O grupo de traballo para a xestión do xabaril en Galicia avalou hoxe as propostas trasladadas por parte da Xunta co fin de reforzar e mellorar a eficacia das medidas para o control das poboacións desta especie na Comunidade a raíz da recente aparición de casos de Peste Porcina Africana (PPA) en Cataluña e como complemento ás accións que actualmente xa están en marcha.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, presidiu esta mañá a reunión deste órgano interdisciplinar, constituído hai anos para coordinar e propoñer accións conxuntas para a xestión da especie en Galicia e integrado por representantes das administracións titulares de estradas na Comunidade (Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Axencia Galega de Infraestruturas); da Garda Civil de Tráfico e de Seprona; da Unidade de Policía Adscrita de Galicia; das Consellerías do Medio Rural e de Sanidade; da Fegamp; da Federación Galega de Caza; das sociedades de caza; e dos sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego).
En concreto, a responsable autonómica amosouse disposta a estudar algunhas modalidades de caza alternativas que se propuxeron na reunión (por exemplo, o recurso a arqueiros), e defendeu tamén a posibilidade de incentivar con bonificacións, mediante a exención de taxas e outras medidas, a aqueles Tecores que acrediten estar cumprindo integramente co cupo de capturas asignado a través do correspondente plan anual.
En todo caso, e en resposta á inquedanza compartida por varios dos asistentes sobre a situación xerada polas incursións de xabarís en estradas galegas e o aumento da presenza deste animais en zonas urbanas e periurbanas de Galicia, Díaz aproveitou a reunión para incidir tamén en que “a competencia para manter limpos os espazos, infraestruturas e fincas que rodean as cidades é municipal”.
Neste sentido, instou á Fegamp a recordarlle ás entidades locais as súas obrigas neste eido e a necesidade de implicarse activamente na xestión da biomasa e da maleza que se adoita acumular nestes puntos para afastar aos xabarís das zonas poboadas e evitar así que atopen neles alimento e lugares idóneos para o encame.
Ademáis , a directora xeral de Patrimonio Natural insistiu en que “os traballos de xestión do xabaril han de levarse a cabo en continuo, como ven facendo a Xunta desde hai anos”. “Así o demostran as medidas de control adoptadas ata o momento, como a declaración da emerxencia cinexética —en vigor ata o 22 de febreiro—, ou a autorización da súa captura durante case todo o ano mediante distintas fórmulas adicionais ao período ordinario de caza, e tamén as novas medidas avaliadas hoxe polo grupo de traballo para a xestión do xabaril”, salientou.
Reforzo da colaboración co sector porcino
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Baleiros, mantivo esta mañá unha nova reunión de traballo con responsables da Federación Galega de Porcino (Fegapor), para escoitar as súas demandas e preocupacións e afondar na colaboración diante dos focos localizados en Cataluña de PPA.
Unións Agrarias reclámalle á Xunta que complemente a actividade dos Tecores con cuadrillas profesionais e gaiolas de grandes dimensións
Unións Agrarias-UPA insta á Xunta a dar un paso á fronte para complementar o papel que a caza social ven desenvolvendo no control do xabaril. Ante a ameza da peste porcina africana e as devastadoras consecuencias que esta podería ter para o sector produtor, a organización agrogandeira ve indispensable que a administración impulse medidas extraordinarias nas comarcas de maior concentración de explotacións.
Unións Agrarias ven de solicitar á Xunta de Galicia o deseño dun Plan especial para o control das poboacións de xabaril en Galicia. En vista do aumento dos accidentes e dos partes por danos e cultivos, a organización considera “indispensable actuar sen demora para poñer couto aos danos causados por esta especie e evitar que a PPA chegue á Comunidade. Datos que, a falta dun censo oficial, corroboran unha expansión das poboacións existentes”.
A organización aproveitou a xuntanza do Grupo de Traballo sobre o Xabaril convocado este martes pola Consellería de Medio Ambiente para solicitarlle á administración actuacións que permitan diminuír a densidade de xabarís nas zonas de maior concentración de granxas de porcino, así como nas inmediacións das explotacións de porco celta. “É necesario comezar porque a Xunta estableza cal é a densidade de xabarís que é necesario acadar para minimizar riscos”, asevera Unións Agrarias; que avoga pola posta en funcionamento de cuadrillas profesionais e pola instalación de gaiolas de grandes dimensións, capaces de capturar grupos familiares enteiros, para acadar ese obxectivo.
Alén diso, a organización agrogandeira solicita que se actúe para reforzar a bioseguridade nas explotacións de porco celta, máis vulnerables. Nese eido, Unións Agrarias reclama que se revisen os protocolos existentes e que se valore a necesidade de implementar novas medidas, acompañadas sempre dunha partida orzamentaria para axudar ás explotacións a facerlles fronte.
O sector produtor de carne de porcino factura ao ano 25.000 millóns de euros no conxunto de España; 750 deles en Galicia; e supón o 2,4% das exportacións estatais por valor de 9.000 millóns de euros. Cifras que lle conceden ao noso país un papel líder a nivel europeo, acadado logo de que a aparición da PPA en Alemaña e Polonia, precisamente na cabana de xabarís, levara por diante a actividade neses países, que aínda non se recuperou ao terse convertido en endémica a doenza. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade e á premura e insta a tomar nota e actuar coa máxima rapidez.
Unións Agrarias lembra que, “segundo os datos presentados hoxe, a declaración da emerxencia cinexética supuxo apenas o 1,6% das capturas de xabaril no último ano”. “Datos que evidencian o limitado alcance dunha medida que de ningún xeito pode centrar o plan de acción da Xunta de Galicia ante o risco de transmisión da peste porcina africana”, advirte.
O Sindicato Labrego critica a estratexia da Xunta fronte ao xabaril
Dende o Sindicato Labrego Galego consideran “insuficientes as medidas de xestión do xabaril e da fauna silvestre propostas pola Consellería, que chegou á reunión sen medidas concretas e coa intención de limitarse a escoitar as achegas das partes presentes”.
Dende o SLG ven con especial preocupación o recorte do 25% nos fondos destinados ás axudas de prevención de danos para 2026, que pasan de dous millóns de euros a millón e medio.
“Esta redución parécenos incongruente coa preocupación que a Xunta di ter polos danos que causa a fauna silvestre”, denuncia Brais Álvarez, apicultor e Secretario de Acción Sindical do SLG. “Non o entendemos. Non nos poden asegurar, por un lado, que están moi preocupados polos danos que causa a fauna silvestre, e despois propoñernos un recorte do 25% para a prevención e o pagamento deses danos”.
“A maiores, a Consellería segue a apostar unicamente pola caza como solución para a xestión do xabaril, mesmo cando os propios datos ofrecidos na reunión demostran que esta estratexia non funciona”, engaden. “Vemos unha Consellería que en certa medida quere centralo todo en matar. Non hai outra idea pola súa parte para a xestión do xabaril”, critica Álvarez. “Con todo, os datos din outra cousa”.
A emerxencia cinexética, que se vén activando durante cinco anos consecutivos, apenas incrementou as mortes nun 1%, unhas 200 máis das case 20.000 anuais. “Incluso as federacións de caza presentes na xuntanza recoñeceron que non se lles pode pedir maior esforzo e que esta non é a solución ao problema”, engaden dende o SLG. Ademais, lembran que “moitos dos cadáveres dos animais abatidos acaban quedando no monte ao non haber quen os consuma todos, o que pode xerar outras emerxencias sanitarias”.
Dende o SLG trasladaron á Consellería a necesidade de manter e incrementar o orzamento para a prevención e o pagamento dos danos causados pola fauna silvestre, así como de priorizar o acceso a estes fondos para as granxas de porco en extensivo, como as de porco celta, de xeito que poidan dotarse de peches que minimicen o risco de contacto entre a fauna silvestre e a doméstica ante unha eventual chegada da enfermidade.
Tamén reclaman que “se aumenten as medidas de bioseguridade e que se proben métodos disuasorios, como xa se está a facer noutros países europeos, para afastar os animais das zonas periurbanas e de cultivos”. Por último, demandan “un maior diálogo co sector, xa que este grupo de traballo só se reuniu en febreiro e en decembro deste ano”.
Galego









Control OJD