Dous novos focos de EHE en Ferrol e na Mariña occidental de Lugo

Dous novos focos de EHE en Ferrol e na Mariña occidental de Lugo

Vaca con síntomas de EHE. / Arquivo.

A Xunta de Galicia notificou a detección de dous novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de focos localizados nas comarcas veterinarias de Ferrol, na provincia da Coruña; e da Mariña Occidental, na de Lugo.

Con esta declaración, neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor, Galicia ten notificados focos en 45 comarcas veterinarias: 14 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas, Viana, Allariz, O Carballiño, Valdeorras e O Ribeiro), 14 na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos Quiroga, Lugo, A Fonsagrada, Terra Chá-Guitiriz, Chantada, A Ulloa, Terra Chá-Castro, Terra Chá-Vilalba, Meira, A Mariña Oriental, A Mariña Central e A Mariña Occidental), 7 na provincia de Pontevedra (Pontevedra-O Morrazo, Deza, Tabeirós-Terra de Montes, A Paradanta, O Condado, Baixo Miño e Caldas) e 10 na provincia da Coruña (Teixeiro, Terra de Melide, Santiago, As Pontes, Arzúa, Ortegal, O Sar Barbanza, A Barcala, Ordes e Ferrol). Así, o número de explotacións positivas confirmadas laboratorialmente sitúase en 1.986.

Próximas axudas
A maiores das indemnizacións por morte de animais, que xa se activaran o pasado ano, proximamente a Consellería do Medio Rural convocará unhas axudas directas, cuxa tramitación se iniciará cando finalice o período de actividade do vector transmisor (decembro), co fin de compensar os prexuízos económicos producidos pola enfermidade nas explotacións, tanto por mortes como por gastos veterinarios ou de desinsectantes.

Así, os fondos destas achegas (cofinanciados polo Ministerio de Agricultura) poderán chegar a todas as explotacións afectadas este ano pola enfermidade, a maiores das de 2023.

Ademais, con estas liñas de apoio será posible duplicar as contías por animal falecido, con achegas de entre 400 e 1.600 euros, en función da idade das reses. Tamén se sufragarán os tratamentos veterinarios e desinsectantes, achegando 20 euros por bovino censado, aboando os cartos polo total do censo da explotación e non só polos animais afectados, cun máximo de axuda de ata 4.000 euros por granxa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información