Drons para avaliar a eficiencia enerxética das adegas de Ribeira Sacra

Publicidade
Fotografía termográfica dunha adega na Ribeira Sacra

Fotografía termográfica de Adegas Moure, na Ribeira Sacra

Un proxecto piloto avalía o uso de drons no estudo de eficiencia enerxética en adegas da Ribeira Sacra. O proxecto, no que colaboran investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid, ten como obxectivo optimizar os métodos de inspección e propor medidas de rehabilitación bioclimática en construcións tradicionais, para obter adegas de consumo enerxético case nulo (nZEB).

A temperatura no interior das naves de crianza vinícolas ten unha gran influencia nos procesos de maduración do viño. Dado que moitas das reaccións que se producen no viño son fisioquímicas, estas poden ser aceleradas coas altas temperaturas. Por iso, en xeral, e sen entrar nas singularidades de cada variedade, os viños deben ser almacenados a temperaturas ambiente baixas para evitar acelerar o proceso natural de maduración e reducir así as posibles perdas.

A introdución dos sistemas de climatización artificial na industria permitiu asegurar unhas condicións óptimas para a elaboración do viño en case calquera parte do mundo, logrando viños de excelente calidade cunha menor dependencia do clima. Porén, estes sistemas repercuten notablemente no consumo enerxético das edificacións. Máis aló do elevado impacto ambiental, o consumo destes equipos representa unha porcentaxe importante dos custos das adegas.

Neste sentido, as novas estratexias de loita global contra o cambio climático tenden cada vez máis cara á consecución de edificios de consumo enerxético case nulo (nZEB, nearly-zero energy buildings). Este feito puxo de novo en valor moitas das edificacións tradicionais en Galicia para a elaboración do viño, que habitualmente aproveitan as vantaxes da inercia termal do chan (edificios semi-enterrados nas pendentes ladeiras) ou os sistemas de ventilación natural.

Dentro deste contexto, investigadores do CIGEO (Grupo Integrado de Enxeñaría Civil e Xeomática) da USC xunto con investigadores da UPM, impulsaron un proxecto para a inspección termográfica de adegas tradicionais usando drons. A termografía infravermella permite detectar anomalías térmicas que revelen posibles patoloxías da construción ou fallas no illamento que comprometan a eficiencia enerxética. Como explica Juan Ortiz, profesor da EPSI de Lugo e coordinador dos traballos, “grazas a este tipo de fotografía, podemos localizar posibles pontes térmicas, fallas no illamento das fachadas e teitos, filtracións de calor cara ao interior, fendas ou cavidades no material, ou humidades dentro das paredes, entre outras aplicacións”.

drons ribeira sacra 2

Os voos de proba leváronse a cabo nas instalacións de Adegas Moure, S.A. no lugar de Cuñas, no Saviñao (Lugo). O emprazamento da proba piloto, en plena Ribeira Sacra responde ben ás necesidades do estudo. Trátase dunha construción tradicional de dobre planta, rehabilitada hai uns anos para albergar na súa planta baixa semi-enterrada as barricas de envellecemento dos seus viños máis selectos. As altas temperaturas que se acadan na zona na época estival, fan que os mecanismos naturais da construción resulten claves para amortecer a oscilación térmica.

O uso da termografía infravermella na auditoría enerxética non é en si mesmo algo novo, aínda que a combinación cos drons dota á técnica de moita maior flexibilidade. Os novos sensores son cada vez máis lixeiros e economicamente tamén máis accesibles. Por iso, a conxunción dos sensores térmicos e os vehículos aéreos non tripulados atopa unha aplicación moi interesante na avaliación do estado xeral de cubertas e envolventes de difícil acceso neste tipo de instalacións agroindustriais.

Como contrapartida, a avaliación cuantitativa rigorosa (medición da temperatura superficial) require dunha monitorización precisa das condicións ambientais (temperatura ambiente e humidade relativa) no momento de tomar os datos e un estudo pormenorizado de cada material para arroxar resultados rigorosos. Por iso, aínda que a tecnoloxía é cada vez máis accesible ao público en xeral, o seu uso por persoal especializado e baixo condicións controladas faise imprescindible.

Os principais resultados desta investigación pódense consultar nesta ligazón: https://doi.org/10.3390/rs11121424).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información