O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) mantén a convocatoria de mobilización realizada para mañá, venres 13 de setembro, ás 11.30h., diante das dependencias da Consellaría do Medio Rural (CMR) en Lugo (Xunta de Galicia, Ronda da Muralla, 70) para reclamar solucións para os viticultores da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, que se enfrontan nesta vendima a unha situación de prezos baixos e sen garantías de que as adegas lles merquen a uva.
O SLG habilita un servizo de buses dende a Ribeira Sacra a Lugo, que realizará o seguinte percorrido: saída ás 10:00h dende o cemiterio de Chantada, 10:15h Rotonda do Polígono de Escairón, 10:20h Ferreira de Pantón (rotonda do cuartel), 10:30h Monforte (gasolineira das fontes).
“Así, ca concentración de mañá en Lugo demandamos que a Consellería de Medio Rural tome medidas realmente efectivas para que os viticultores e viticultoras ás que lles quede a uva sen recoller teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción nos que incorreron durante todo o ano”, subliñan dende o SLG.
Precisamente hoxe, a Consellería do Medio Rural anunciou a convocatoria ás organizacións agrarias dunha mesa de traballo para o vindeiro mércores 18, á que tamén asistirá o Sindicato Labrego, malia criticar que “a xuntanza chega xa ca vendima comezada malia ser este un problema coñecido dende fai anos, que vimos poñendo sobre a mesa dende fai meses e que debía ser atallado antes da campaña-, como o propio enfoque da mesma.
Unións Agrarias suspende as mobilizacións á espera das solucións que ofreza a Xunta
Pola súa parte, Unións Agrarias valora que se empecen a dar pasos por parte da Consellería logo das mobilización por parte dos produtores o pasado venres en Monforte de Lemos. Con este plantexamento acudirá mañá a reunión de urxencia que ven de convocar a conselleira do Medio Rural en Santiago para presentar un novo paquete de medidas.
A espera de coñecer as propostas concretas para poder tomar unha decisión definitiva, UUAA de cara a facilitar a negociación, vai a suspender a mobilización de prevista para mañá venres en Lugo diante da delegación da Xunta de Galicia. “Unións Agrarias no dubidará en volver a protesta no caso de que a oferta non cubra as necesidades dos viticultores”, advirten.
A organización entende que “o problema de mercados que afecta aos tintos a nivel estatal é un mal común que adegas e produtores deben enfrontar de maneira coordinada, e insta á Xunta a involucrarse para traballar da man e sen máis demora na elaboración dun plan de actuación con visión de futuro e coa vista posta na
promoción, nas exportacións e na apertura de novos mercados internacionais para os tintos; así como na reestruturación de viñedos e na posibilidade de impulsar cambios varietais que aporten valor engadido aos viños da Ribeira Sacra e potencien as súas vendas. “Ou se toman solucións xa ou chegaremos tarde”, conclúe a organización.