Piñeiros 24, o encontro anual sobre coníferas que organiza a Fundación Arume, contará este ano cunha conferencia principal a cargo de Dominique Perrault, o arquitecto e urbanista francés que liderou o proxecto da Vila Olímpica de París, un complexo de 40 hectáreas que se concibe como un eco-barrio de París trala celebración dos Xogos Olímpicos.
Un dos sectores da Vila Olímpica, o D, ubicado á beira do río Sena, construíuse en madeira, pois trátase dun material adaptado ás necesidades do proxecto: é sostible, con baixa pegada en carbono e permite flexibilidade na reconfiguración dos espazos tralos Xogos.
A construción do sector D da Vila Olímpica fíxose con estruturas híbridas de formigón, aceiro e madeira. No proxecto, empregouse o CLT (madeira contralaminada) en partes estruturais dos edificios, xunto con madeira laminada e con entramados de madeira nas fachadas. Boa parte da materia prima usada procede dos bosques franceses e incorpora selo de certificación forestal sostible.
O emprego da madeira permite flexibilidade na reconfiguración dos espazos tralos Xogos, pois a Vila Olímpica deseñouse desde o comezo coa idea de que se converta nun eco-barrio de París. Cando rematen os Xogos, albergará vivendas, parte delas en alugueiro, así como unha residencia de estudantes, oficinas e espazos deportivos para uso cotiá, entre outros destinos.
Coa presenza en Piñeiros 24 de Dominique Perrault, un reputado arquitecto cunha ampla traxectoria de premios e proxectos emblemáticos, a Fundación Arume continúa a senda iniciada o pasado ano, cando o arquitecto David Chipperfield fora o encargado da conferencia principal do evento.
Liñas do programa de Piñeiros 24
Piñeiros 24 celebrarase o martes 29 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago. É a cuarta edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, converteuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros.
No encontro abordarase o papel da madeira na industrialización da construción, que representa un cambio de paradigma no sector, unha mesa que estará moderada pola vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectura Teresa Táboas.
Outro dos eixos da xornada será a xestión forestal en monte das masas de piñeiro, onde Asun Cámara, coordinadora de Juntos por los Bosques exercerá de moderadora. As innovacións en usos das coníferas máis alá da madeira será outro dos bloques temáticos, que neste caso estará coordinado polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, Juan Picos.
Francia, país convidado
Este ano, Francia será o país convidado en Piñeiros 24, seguindo a tendencia dos anos anteriores, cando foran Portugal (Piñeiros 22) e Euskadi (Piñeiros 23) os coprotagonistas do evento. En Piñeiros 24 contarase cunha serie de relatores de Francia, a maiores de Dominique Perrault, que explicarán a realidade da cadea monte – industria de coníferas no país veciño.