Drons pastores para controlar o gando

Unha trintena de gandeiros dos Ancares participa nunha xornada práctica en Cervantes para valorar a posibilidade de controlar as vacas en extensivo a través de veículos aéreos non tripulados. Na Pastoriza amosouse o seu uso para a análise do cultivo do millo

Drons pastores para controlar o gando

Dous cursos abordaron esta semana en Cervantes e na Pastoriza o uso de drons no agro.

A escasez de base territorial leva con frecuencia ós gandeiros dos Ancares a ter parte das vacas en terreos que poden quedar a decenas de quilómetros das granxas. O control deses animais esixía ata o de agora periódicos desprazamentos por estradas de montaña, co gasto de tempo e gasolina que esas viaxes implicaban. O uso de drons preséntase agora como unha alternativa viable para revisar a localización e estado das vacas sen moverse da casa.

Unha trintena de gandeiros dos Ancares vén de participar esta semana nunha xornada práctica na que se lles amosou as posibilidades que ofrecen os veículos aéreos non tripulados para o control do gando en extensivo. A actividade, coorganizada polas firmas de enxeñería Proyestegal e In Situ, coa colaboración da cooperativa A Carqueixa (Cervantes) incluíu unha demostración de voo de drons Phantom e Phantom Dji.

Os drons utilizados na xornada son aparellos ós que se lles poden acoplar cámaras de vídeo, para ver imaxe en tempo real, e cámaras termográficas. “A cámara termográfica identifica os puntos de calor e permite que se localicen con facilidade animais que poden estar ocultos no medio da vexetación”, destaca Ramón Martínez, de Proyestegal.

O interese dos veículos aéreos non tripulados para a gandería extensiva apunta a modelos nos que se poida programar o voo a partir de coordenadas, de xeito que non sexa preciso o contacto visual entre operador e o aparello. “Son drons cun radio de acción amplo e que se moven a maior altura que os que usamos na xornada de demostración, que si precisan dun contacto visual entre operador e dron a unha distancia máxima de 500 metros”, sinala Ramón Martínez.

A incorporación de drons suscita interese entre os gandeiros dos Ancares, que de feito, xa tiñan realizado algunha experiencia con pequenos aparellos. En Cervantes hai produtores con gando en parcelas afastadas de concellos limítrofes como Pedrafita ou Navia de Suarna; e tamén ganderías que levan os seus animais no verán ata Villafranca del Bierzo. Para todos eles, os drons ofrecen unha posibilidade de control complementario ós desprazamentos en veículo.

Xornada sobre o uso de drons na Pastoriza para a análise de cultivos de millo.

Xornada sobre o uso de drons na Pastoriza para a análise de cultivos de millo.

Inspeccións da PAC
A situación legal dos drons presenta restriccións e unha certa indefinición no ámbito urbán, segundo explican desde Proyestegal, pero en ámbitos rurais consideran que non hai problemas xurídicos para o seu uso.

En Cataluña e Madrid xa se empregan de xeito rutinario drons para as inspeccións de campo da PAC e a perspectiva é de que en Galicia tamén se utilicen en breve para eses mesmos controis. Os veículos aéreos non tripulados usados en Madrid teñen unha autonomía de 90 minutos e poden afastarse ata 15 quilómetros do operador.

A tecnoloxía que se lle pode acoplar ós drons, como sensores Lidar, permite por exemplo a identificación dos distintos estratos de vexetación dun terreo, podendo diferenciar pastos arbustivos de prados ou de montes abandonados. “É o futuro das inspeccións. Os drons aportan imaxes de gran precisión, a diferenza do satélite, e en tempo real”, destaca Ramón Martínez.

Dron sobre un campo de millo da Pastoriza.

Dron sobre un campo de millo da Pastoriza.

Formación
O curso que se está a celebrar en Cervantes ten catro días de duración e tamén aborda outras cuestións á marxe dos drons, como sesións sobre a tramitación e perspectivas das axudas da PAC.

Outra actividade formativa similar desenvólvese estes días na Pastoriza, orientando neste caso o uso de drons ás posibilidades que ofrecen para o seguemento dos campos de millo, nos que poden aportar datos que permitan valorar cuestións como o seu crecemento, grao de seca e necesidades do cultivo.

“O emprego de drons para valorar os cultivos xa se está facendo en viñedo, onde se vai xeralizar o seu uso nos próximos anos” -pronostica Ramón Martínez-. “Haberá que ver se tamén pode ser de interese para o millo”, apunta. “Cos drons, estamos conseguindo levar o campo ao despacho”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información