O proceso de dixitalización da cadea de valor da IXP Tenreira Galega finalizou coa presentación de dixitega.com, unha plataforma dixital que ofrecerá información actualizada aos distintos actores da cadea de produción cárnica. O evento tivo lugar na sede do Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia e contou coa participación das oito entidades socias do proxecto, o Ministerio de Agricultura, a Consellería do Medio Rural e axentes vinculados á Indicación Xeográfica Protexida.
O proxecto, impulsado polo Grupo Operativo autonómico DIXITEGA e coordinado pola Fundación Juana de Vega, foi financiado con 176.329,19€ provintes do Plan de Desenvolvemento Rural.
Ademais dos socios principais, como o Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, a Fundación Ceteca, AGRIGGA Carne SCG e a Fundación Gradiant, no proxecto colaboraron entidades como o CIAM, ACRUGA e a tecnolóxica DIH Datalife.

Presentación de dixitega.com
Jesús González Vázquez, presidente do CRIXP, destacou como a investigación logrou achegar solucións tecnolóxicas para axudar co traballo diario e a competitividade do sector. Pola súa banda, Alfonso Ribas, director da área de Investigación e Innovación da Fundación Juana de Vega, resaltou que este é un proxecto moi completo que integra a centros de investigación, sociedade civil, administración e empresas.
Dixitega.com é un novo espazo dixital accesible desde calquera dispositivo conectado a internet e actualizado cada semana. A plataforma ofrece datos sobre materias primas, prezos en lonxas, oferta de animais, estatísticas de produción e sacrificio. Tamén informa sobre outros recursos útiles como lexislación e subvencións.
No acto, representantes do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Consellería do Medio Rural interviñeron para destacar a importancia da recollida de datos na produción agraria, así como a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria en Galicia.