Distintos modelos de explotacións lácteas en Navarra

Xan Pouliquen, de Xestión Agrogandeira e Natureza, ven de realizar unha visita a Navarra cun grupo de gandeiros galegos para coñecer as explotacións lácteas daquela comunidade. Velaquí as súas impresións...

Distintos modelos de explotacións lácteas en Navarra

Visita a unha explotación láctea de Navarra. Autor: Xan Pouliquen

Do 26 ao 29 do pasado mes de outubro un grupo de oito persoas, case todos produtores de leite e todos cun sistema de produción en base a pastoreo, visitamos diversas explotacións lácteas de Navarra.

As explotacións visitadas estaban na zona norte de Navarra, máis montañosa, e eran de diversos tipos: explotacións de vacún de leite intensivas que venden o leite á industria ou que o transforman en queixo, explotacións de ovino en convencional con transformación de leite en queixo e venda directa e tamén explotacións lácteas en ecolóxico.

Ademais, asistimos a unhas xornadas de xestión do sistema lácteo en Navarra, unha xornada sobre un proxecto de reintrodución do sistema de pastoreo e, por último, visitamos unha finca experimental de pastoreo.

As conclusións que tiramos é que no caso das explotacións de vacún de leite en intensivo que lles venden o leite á industria existe a mesma incerteza cara o futuro que en Galicia. En canto ao prezo do leite en Navarra detectamos prezos máis altos que en Galicia: andaban, dependendo do sitio, entre 28 e 32 céntimos por litro. Nas explotacións en intensivo tamén vimos que teñen problemas de falta de base territorial, sobre todo para botar o xurro, e os gandeiros queixábanse de que as superficies eran espalladas e con pendentes. A maioría dos gandeiros non cultivan millo polas condicións do terreo e porque lles sae máis barato comprar o silo en Francia.

Pola contra, cando falamos cos gandeiros que transforman o leite na explotación teñen máis claro o seu futuro e que esta é a súa saída. Mesmo algúns gandeiros se xuntaron para poñer en marcha unha tenda en común. Outra conclusión deste tipo de explotacións é que de cara ao futuro do sector lácteo opinaban que, no seu caso, o futuro pasaba por reducir produción e animais para aumentar rendibilidade.

Tamén é de salientar que vimos explotacións con menos de 200.000 kilos de produción anual e nas que traballan ata 5 persoas grazas á transformación do leite, sobre todo en queixos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información