Os prezos das materias primas coas que se elaboran os pensos para alimentación animal, e que no caso de España proceden en gran parte doutros países, están a dispararse nas últimas semanas, tal e como xa advertiu Campo Galego nunha información publicada o pasado mes de outubro.
Así o corrobora a Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (AGAFAC) nunha nota emitida hoxe, na que advirte de que “desde comezos de setembro o prezo das principais materias primas coas que se elaboran os concentrados en Galicia non parou de subir nos portos (principal vía de entrada dos insumos), con incrementos de máis de 100 euros/Tonelada no caso da fariña de soia, 50 euros/Tonelada no da colza, 50 euros/Tonelada no millo e no trigo, e 25 euros/Tonelada no caso da cebada”.
A soia, esencial nas formulacións para vacas de leite ou para porcino, por exemplo, e que é necesario importar na súa totalidade, está a pagarse a máis de 420 euros/Tonelada a de tipo 44% e a 430 a soia do tipo 47%, cando hai un mes roldaba os 320 euros. É dicir, rexistrou un encarecemento do 31% en tan só un mes.
A 275 euros/tonelada está hoxe a colza, a 225 euros/Tonelada o millo e a 180 euros/Tonelada a cebada, moi por riba tamén dos niveis de hai tan só unhas semanas.
Causas das subas
Tras unha longa tempada de estabilidade nos mercados, desde o pasado mes de setembro as materias primas agrícolas para alimentación animal sufriron unha forte suba de prezos nas bolsas e lonxas agroalimentarias.
Desde a patronal galega dos fabricantes de pensos atribúen esta suba á conxunción de tres factores:
1. A soia e o millo son as materias primas que marcan a tendencia e arrastran ao resto. Estes dous produtos desencadearon a tormenta que se está vivindo no mercado debido a unha revisión á baixa das existencias mundiais, a unha menor produción da estimada nos principais países con capacidade de maior exportación mundial como Estados Unidos, os países do Mar Negro e algúns da UE como Francia, Romanía e Reino Unido.
2. Os fondos de investimento, ao ver a delicada situación de stocks globais e algunha máis que previsible menor produción, irromperon nas distintas bolsas alimentarias realizando compras masivas e extremadamente longas de materias primas estratéxicas como millo, soia e trigo, elevando os prezos nas últimas semanas a niveis que non se viron desde hai anos.
3. Outro factor a ter en conta é o incremento da demanda por parte de China respecto dos dous últimos anos. Prevese que importe unha cantidade récord de máis de 100 millóns de toneladas de soia e millo cando tiña previsto importar ao redor de 7 para este ano (e levan máis de 15).
Este crecemento vén dado pola recuperación do seu consumo tras a crise da Peste Porcina Africana (PPA), repor os stocks perdidos durante os primeiros meses da Covid-19 no primeiro semestre do ano e para cumprir cos acordos arancelarios establecidos coa Administración Americana.
4. España é deficitaria en cereais para alimentación animal, é por iso que debe importar ao redor do 50% da maior parte de materias primas e o 100% no caso da soia. Esta necesidade tan elevada motiva que os agricultores nacionais reteñan a súa mercadoría nos seus almacéns á espera de que sigan subindo os prezos para vender, prexudicando o fluxo normal de oferta que había fai un par de meses despois dunha colleita nacional excelente.
“O sector garante os prezos máis competitivos posibles”
Neste escenario, desde AGAFAC destacan que “o sector de fabricantes de alimentos compostos para animais de Galicia (..) é un sector maduro, cun importante exceso de oferta en relación á demanda, feito este último que garante a máxima transparencia e eficiencia na translación dos seus custos de produción aos produtos finais, se fose o caso, xa que ningún fabricante pon no mercado un penso determinado a un prezo maior ao que o poría calquera outro fabricante do sector xa que a competencia é moi elevada”.
O peche de contratos de compra de materias primas a medio ou longo prazo tamén debería mitigar a suba do prezo dos pensos, aínda que desde o sector dáse por feito que a suba se trasladará aos gandeiros no prezo do penso. Neste contexto alcista dos pensos tamén cobra máis importancia a produción de forraxes (tanto silo de millo como de herba e pasto) de calidade e a menor prezo, así como axustar a cabana gandeira á base territorial da que se dispón.
En todo caso, desde a patronal galega dos fabricantes de penso aseguran “estar ao servizo e defensa dos intereses dos seus clientes gandeiros nas posibles consecuencias destas subas de insumos e na repercusión do aumento de custos ao longo da cadea alimentaria”.