Diferenzas entre cebar os becerros nunha zona de chaira e noutra de montaña en Galicia

A última reunión de primavera da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes analizou as diferenzas de custos de produción e de rendementos entre dúas ganderías de vacún de carne: Unha situada en zona de chaira, no concello lugués de Cospeito, e outra en zona de montaña, no concello ourensán de Chandrexa de Queixa. Estes son os resultados

Diferenzas entre cebar os becerros nunha zona de chaira e noutra de montaña en Galicia

Vaca parida en Caldaloba o 31 de decembro

¿Como inflúe a localizacion xeográfica, e polo tanto o clima e a disponibilidade de pastos, nos custos de produción e no rendemento dos becerros e das vacas nutrices dunha gandería de vacún de carne? A esta pregunta tentou responder a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), na súa última reunión realizada no MUVICLA, en Trasliste (O Corgo), analizando o caso de dúas explotacións familiares: A de Xabier Fernández Arias, situada na Terra Chá, en terras alugadas no Pazo de Caldaloba, en Cospeito, e outra, a do seu irmán, na casa familiar en Chandrexa de Queixa, en plena alta montaña ourensá.

As dúas explotacións comparten cabana gandeira, vacas de Raza Rubia Galega, que chegaron á chaira luguesa nun lote procedente da casa familiar de Xabier, un mozo licenciado en bioloxía, que viu na gandería unha oportunidade laboral de futuro e unha forma de vida que lle gusta. “As dúas ganderías compartimos xenética e estamos en ecolóxico e, aínda que con estratexias de adaptación ao entorno e resultados diferentes, tanto unha explotación como outra compartimos un mesmo obxectivo: Producir o máis barato posible”, destaca.

Diferenzas na dispoñibilidade de pastos

Dentro desa extratexia as dúas ganderías de vacún de carne tentan aproveitar ao máximo o pastoreo, a forma máis barata de alimentación do gando, pero hai importantes diferenzas na dispoñibilidade de pasto nunha e noutra comarca.

“En Cospeito podemos ter as vacas pastoreando case todo o ano, e só suplementamos con herba seca durante o inverno. Pola contra, en Chandrexa de Queixa boa parte do pasto que teñen as vacas é arbustivo, de menor valor nutricional, o que tamén repercute na condición corporal do gando, aínda que con mellores resultados a nivel de parasitismo. Alí entre maio e outubro aproveitan o pastoreo en montes comunais de maior altitude, preto da Cabeza de Manzaneda, onde no verán aínda se mantén fresco o pasto, e en outubro baixa o gando para cerca das casas e pace no inverno en fincas arredor da aldea, se hai pasto, e supleméntae con herba seca e silo de herba, unha suplementación que pode ser prácticamente total durante catro ou cinco meses, o que tamén sube os custos de produción”, explica Xabier.

Vacas na gandería de Chandrexa no inverno

Vacas na gandería de Chandrexa no inverno

Importancia de aplicar un calendario de crubricións e partos

Un dos indicadores que marca a rendibilidade dunha gandería de vacún de carne é o intervalo de partos, que no caso de Chandrexa está en 13,29 meses e na granxa de Cospeito está en 11,70 meses.

Neste sentido, e dentro da estratexia de reducir os custos de produción, na gandería de Caldaloba, aplican as seguintes medias:

-Retrasar destetes tratando na medida do posible incluso de non destetar ata o sacrificio para reducir así o consumo de penso.

-Facer coincidir as épocas de máis pasto ou ben con momentos de alta demanda de leite por parte dos terneiros ou a finais de outono co momento de aumentar a condición corporal das vacas para afrontar o inverno e preparalas para o parto, intentando que as vacas estean o menor tempo posible con condicións corporais baixas.

“Os becerros que nacen fóra da programación consumen un 30% máis de penso”

“Desta forma, intentamos que as vacas queden preñadas entre decembro e febreiro para que pairan entre setembro e novembro, de forma que na época en que os becerros precisen máis leite das nais, entre os meses de marzo e maio, sexa cando hai maior dispoñibilidade de pasto”, destaca o gandeiro.

No caso da gandería de Chandrexa de Queixa seguen as mesmas medidas, pero adaptadas ás súas condicións específicas: “A temporada ideal de partos para reducir os custos de alimentación en Chandrexa é entre decembro e xaneiro”.

A menor disponibilidade de pasto en Chandrexa fai que exista tamén unha importante diferenza nos días destetados dos becerros, e por tanto no custo de alimentación: 52 días destetados no caso da granxa de Caldaloba fronte aos 80 dos becerros da gandería de Chandrexa.

Comedeiro de exclusión para os becerros na gandería de Caldaloba.

Comedeiro de exclusión para os becerros na gandería de Caldaloba.

Resultados produtivos na gandería de Cospeito:

-Media pesos e idade sacrificios:

Machos : 243 kg con 279 días.

Femias : 204 kg con 265 días.

Peso medio machos e femias: 223,5 kg.

-Consumo medio de penso:

604 kg de penso por animal, cunha media de 2.70 kg de penso por kg de carne producido.

A este respecto, Xabier Fernández destaca “a gran diferencia entre becerros nados en inverno e os nacidos en primavera ou verán, chegando a consumir un 30% máis de penso os terneiros nacidos a partir de abril”.

Vacas na gandería de Caldaloba no mes de outubro, antes do parto

Vacas na gandería de Caldaloba no mes de outubro, antes do parto

Resultados produtivos na gandería de Chandrexa de Queixa:

-Media pesos e idade sacrificios:

Machos: 247 kilogramos

Femias: 175 kilogramos

Peso medio: 211 kilogramos.

-Consumo medio de penso: 811 kg por animal, o que dá unha media de 3.84 kg de penso/kg de carne, logrando unha categoría de conformación U e de engraxamento 2-3.

Nas dúas ganderías o penso é subministrado a vontade aos becerros, “coa diferenza de que en Chandrexa algún dos lotes non dispón de comedeiro de penso para os terneiros no pasto o que retrasa o seu crecemento e fai que o destete sexa aínda máis traumático”, conclúe Xabier.

En Chandrexa hai que facer máis suplementación de forraxes

En Chandrexa hai que facer máis suplementación de forraxes

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información