Dorfladen, un modelo de tenda autoxestionada por produtores locais para vender sen intermediarios

Lichtenegg é unha localidade austríaca de 1.000 habitantes que conta cun espazo comunitario onde uns 20 produtores comercializan directamente leite, ovos, carne, pan, verduras, doces, queixos ou artigos de artesanía. Ninguén atende o local, senón que o cliente entra, colle o que necesita, paga e marcha. É un modelo cada vez máis estendido polo país

Stefan, Thomas e Josef, xunto aos membros da delegación galega na tenda de produtores locais en Lichtenegg

Stefan, Thomas e Josef, xunto aos membros da delegación galega na tenda de produtores locais en Lichtenegg

A tenda do pobo da localidade Lichtenegg é un exemplo de colaboración. O espazo pertence ao municipio e nela venden directamente os seus produtos dúas ducias de produtores locais. O modelo é simple e o nome escollido tamén: Dorfladen (Dorf, que significa pobo en alemán, e laden, tenda).

Josef Schrammel é o alcalde deste municipio de Baixa Austria duns 1.000 habitantes. Pero el antes tiña unha granxa de vacas e tamén facía queixos, que vendía a súa muller no mercado local.

Por iso non foi difícil convencelo para que se implicase no proxecto de montar unha tenda de produtores locais nunha vella casa a punto de caer no centro do pobo. O Concello mercou a casa e amañouna. Investiu en total 150.000 euros. Despois, alugoulla aos produtores, que constituíron unha cooperativa para xestionar entre todos o local, aínda que cada un vende e factura directamente aos clientes os seus produtos.

O municipio investiu 150.000 euros en mercar unha casa a piques de caer no centro do pobo e amañala

O sistema está totalmente informatizado e automatizado e cada produtor encárgase de repoñer e manter actualizado o seu espazo na tenda, que se distribúe por estanterías para produtos non perecedoiros e neveiras para os que precisan frío.

“Levamos dous anos funcionando e estamos moi contentos. A tenda funciona ben porque cada membro está implicado. Cada un de nós decide que produtos pon á venda e ten a obriga de ter en orde o seu oco na tenda”, explica Stefan Waldherr, que é o presidente da cooperativa de produtores.

Cada produtor encárgase de repoñer os produtos no espazo da tenda que ten asignado

El ten unha granxa de vacas leiteiras e fai queixos. Thomas Schwarz, o vicepresidente, produce ovos e patacas, un dos grandes produtos austríacos, xunto cos lácteos, o viño, os cereais, as peras e mazás ou os produtos da horta.  

Bos prezos para produtores e clientes

Son en total 56 membros os que forman a cooperativa, aínda que non todos son produtores e artesáns que venden na tenda. Cada socio paga unha cota de 25 euros ao ano por formar parte da cooperativa e entre unha porcentaxe do valor de venda de cada produto (10% no caso dos produtos non refrixerados e entre un 12 e un 14% no caso dos refrixerados e conxelados) revirte tamén na cooperativa para facer fronte aos gastos do local. O resto, vai directamente aos produtores.

O prezo que recibimos é moi bo: de cada euro, 90 céntimos son para nós

“Como os gastos son baixos, o que recibimos é moi bo prezo, porque de cada euro, no meu caso 10 céntimos van para a cooperativa e os outros 90 céntimos recíboos eu directamente”, explica Thomas.

“Existían outras cooperativas de produtores deste tipo que tamén vendían produtos locais pero esas tendas estaban atendidas por unha persoa e como os salarios subiron moito nos últimos 3 anos, e ese custo ten que trasladarse ao prezo do produto, acaba encarecéndose moito para o cliente final, polo que as vendas caen e esas tendas tiveron que pechar porque non eran viables”, indica.

Autoservizo

DORFLADEN (Austria) tienda 2 LichteneggNo seu caso, o sistema de funcionamento do local é o de autoservizo, sen ningún tipo de persoal, de maneira que os clientes entran, collen o que necesitan, pagan na caixa e marchan. “A caixa é un prototipo desenvolvido por uns rapaces novos tamén da zona. Cando os produtores traemos produto pasámolo polo lector de código de barras da caixa e a medida que se van vendendo, como o cliente os pasa tamén polo código de barras, sabemos o stock que hai de cada cousa e o propio sistema envía unha mensaxe ao produtor correspondente do que ten que repoñer”, explica Stefan.

A zona está videovixiada e só se permite o pago con tarxeta, de maneira que non hai diñeiro en efectivo dentro da tenda. A tenda abre os 7 días da semana, algo que, por lei, non poden facer os establecementos atendidos por persoal. A porta ábrese de maneira automática ás 6 da mañá e péchase ás 10 da noite.

Non tivemos ningún caso de roubo nos dous anos que levamos funcionando

Teñen unha media de entre 50 e 60 clientes ao día. A maioría son do pobo ou dun radio de 20 km á redonda, pero tamén reciben consumidores de Viena que xa viñan antes ao mercado de produtores mensual. “É algo que seguimos facendo, porque é importante non perder o contacto directo cos clientes”, razoa Thomas.

A idade das persoas que mercan na tenda vai desde cativos a persoas de 80 anos. “Non tivemos ningún caso de roubo nos dous anos que levamos funcionando. Nalgunha ocasión algunha avoa equivócase á hora de escanear algún produto, pero esa perda non é significante, non é algo que nos faga dano. Ese risco asúmeo cada produtor”, indica Thomas.

Aforro enerxético

Ao non ter persoal, os custos correntes son moi baixos. Coa porcentaxe coa que se queda a cooperativa páganse gastos comúns como o da luz ou o da limpeza xeral. Unha persoa contratada vai 3 horas á semana a limpar e unha vez ao ano xúntanse todos os membros da cooperativa para facer limpeza xeral.

Como a cooperativa é sen ánimo de lucro e non pode ter beneficios, co recadado mediante as cotas dos socios e a porcentaxe sobre as vendas nos dous anos que leva en funcionamento a tenda van acometer un investimento para instalar placas solares e baterías para ser autosuficientes enerxéticamente. “É o maior gasto que temos, debido ao consumo das neveiras”, explican.

Revitalización do pobo

DORFLADEN (Austria) tienda 3 LichteneggA apertura da tenda serviu tamén en certa medida para dar vida a este pequeno pobo do interior de Baixa Austria. “A tenda converteuse nun punto de encontro onde se atopan os veciños”, recoñece o alcalde.

O banco que había en Lichtenegg pechou recentemente, pero negociaron coa entidade para que deixara polo menos un caixeiro, que se instalou no edificio da tenda de produtores, polo que tamén presta este servizo á poboación. “Para pagar na tenda non se precisa diñeiro en efectivo, pero para o bar si”, bromea Stefan.

O presidente da cooperativa recoñece que sen a axuda do Concello a tenda quizais non tería sido unha realidade. “Sen a implicación e o investimento do municipio os produtores sos non seriamos capaces de acometer este proxecto”, di.

O Concello, que é o titular do edificio, corre tamén cos gastos de mantemento. Teñen preferencia para vender os produtores do municipio e despois abriron esta posibilidade tamén a outros produtores do entorno, nun radio de 40 km. “Agora, se algún máis quere entrar, ten que ser un produto que faga falla, que non teñamos xa na tenda”, conta Stefan. Cando arrincaron coa iniciativa a cooperativa estaba formada por 25 persoas e na actualidade son xa 56. “Nin un só produtor dos que entrou marchou, todos seguen”, explica.

Diversidade de produtos

Nos 70 metros cadrados que ocupa a tenda hai un pouco de todo, pero os produtos que máis se venden son os lácteos, os ovos, os embutidos, o pan recén feito e os pasteis. “O pan é o noso produto reclamo. Hai 4 produtores que fan pan e tráeno fresco dúas veces á semana, eses son os dous días que máis clientela hai”, indica Stefan. O pan negro de centeo é o típico da zona, pero tamén teñen moita demanda os pans especiais con sementes como a de amapola.

Os domingos (un día que eles poden abrir ao ser produtores que fan venda directa e o resto de comercios e supermercados non) é outro dos días forte da semana. “Temos pastelería fresca ese día, que é algo moi famoso en Austria”, indica Thomas.

“A tradición é que cando alguén te invita a xantar ou a tomar algo na casa leves algo de comida. Aquí temos unhas cestas baleiras para que a xente poida coller unha, enchela de produtos e levala como agasallo”, engade. Tamén dispoñen de tarxetas-regalo con distintos importes que permiten a quen as recibe facer compras na tenda.

Os produtos envasados en vidro, como por exemplo os lácteos, teñen un sobreprezo que se devolve en forma de vale ao devolver o recipiente na tenda. En canto á carne, dispoñen de cordeiro, porco e tenreira, procedente de distintos produtores, e véndese conxelada.

Páxina web e redes sociais

Ovos de Pascua, tradicionais en Austria pola Semana Santa

Ovos de Pascua, tradicionais en Austria pola Semana Santa

Teñen unha páxina web na que presentan os produtos e aos produtores e unha persoa encárgase do marketing e as redes sociais. Forma parte do Consello da Cooperativa, no que están 10 produtores, entre eles o presidente e o vicepresidente. O seu traballo é voluntario e repártense as distintas tarefas administrativas. Por exemplo, unha persoa do Consello encárgase da contabilidade. Ningún deles cobra polo seu traballo, pero reciben un vale de 50 euros ao mes para mercar produtos na tenda.

Dous anos despois da súa posta en marcha, a iniciativa está a ser un rotundo éxito, cumprindo co obxectivo de facilitar á poboación o acceso aos produtos locais. “Tiñamos algúns produtores mozos e queriamos axudarlles a vender directamente. Xa tiñamos o mercado de granxeiros unha vez ao mes, que se segue mantendo, pero estabamos buscando a maneira de que puideran vender máis días”, conta o alcalde.

Malia a variedade de produtos, na tenda non hai de todo, polo que a súa oferta compleméntase coa do supermercado da localidade

Cando desde o Concello decidiron amañar o local no centro do pobo e alugarllo á cooperativa de produtores tiñan medo de prexudicar ao outro supermercado que hai na vila. Pero foi ao revés. “Incluso aumentou a súa clientela, porque a tenda de produtores é tamén un reclamo para outro tipo de público, que busca produtos máis artesáns e que despois tamén vai ao supermercado acabar de facer a compra daquilo que non hai na tenda. O supermercado pensaba que caerían as súas vendas ao abrir a tenda, pero foi ao revés, mesmo lle aumentaron”, di. 

Produtos de proximidade de granxas familiares

Stefan e os membros da súa familia que traballan na queixería familiar

Stefan e os membros da súa familia que traballan na queixería familiar

Os produtos que os consumidores atopan en tendas como Dorfladen Lichtenegg proceden de granxas familiares que fan transformación e venda directa. Boa parte delas son explotacións agrícolas e gandeiras certificadas en ecolóxico e o feito de ofrecer produtos de proximidade aos consumidores ofrece confianza aos seus clientes.

A de Stefan, por exemplo, é unha granxa familiar de vacas leiteiras situada en Lichtenegg, a mesma localidade da rexión de Bucklige Welt onde está a tenda local de produtores.

Trátase dunha pequena granxa familiar con 18 vacas leiteiras, 17 hectáreas agrícolas e 12 hectáreas de monte. Stefan fíxose cargo da granxa dos seus pais en 2018 e construíu a queixería no ano 2020.

Parte do leite que producen procésase en queixo semiduro, queixo crema, queixo á prancha e iogur natural. Os produtos están elaborados artesanalmente. Stefan, as súas irmás Bernadette e Julia, o seu curmán Gabriel e a súa moza Silvia traballan na granxa e no obrador de queixo, que comercializa os seus produtos baixo o nome Hofkäserei Waldherr.

Diversificación produtiva

Entre os compañeiros de viaxe de Stefan en Dorfladen hai outras granxas leiteiras como as da familia Fellner ou Schrammel. A que agora leva Thomas Schwarz tamén producía leite até a entrada de Austria na UE, pero en 1997 decidiron convertela nunha das primeiras granxas de galiñas poñedoras en ecolóxico.

Os animais están en liberdade e son alimentados con cereais sen transxénicos de colleita propia e os seus ovos véndense en distintos supermercados e tendas nun radio de 30 km. Ademais, tamén teñen servizo de reparto a domicilio.

En Austria, se es produtor, non necesitas nada para vender directamente aos consumidores

Como complemento, esta granxa ubicada tamén en Lichtenegg cultiva tamén patacas en ecolóxico, sen uso de fertilizantes nin fitosanitarios de orixe química. “É máis difícil, pero deste xeito é o clima e o solo da montaña o que aporta o sabor único ás nosas patacas de montaña”, di Thomas, que defende o sistema de venda directa como o máis rendible e xusto para o produtor e, antes de marchar, deixa un consello aos gandeiros galegos que os visitaron: “Falade cos vosos alcaldes para que vos dean tamén esta oportunidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información