A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Diversidade de modelos gandeiros na representación española que visita Austria no AgroTour-BFVS 2026

O grande evento anual da raza fleckvieh en Austria achega unha variada axenda aos participantes. Visitas a granxas e centros de investigación, avances en xenética, concursos de gando e mesmo celebracións conforman o programa de actos deseñado por geneticAustria

Antonio Barreira, de Ganados Barreira Bascuas (esquerda), e Alexander Manrique, de geneticAustria (dereita) acompañaron en todo momento os gandeiros españois

Antonio Barreira, de Ganados Barreira Bascuas (esquerda), e Alexander Manrique, de geneticAustria (dereita) acompañan en todo momento aos gandeiros españois

Criadores de vacas fleckvieh de distintas zonas de España participan, xunto con gandeiros doutros 15 países nunha nova edición do AgroTour-BFVS 2026, organizado pola empresa geneticAustria. O evento desenvólvese en diferentes explotacións tanto cárnicas como lácteas e de dobre propósito da rexión da Baixa Austria, así como en centros de formación e de investigación e desenvolvemento xenético.

O AgroTour inclúe a asistencia aos concursos de gando que se organizan dentro da Exposición Nacional de raza Fleckvieh de Austria. Ademais, coincide coa celebración do 25º aniversario de geneticAustria e cos 75 anos de AGÖF/Fleckvieh Austria, a organización que agrupa ás asociacións de cría austríacas que manteñen un libro xenealóxico da raza.

Dende Galicia participa no evento o matrimonio formado por José Manuel Sanchez Sanchez e María del Pilar Jarazo Ares, da Gandería Sánchez Jarazo SL, de Oza-Cesuras. Actualmente contan con 20 vacas de pura raza fleckvieh procedentes de Austria e con diferentes cruzamentos anteriores con outras razas para a produción de leite.

“Viñemos para aprender o que se fai aquí, para comprobar se estamos manexando o noso gando do xeito máis eficaz posible e para intercambiar experiencias con outros criadores desta raza”, sinalan José Manuel e Pilar.

A gandería Herrada del Miñón, de El Pozuelo (Albacete), está representada por Jesús Peñarrubia e María Picazo. Estes mozos manexan un rabaño de 62 vacas fleckvieh con carta xenealóxica que destinan á produción de carne.

“Decidimos acudir para aprender máis sobre o traballo xenético que se fai en Austria. Cremos que a xenética é unha parte fundamental en calquera gandería e aquí están algúns dos mellores especialistas do mundo”, indican.

Markel Enzunza acude en representación da cooperativa Bizkaigane Elkartea, de Errigoiti (Bizkaia). Os socios posúen dentro do seu rabaño 35 exemplares fleckvieh puros e moitos cruzamentos descendentes dos primeiros exemplares que introduciron hai máis de 25 anos. O leite -de pastoreo- dedícano a producir e comercializar o seu propio queixo.

“Entereime de que se celebraba o AgroTour grazas a Campo Galego. Xa tiña constancia de que Austria e geneticAustria eran unha referencia para o resto de Europa. A miña intención é aprender todo o que poida e establecer contactos para seguir coa mellora da nosa explotación.”, explica Markel.

Ametsleku é unha granxa de referencia na produción de leite con vacas fleckvieh en España. Na súa explotación de Karrantza (Biscaia), contan cun rabaño de 100 vacas das que moxen 60 mediante robot. O alto nivel de sólidos e o alto aproveitamento cárnico namoráronos desta raza”

“Nós sempre acudimos a AgroTour. Non só porque sempre se aprende algo novo, senón porque temos a convicción de que hai que facer un traballo a fondo en xenealoxía e en xenómica da raza en España. E aquí están os mellores especialistas”, indican Sandra Aras e Ernesto Zulueta, aos que acompaña o seu fillo Egoitz.

Os participantes no AgroTour comprobaron o seguemento xenético que se fai a toda a cabana fleckvieh austríaca dende antes de nacer os xatos

Os participantes no AgroTour comprobaron o seguemento xenético que se fai a toda a cabana fleckvieh austríaca dende antes de nacer os xatos

Joaquina Gutiérrez e Javier Fernández son os titulares, xunto coa súa filla, de SAT La Sarnilla, de Villacarriedo (Cantabria). A día de hoxe contan con 12 exemplares puros e numerosos cruzamentos que empregan para a produción de leite.

“Esta é a cuarta vez que acudimos. E sempre é unha experiencia diferente. Xa non só polo que ase aprende e pola información que nos aporta. É un lugar de encontro e de intercambio con persoas de países e culturas moi diferentes e mesmo con métodos de traballo radicalmente distintos. Pero todos coincidimos no amor por esta raza”, explica Javier.

E é que se por algo se caracterizan os gandeiros que participan en cada edición do AgroTour é pola súa diversidade. Dende vacas criadas a máis de 2.500 metros de altitude en sistemas extensivos ata estabulacións convencionais intensivas con robots e novas tecnoloxías ou pastoreos para a produción cárnica. Unha proba da capacidade de adaptación e da rendibilidade da vaca fleckvieh en calquera latitude.

Na organización e coordinación dos gandeiros procedentes de España que asisten ao AgroTour participou activamente Ganados Barreira Bascuas, de Lugo, que ten a prepresentación de geneticAustria para España e que traballa man a man case todas as semanas con estes gandeiros.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *