Dous montes do concello ourensán da Veiga pasan a formar parte do Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas de parte dos montes Carballal de Lobos e Campo da Gonza, ambos no concello ourensán da Veiga.

En concreto, inscríbense 439,17 hectáreas compostas por tres mouteiras de cerquiños, bidueiros e salgueiros do monte Carballal de Lobos, de titularidade da comunidade de montes veciñais en man común de Seoane. No caso do monte Campo da Gonza, de titularidade da comunidade de montes de Carracedo, Castromao, Corzos e Pradolongo, inscribiranse 184,65 ha compostas tamén por tres mouteiras de cerquiños, bidueiros e salgueiros.

A partir de mañá, do día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 38 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 2 na provincia da Coruña, 13 en Lugo, 16 en Ourense e 7 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 2.919,04 hectáreas.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Enlace no DOG ao anuncio do monte Carballal de Lobos:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220524/AnuncioG0426-050522-0007_gl.html

Enlace no DOG ao anuncio do monte Campo da Gonza:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220524/AnuncioG0426-050522-0008_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información