
Demostración de distintos sistemas de análise do xurro durante a xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro
A Granxa Gayoso Castro, propiedade da Deputación de Lugo e situada en Castro Riberas de Lea, no concello de Castro de Rei, acolleu o pasado 30 de novembro a xornada técnica demostrativa Digipurin, centrada nos avances en aplicación localizada de xurro e análise en tempo real da súa composición.
Este encontro, con máis dun centenar de persoas inscritas entre gandeiros, técnicos e empresas do sector, estivo organizado polo grupo BioModem do Campus Terra da Universidade de Santiago en colaboración co Centro de Competencias Dixitais do Ministerio de Agricultura.
O Centro de Competencias Dixitais promove demostracións prácticas en distintos puntos da xeografía española
O obxectivo da xornada foi facilitar a transferencia de coñecemento cara aos produtores e empresas de servizos agrarios en relación ás últimas tecnoloxías dispoñibles no mercado para lograr unha aplicación precisa e eficiente de nutrientes procedentes de fontes orgánicas, minimizando os riscos de contaminación medioambiental e as emisións de gases de efecto invernadoiro.
Avanzar cara á fertilización de precisión

Sobre o terreo, as persoas asistentes a esta xornada de demostración práctica puideron observar o funcionamento de diferentes equipos de aplicación, desde o tradicional sistema de prato de choque até barras con tubos colgantes con e sen zapata e inxectores mediante reixas de enterrado.
As ferramentas dixitais permiten axustar a dose de xurro aplicada en función da súa composición e das necesidades específicas do cultivo
Así mesmo, mediante conexión en remoto coa pantalla do tractor no campo, puideron asistir a unha demostración en directo sobre o funcionamento de dous sistemas de análise (condutividade eléctrica e NIRs) que permiten determinar a composición do xurro en tempo real na cisterna, o que posibilita axustar a dose aplicada ás necesidades do cultivo.
Necesidade de sistemas de análise precisos: marco normativo

Público asistente á xornada Digipurin
O Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Solos Agrarios establece a obrigatoriedade de realizar unha análise da composición do xurro (nitróxeno, fósforo e potasio) de cara á elaboración do plan de abonado e de rexistrar as aplicacións de fertilizantes realizadas nas distintas parcelas no Caderno de Explotación.
Tras tres modificacións, a última en outubro deste ano (RD 934/2025), a obriga de rexistrar as aplicacións no CUE entrará en vigor o vindeiro 1 de xaneiro e os plans de abonado serán obrigatorios a partir do 1 de setembro de 2026, salvo para explotacións cunha superficie total inferior a 10 hectáreas ou aquelas que tan só dispoñan de pastos.
Os plans de abonado serán obrigatorios a partir do próximo mes de setembro para explotacións con máis de 10 ha de superficie que labren millo
Este feito obrigará os gandeiros que apliquen xurros a contar con análises sobre a súa composición. O sistema tradicional (toma de mostra no pozo e envío a laboratorio) atópase con algúns atrancos, vencellados á propia toma de mostras, aos tempos de agarda necesarios para recibir os resultados e á uniformidade do xurro contido no pozo, ademais de non permitir axustes de dose en tempo real no momento da aplicación en función das variacións de composición.
Por iso, xorde a necesidade de dispoñer de novos sistemas de análise en tempo real que mostrean non xa o pozo do xurro, senón o contido de cada cisterna que se aplica, resultando así nun maior grao de precisión analítica e de eficiencia no abonado, ao permitir variar a dose de aplicación en función da composición fertilizante e das necesidades concretas do cultivo.
Análise mediante condutividade eléctrica e mediante NIRs

Caudalímetro e sistema de análise NIRs instalado no tubo de descarga da cisterna
O profesor de mecanización na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, Javier Bueno, que foi o encargado de guiar a xornada de demostración na Granxa Gayoso Castro, explica que existen xa na actualidade no mercado sistemas de análise mediante sensores de condutividade eléctrica e mediante espectroscopía de infravermello próximo (NIRs) para determinar a composición do xurro na cisterna.
A precisión na análise da composición do xurro é maior mediante análise NIRs, sobre todo no caso do fósforo, debido a que non contén carga eléctrica. O sistema NIRs permite ademais un maior grao de automatización e axuste das doses durante a aplicación, grazas á conexión con sistemas de autoguiado nos tractores, pero atópase co seu elevado prezo como principal barreira de acceso.
O principal atranco do sistema NIRs é o seu elevado custo
Por iso, o grupo de investigación do Campus Terra que dirixe Javier Bueno está a desenvolver unha aplicación máis económica mediante o uso de sensores de condutividade que permita determinar con precisión a composición do xurro. “Unha condutimetría debería situarse por debaixo dos 5.000 euros para que sexa adoptada pola maioría do sector, mentres que o custo dun NIRs se dispara, o que o fai inviable para gandeiros individuais”, indica.
Software de control e rexistro de aplicacións

Pantalla de control no tractor, que permite variar a dose en función da composición do purín da cisterna
Conectadas de forma automática co caderno dixital da explotación, o uso destas tecnoloxías dixitais permite documentar as aplicacións de xurro mediante o volcado automático dos datos no CUE para cumprir así co establecido no sistema integral de xestión da explotación (SIGE) e no sistema de información de explotacións agrarias (SIEX).
A determinación dos compoñentes do xurro en base á condutividade eléctrica é un sistema analítico válido recollido no BOE, explica Javier Bueno, que está convencido de que a aplicación de xurros tenderá a facerse máis estrita e controlada.
Os controis van depender dos problemas e, se os problemas co xurro seguen en aumento, os controis tamén aumentarán
“A conductimetría en Cataluña practicamente vén de serie coa cisterna porque cada vez que fan unha aplicación a Generalitat lles pide xa eses datos e en Aragón están a ir polo mesmo camiño. En Castela e León, 70 poboacións tiveron este ano problemas coa auga potable debido á contaminación por nitratos e en zonas vulnerables hai que demostrar que se cumpre co límite máximo marcado de unidades de nitróxeno por hectárea. En Galicia non tivemos por agora demasiados problemas, pero os controis van depender dos problemas e, se os problemas co xurro seguen en aumento, os controis tamén aumentarán”, augura.
Proxectos Purinpreciso e Agrolab_Biogal

Javier Bueno, coa cisterna na que están testando os distintos sistemas de análise e aplicación do purín
O grupo de investigación BioModem, pertencente á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC en Lugo, está inmerso nestes momentos en varios proxectos encamiñados a deseñar e testar sistemas de análise e aplicación de xurro que permitan unha redución de emisións e unha trazabilidade nos aportes de nutrientes.
O proxecto Purinpreciso, no que participa a gandería SAT As Pandas de Vilalba, analiza en tempo real mediante un sensor de condutividade eléctrica colocado no tubo de descarga da cisterna a composición do xurro (nitróxeno total, nitróxeno amoniacal, fósforo e potasio) e desenvolve un sistema intelixente de control das aplicacións a través dun software que permite variar parámetros tales como a dose e o seu rexistro e documentación no caderno de explotación.
Pola súa banda, o grupo operativo Agrolab_Biogal, no que participa a gandería SAT As Cavadas de Xermade, pretende chegar a un NIRs low cost para mellorar a xestión da fertilización con xurros. Está baseado no sistema HarvestLab 3000 de John Deere, que analiza mediante espectroscopía de infravermello próximo a composición do xurro da cisterna e automatiza a velocidade do tractor e a válvula de descarga para aplicar un volume variable de xurro no campo que se axuste á dose marcada en función da cantidade exacta de nutrientes necesaria ou en base a outros parámetros, como por exemplo mapas de rendemento da colleita.
Galego









Control OJD