A Xunta de Galicia notificou dous novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) na provincia de Ourense, nas comarcas veterinarias da Limia e Maceda. Coa declaración destes novos, Galicia ten notificados focos en sete comarcas veterinarias, todas na provincia de Ourense, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.
A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, a Xunta lembra que esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.
Vacina dispoñible desde hoxe
A Consellería do Medio Rural informa de que hoxe comeza a comercializarse a nova vacina Hepizovac fronte á Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), elaborada por Vetia Animal Health, filial da farmacéutica galega Zendal dedicada á sanidade animal.
Esta vacina, que non é obrigatoria, poderá administrarse a bovinos maiores de dous meses. Trátase dunha suspensión inxectable en dúas doses, que deben aplicarse cun intervalo de tres semanas, e que inmunizará aos bovinos e reducirá os síntomas causados por este virus.
É un medicamento suxeito a prescrición veterinaria, polo que será necesaria a presentación de receita. Non será obxecto de programas de aplicación oficial, como si sucedeu coas vacinas da língua azul. Cada granxa deberá decidir pola súa conta a aplicación ou non da vacina.
Apoios futuros para tratamentos veterinarios
A Xunta lembra que dende o 2023 ata o de agora xa se facilitaron indemnizacións por máis de 196.000 euros por morte de animais afectados por EHE. A estas achegas sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o Ministerio de Agricultura un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.
José Ramón González
“Faltan veterinarios oficiais que vaian sangrar ás explotacións, por vacacións”
José Ramón González, por parte de Unións Agrarias, indica que a situación en Ourense é alarmante e un problema real. “No meu caso concreto, eu teño varios animais afectados e fago bastante control, pero a xente que por extensión non poida controlar os animais, pode ser un problema grave”.
Ademais, destaca que as axudas actualmente están na morte, “cunha indemnización pequena”, pero non nos tratamentos que deben aplicar para curar aos animais, coas perdas que iso conleva. González subliña que en Portugal xa se pagan os tratamentos e que iso debería facerse tamén en Galicia.
Outro dos problemas que están a percibir nestes momentos é que faltan veterinarios oficiais que vaian sangrar “por vacacións, pero isto non pode agardar, é urxente que poñan solución a isto”. Actualmente, o protocolo é que o veterinario de zona vaia sacarlle sangue e dea o resultado das análises, para así poder adoptar as medidas oportunas.
Sobre a vacina, González opina que para a provincia de Ourense chega tarde esta campaña, se ben demanda un protocolo de Medio Rural ao respecto das pautas de vacinación a ter en conta.
Charlas nas zonas afectadas
Desde Unións Agrarias e ante a preocupante situación, convocaron charlas en diferentes concellos: Maceda, Xinzo, Viana do Bolo, A Mezquita e Riós, “e seguiremos convocando máis para coñecer da man dos gandeiros os problemas que teñen e crear e trasladar á mesa de seguemento unha táboa de reivindicacións na que coincidamos todos”.