Dous anos de Mercamadeira, unha plataforma para poxas forestais que consolida o seu modelo

Seis consultoras forestais galegas crearon no 2023 un market place para madeira en pé que se está a mostrar eficaz, con 70 poxas xa celebradas e máis dun 95% de lotes adxudicados. Un webinar organizado polo COETFG este martes 25 busca ampliar a participación do sector na plataforma

Publicidade
Dous anos de Mercamadeira, unha plataforma para poxas forestais que consolida o seu modelo

Mercamadeira é unha plataforma online para a poxa de lotes de madeira en pé que crearon no 2023 seis consultoras forestais, no marco da asociación Bioeco2. Dous anos despois, o modelo demostrouse exitoso, con 70 poxas celebradas e máis dun 95% de lotes adxudicados. Un webinar do Colexio Oficial de Enxeñería Forestal de Galicia (COETFG) abordará este martes 25 o funcionamento e resultados da plataforma, na idea de que o sector poida valorar o seu interese.

O sistema, que naceu como un complemento ás poxas e vendas tradicionais, orientouse principalmente a darlle servizo ó colectivo de técnicos que traballan con comunidades de montes veciñais en man común, se ben está tamén aberta á participación de propietarios particulares.

O funcionamento é sinxelo e garantista tanto para a propiedade forestal como para as empresas forestais. O proceso iníciase coa cubicación e valoración da madeira en monte por persoal técnico dalgunha das empresas que impulsou a plataforma. Sobre ese traballo, establécese un prezo base, de común acordo coa propiedade. Ese prezo base marca a oferta mínima por baixo da cal non se adxudicará o lote. Existe tamén a posibilidade de establecer un prezo índice (superior), que se se acada, adxudica directamente o lote.

A plataforma destaca pola versatilidade do seu sistema de poxas. “O sistema máis común é o de oferta pechada, no que o ofertante coñece só o número de ofertas presentadas, pero non sabe quen as presentou nin por que cantidades” -explica José Manuel Iglesias, de Tenzas Enxeñería, unha das firmas que traballa coa plataforma-. “É un sistema que lle gusta ás empresas madeireiras porque é co que funcionan nas vendas de montes de xestión pública”.

Outra opción é a venda ao mellor postor, no que se a maior oferta é superada, comunícaselle ó ofertante, para que poida valorar un aumento da poxa. Unha terceira alternativa é a venda dun lote a prezo fixo, unha opción que normalmente só se emprega para lotes non adxudicados nunha primeira poxa.

A propiedade tamén pode decidir se vender o lote a risco e ventura (prezo total polo conxunto da madeira) ou por tonelada, sendo a primeira opción a máis habitual, ao existir de xeito previo á poxa unha medición, cubicación e valoración da madeira por persoal técnico.

Dos lotes adxudicados, arredor dun 90% adxudícase na primeira poxa, en tanto o outro 10% nunha segunda, ao non resultar a primeira. A excepción márcano tres lotes que non se venderon, por non acadar os mínimos de prezo que buscaba a propiedade.

Mercamadeira traballa con todo tipo de especies forestais, se ben as coniferas son as máis habituais, ao ter maior presenza nos montes veciñais, e en menor medida póxanse tamén eucaliptos, en tanto as frondosas caducifolias son máis anecdóticas.

Webinar do COETFG
Este martes 25, de 17 a 19 horas, o Colexio Oficial de Enxeñería Técnica Forestal de Galicia (COETFG) organizou un webinar para amosarlle ó sector o funcionamento e resultados da plataforma. “Está orientado a calquera persoa interesada, pero principalmente a técnicos que poidan estar interesados en empregar a ferramenta”, explica José Manuel Iglesias, que será unha das persoas que impartirán o webinar.

“A idea nosa de fondo é que Mercamadeira sirva para facilitar o traballo dos profesionais e nese sentido, cantas máis empresas e técnicos a empreguemos, teremos capacidade de seguila mellorando e de reducir custos”, subliña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información