O ata agora presidente da Asociación de Criadores de Ganado Porcino Celta (ASOPORCEL) , Javier Vázquez Prado, ven de dimitir tralas críticas dun sector dos gandeiros pola suposta falta de transparencia na xestión da asociación.
A dimisión fíxose efectiva o pasado día 17 nunha reunión da dirección celebrada en Lugo e na que tomou o relevo o ata de agora vicepresidente, José Barreira Alonso. É precisamente este o que encabeza o movemento de gandeiros críticos con José Antonio Carril González-Barros , o coordinador xeneral de Asoporcel, e ao que acusan de xestionar a asociación de xeito personalista e con falta de transparencia.
O movemento dos gandeiros críticos comezou o pasado mes de xaneiro a raíz de impagos a un dos socios por parte de Coporcel, unha empresa da que formara parte José Antonio Carril.
“A partir de aí empezamos a solicitar por rexistro información para ver o estado real de Asoporcel e denegousenos a mesma”, comenta José Barreira. En concreto, o actual presidente critica que “non coñecemos o estado real das contas, como tampouco o censo real de socios nin o estado real da cabana gandeira de Porco Celta”.
E atribúe esta situación “á xestión do coordinador xeral, José Antonio Carril, que dende o ano 2005 é o único que ten plenos poderes para facer os movementos na conta e controlar o censo de afiliados sen render contas á directiva”.
Como exemplo, José Barreira asegura que “dos 330 gandeiros inscritos en Asoporcel, non chegan a 90 os que realmente están pagando as cotas, e tememos que aínda sexan menos pois contactando con eles pola nosa conta, xa que non se nos facilitou os seus datos de contacto, vemos que hai xente que tampouco está ao día nas cotas de Asoporcel”.
Acordan depurar o censo para celebrar unhas eleccións en Asoporcel
Neste sentido, a depuración do censo foi un dos acordos aos que se chegou na reunión da xunta directiva de Asoporcel celebrada o pasado 17 en Lugo. “O que acordamos é que, unha vez depurado o censo, para saber quen ten dereito a voto, celebrar unha asemblea informativa e logo unhas eleccións con garantías”, explica José Barreira. Segundo el, serían as primeiras eleccións que se celebren en Asoporcel dende a súa creación no ano 1999.
A presunta falta de transparencia por parte do xerente de Asoporcel foi trasladada polo grupo de gandeiros críticos á directora xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, Belén do Campo, nunha reunión celebrada o pasado mes en Santiago. A este respecto, José Barreira asegura que “a regularización da situación foi o requisito que nos pediu a Xunta para facer efectivo o convenio” para a recuperación, conservación e fomento desta raza porcina autóctona, e que o ano pasado ascendeu a unha axuda de 320.000 euros.
José Antonio Carril asegura que se volverá a presentar
Pola súa parte, José Antonio Carril asegurou en declaracións realizadas en días pasados a Campo Galego a súa intención de volver a presentarse á reelección como coordinador xeral. “Voume presentar e vou falar con eles -os críticos- para acordar as eleccións”, asegurou.
Carril recoñeceu que “hai socios que non teñen as cotas actualizadas polo que hai que depurar o censo”. “Na reunión do xoves 17 acordouse revisar todas os socios para que estean ao dia no pago antes de facer a asemblea extraordinaria para eleccións”, engadiu.
En canto á situación de mercado da carne de Porco Celta, Carril recoñeceu que “non é o momento máis idóneo” e atribuíno “á competencia do porco de capa branca, que baixou o prezo por debaixo dun euro o quilo e está a inundar o mercado, e tamén ao importante número de sacrificios e á baixada de prezo do Porco Ibérico, que compiten coa carne de Porco Celta”.
Campo Galego intentou sen éxito volver a contactar con José Antonio Carril para actualizar a información sobre a situación na directiva de Asoporcel.
Eso es solo la punta del iceberg….