Dúas das granxas que remataron contrato con Reny Picot seguen sen recollida para o leite

O Sindicato Labrego denuncia que as ganderías suman tres semanas tirando o leite, ao non atopar comprador

PREMIER CATTLE (Nova Zelandia) camion recollida leite3

Pasaron máis de 15 días desde que trascendeu que dúas granxas que acabaran contrato con Reny Picot víranse na obriga de tirar o leite, ao non atopar outra empresa compradora, pero o problema continúa sen solución.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) asegura hoxe nun comunicado. que a empresa Reny Picot leva dende comezos de mes sen recoller o leite de dúas granxas da Mariña, logo de non acadar un acordo para a sinatura do contrato. Segundo a organización agraria, esta situación supón un incumprimento da legalidade por parte da industria asturiana e pon en risco a continuidade dos proxectos gandeiros das dúas explotacións.

O SLG afirma nun comunicado que Reny Picot “incumpriu tanto a Lei da Cadea Alimentaria como o Real Decreto 95/2019, de 1 de marzo, polo que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo. Este dobre abandono -“tanto por parte da industria como da administración ante a súa falta de actuació-, supuxo perdas de miles de euros nas granxas afectadas”, valora o Sindicato Labrego.

A organización agraria sinala que a situación das dúas granxas se produciu por “non asinar os contratos abusivos das empresas e xa van vinte e un días tirando o leite”. A parte positiva é que, segundo informa o SLG, unha das catro granxas ás que Reny Picot retirou a recollida atopou comprador para o seu leite. Con todo, o produto que levan tirando dende inicios de mes xa supuxo unhas importantes perdas económicas.

O SLG acusa a Reny Picot de “incumprir a obrigatoriedade de preavisar con dous meses ás granxas da finalización da recollida. Avisar, no mellor dos casos cunha marxe de cinco días, é unha situación moi grave que vulnera os dereitos das persoas gandeiras, ignorando as normas da lexislación vixente.”

O sindicato afirma que xa puxo en coñecemento da situación á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura e á Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información