes despois de 7 anos e non de 5.

-BCAM2: reláxanse as medidas de protección de humidais e turbeiras, que funcionan como sumidoiros de carbono do planeta evitando a degradación de áreas sensíbeis ao esgotamento de carbono.

-BCAM4: permítese a redefinición de curso de auga.

-BCAM 1, 3, 4, 5, 6 e 7: as granxas ecolóxicas cumpren automaticamente con estes requisitos da condicionalidade.

“Unha cuestión que nos preocupa especialmente pola súa irracionalidade é a limitación a un único control in situ na granxa ao ano, realizando a práctica totalidade do seguimento con sistemas de vixiancia dixital. Alén da merma obvia na calidade do seguemento, esta modificación redundaría directamente nun incremento da carga de traballo das granxas e das entidades tramitadoras derivada de ter que asumir subministración periódica destes datos”, asegura Ana Rodríguez.

E é que, tal e commo advirte “se algo puidemos constatar ca nova PAC é precisamente que unha das cuestións que adoecen dun peor funcionamento son os controis mediante satélites e tecnoloxía ca que nos obrigan a xestionar esta política pública -para mostra o pésimo funcionamento da aplicación de solicitude-. A día de hoxe, en pleno período de solicitude, estamos tendo que rexistrar milleiros de fotos preventivas porque as imaxes dos satélites Sentinel empregados para a monitorización non son eficaces en días nubrados e con parcelas pequenas; é dicir, para Galiza non valen. Insisten en que a dixitalización vai aforrar tempo e cartos ás granxas, pero polo dagora está sendo todo o contrario”.

Con respecto á xestión económica, “o único incremento que propón a Comisión é o da axuda financeira ás organizacións de produtores de froitas e hortalizas, que na Galiza non se aplica. Por outra banda, plantexan que podería haber un menor gasto porque non se permitiría empregar a reserva agrícola como medida de apoio para desastres naturais, fenómenos climáticos adversos ou catástrofes. “Pero se non se sacan os fondos daquí, vanse detraer dos pagos directos ou dos de desenvolvemento rural, dado que o orzamento é o que é, non se incrementa. No actual período Galiza ten moi esgotados os fondos de desenvolvemento rural, non temos fondos para atender emerxencias”.

No tocante ao réxime de persoas pequenas agricultoras, “a CE propón un incremento do importe de 1.500 a 2.500 euros, pero no Estado Español non temos esta figura no PEPAC, porque é voluntaria e decidiuse non ter este pago”, explica Ana Rodríguez.

Neste sentido, dende o Sindicato Labrego consideran que “debería valorarse se esta medida é interesante para Galiza, xa que temos moitas solicitudes de PAC con importes moi pequenos”.

Segundo o texto proposto, permitiríase tamén pagos por unidades de gando e colmeas nos ecorreximes e nas medidas agroambientais. Neste momento páganse por superficie todos os ecorreximes, ao igual que todas as agroambientais, agás as de razas en perigo de extinción e apicultura, que se pagan por unidades de gando. “No caso das agroambientais, non vai afectar ás persoas que producimos alimentos na Galiza, porque está todo o orzamento comprometido. Non imos ter novas convocatorias nin no ano 2026, nin no ano 2027. No caso dos ecorreximes, dependemos do Estado español, e esperemos que non se empregue para concentrar máis os pagos”, asegura Ana Rodríguez.

“Temos a sensación de que o que se pretende con esta proposta é dar a ver que se está a facer algo, pero sen facer nada. Existe moito, moito malestar con esta nova PAC en todo o territorio europeo. Non só segue contemplando a alimentación como se fora calquera tipo de mercadoría, senón que a cada paso afástase máis das promesas de ser unha política agraria cada vez máis verde. Inda por riba, o lobby do monopolio das empresas tecnolóxicas entrou a facer negocio, un negocio de moitos millóns de euros, á costa dun incremento demencial das xestións burocráticas e de que sexamos as granxas e as organizacións tramitadoras as que nos convirtamos en traballadoras e traballadores que lles traballamos de balde para subsanar as constantes eivas informáticas duns produtos comerciais máis sustentados na estratexia de márketing que na realidade dos seus resultados. Queremos unha Política Agraria Común para dar comer as persoas, non para que fagan negocio as empresas”, conclúe Rodríguez.

Asociación Agraria de Galicia: “Primeiro o orzamento e logo as medidas”

A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) súmase as peticións de medidas efectivas para o campo que deben realizarse desde os órganos correspondentes da Unión Europea. Unhas reclamacións que trasladou o presidente da Asociación Agraria de Jóvenes Agricultores —ASAJA—, Pedro Barato, no seu encontro deste mércores co comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen.

Barato referiuse nesta xuntanza á preocupación do campo español ante o paquete de medidas destinado a simplificar a política agraria común, a PAC, presentado pola Comisión Europea. Este céntrase na carga administrativa, controis e aplicación, así como na resposta ás crises e nas necesidades de inversión. Desde a Comisión postúlase como unha vía para impulsar a competitividade.

Malia agradecer os avances na redución da burocracia e no apoio a explotacións pequenas e ecolóxicas, Barato reclamaba medidas para profesionais da agricultura, en liña co expresado por representantes de organizacións de Italia, Croacia, Francia, Grecia e Portugal. Desde ASAJA manteñen que a simplificación administrativa non pode servir para ocultar falta de ambición orzamentaria. “Primeiro o orzamento e logo as medidas. Sen orzamento, non hai política útil”, manifestaba Barato, explicando que non se trata de crear novos fondos senón de garantir que os xa existentes cheguen aos agricultores reais.

As organizacións participantes coinciden en valorar o talante dialogante do comisario Hansen, pero reclaman a necesidade de contar cun orzamento sólido, manter os pilares da PAC e rexeitar fondos únicos, que poden encubrir recortes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información