Distancia mínima de 500 metros para novos establos de gando vacún: O sector ve inviable aplicalo en Galicia

Distancia mínima de 500 metros para novos establos de gando vacún: O sector ve inviable aplicalo en Galicia

Aldea galega cos establos dentro do núcleo de poboación

Clamor unánime en Galicia contra a nova norma coa que o Ministerio de Agricultura quere regular as instalacións de gando bovino en toda España, o “Proyecto de Real Decreto por el que se establecen normas básicas de ordenación de las granjas bovinas”, que este xoves entrou en fase de exposición pública para que cidadáns e organizacións podan facer achegas.

A cuestión que suscita máis rexeitamento é a distancia mínima que establece para novos establos, 500 metros respecto a núcleos habitados ou doutras granxas , o que resulta inviable en Galicia, pero tamén en boa parte da Cornixa Cantábrica, polo minifundismo e a dispersión da poboación.

Unións Agrarias: “É unha norma que non está pensada para o sector vacún, e menos para o de Galicia”

Neste sentido, Óscar Pose, responsable do sector de vacún de leite en Unións Agrarias (UUAA) considera que a norma “está pensada para explotacións intensivas doutras especies -como porcino ou avícola- e con total descoñecemento da realidade das ganderías de vacún, polo menos de Galicia, -onde se concentra o 40% da produción de leite de vaca de España e o 55% das granxas-, así como tamén dos distintos sistemas de manexo do gando”.

O punto máis cuestionable para Unións, que xa anuncia que presentará alegacións á norma, son as distancias que establece: “En Galicia xa temos unha norma, a Lei do Solo da Xunta, que establece unha distancia mínima de 100 metros para os novos establos de gando vacún, e deixando marxe aos concellos para adaptala, e de feito algúns rebaixan esa distancia a 50 metros. O que non ten sentido é que agora queiran esixir unha distancia de 500 metros, cando non hai nada que demostre que haxa risco sanitario, como si o pode haber en granxas de porcino ou avícolas”, explica.

Engade que, “ademáis de moi difícil de entender, e máis aínda de aplicar en Galicia, xeraría un sobrecoste moi grande para as ganderías que se creen de novo, pois habería que levar a moita máis distancia acometidas de electricidade, de auga, facer pistas de acceso….etc”.

En canto ao límite ás “macrogranxas” que establece o Ministerio limitando o tamaño dos novos establos a 850 animais adultos Unións Agrarias tampouco está de acordo. “Se se pretende dicir que as ganderías de 850 UGMs son macrogranxas, iso non é certo. En Galicia xa temos explotacións dese tamaño e non teñen ningún problema porque teñen superficie suficiente para xestionar o xurro, que non é un resíduo senón un abono orgánico, moito máis beneficioso para o solo e para a economía das ganderías que utilizar abonos químicos de síntese”.

Sindicato Labrego: “850 animais como límite máximo parécenos moi elevado”

Dende o Sindicato Labrego defenden que debería baixarse aínda máis o límite de 850 animais para as novas granxas de vacún de leite. Á espera de estudar máis en profundidade a normativa que propón o Ministerio, consideran que debe potenciarse e protexer dende as leis un modelo de gandería de vacún “vinculada ao territorio, de forma que haxa unha relación sostible medioambiental e económicamente entre o número de animais e a base territorial da que se dispón, pero tamén potenciando as granxas de tipo familiar de pequeno e mediano tamaño, moitas delas situadas nos propios núcleos rurais, e con esta norma terían difícil continuidade”.

“O Ministerio volve caer no erro de tratar a todas as ganderías como se foran unha gran industria, porque ese non é o modelo que temos en Galicia e todas as esixencias que se lles queren impoñer son moi costosas e inviables para as granxas de pequeno e mediano tamaño”, advirte Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego.

Higinio Mougán (AGACA): “O texto do Ministerio é moi impreciso e precisa moitas aclaracións”

Dende as cooperativas galegas a norma do Ministerio de Agricultura tamén suscita, cando menos, moitas dúbidas. “O texto é moi impreciso e precisa unha aclaración interpretativa do mesmo para aclarar moitos puntos preocupantes”, asegura Higinio Mougán, diretor xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA).

A cuestión que máis lles preocupa da norma que propón o Ministerio para regular as instalación de gando vacún é a das distancias a outras explotacións e núcleos de poboación.

“Se un gandeiro quere construír un establo novo vai ter que gardar tamén a distancia mínima de 500 metros respecto á súa granxa e ás dos veciños? E se varios gandeiros se deciden asociar para montar unha nova gandería e construír unha nova nave tamén terán que respectar ese límite? Hai que aclaralo porque de ser así suporía unha enorme traba que hipotecaría o futuro de moitas ganderías”, advirte.

Neste sentido, o representante de AGACA defende que “hai que posibilitar que as explotacións de gando vacún existentes se podan ampliar, estean onde estean, e iso non debería estar suxeito a ningunha limitación a maiores das que hai neste momento”.

Outro punto de preocupación para Higinio Mougán é que o Ministerio de Agricultura pretenda prohibir os establos con vacas trabadas en 2 anos. “Quedan moitos en Galicia e sen en dous anos os prohibimos e aínda por riba non lles permitimos ampliar o establo están obrigando a que pechen moitas granxas”, alerta o representante de AGACA.

Asociación Agraria de Galicia: “Necesitamos unha postura conxunta de Galicia”

Dende a Asociación Agraria de Galicia o seu presidente, Francisco Bello, asegura que “sempre nos opuxemos a esta regulación porque mentres en España lle poñemos portas ao campo, estanse a producir estes alimentos noutros países sen normas e sen garantías e que logo nolos venden a nós”.

Á espera de estudar o decreto do Ministerio, Francisco Bello defende que “este debería ser un tema no que a Xunta debería liderar, xunto coas organizacións agrarias, unha postura conxunta de Galicia, para defender o noso modelo e a nosa produción leiteira”.

Por último, dende a Federación Rural Galega (FRUGA), o responsable do sector de vacún de leite, Elías Somoza, considera “crítico que se nos esixa 500 metros de distancia dos novos establos”. “En Galicia sempre tivemos explotacións de gando vacún cerca das casas e doutras granxas e nunca pasou nada, e de feito temos unha cabana gandeira moi saneada. O modelo de Galicia non ten nada que ver co do resto do Estado polo que non se entende para nada esta normativa”, subliña.

En canto á Consellería de Medio Rural de momento non manifestou a súa valoración e informa de que está estudando o texto do Ministerio para presentar alegacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información