Douscentos gandeiros de Africor Coruña fórmanse en Xenética Fontao en reprodución bovina

Para o mes de febreiro está prevista unha nova actividade con medio cento de produtores. As sesións divulgativas coinciden co inicio da campaña para a compra anual de doses seminais das explotacións en control leiteiro

Douscentos gandeiros de Africor Coruña fórmanse en Xenética Fontao en reprodución bovina

Visita dos gandeiros ás instalacións de Xenética Fontao, onde puideron ver os touros dos distintos programas de mellora.

Xenética Fontao desenvolveu unha xornada de formación para arredor de douscentos gandeiros de Africor Coruña. O obxectivo do encontro foi asesorar ós produtores en materia de xenética e informalos sobre a oferta de Fontao, coincidindo coa campaña anual de adquisición de doses seminais por parte das explotacións que están en control leiteiro. Para o mes de febreiro está prevista unha nova sesión con medio cento de produtores.

Sesión técnica cos produtores.

Sesión técnica cos produtores.

A xornada de onte, que contou coa presenza do director xeral de Gandería, José Balseiros, incluíu unha visita ás instalacións, na que se puideron ver parte dos touros. O acto permitiu tamén que os gandeiros intercambiasen impresións directamente cos técnicos de Xenética Fontao, o centro de referencia na selección e reprodución animal en Galicia.

Fontao conta na actualidade cuns 470 sementais das razas frisona, rubia galega, branco azul belga e limusina. É unha empresa pública participada nun 80% pola Conselleria do Medio Rural, nun 10% pola Federación Frisona Galega (Fefriga) e noutro 10% pola Asociación de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga).

Os produtores que asistiron á visita de onte son socios de Africor Coruña, a asociación de control leiteiro de dita provincia, que integra a arredor de mil explotacións. En toda Galicia, están en control leiteiro unhas 2.800 granxas, na súa maioría as máis modernas e mellor dimensionadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información