Os gandeiros de vacún de leite teñen que ser cada vez mellores agricultores por que a cantidade e calidade das forraxes que produza son cada vez máis decisivos para a rendibilidade económica da explotación.
Partindo desta premisa, Miguel Ángel Majano, profesor do Departamento de Produción Agraria da Universidade Politécnica de Madrid expuxo na xornada organizada por Delagro sobre “Mellora do Manexo no ensilado de Forraxes” as súas conclusións sobre como inflúe a calidade da forraxe na ración, na nutrición, saúde e custos dunha explotación láctea.
Características que determinan a calidade dunha forraxe:
O punto de partida do profesor da UPM foi lembrar cales son as características das forraxes:
-Lonxitude de fibra.
-Fibra Acedo Deterxente (FAD), é unha fibra non dixestible e que aumenta a medida que envellece a planta.
-Fibra Neutro Deterxente (FND): toda a fibra da planta.
-Unidade Forraxeira Leite (UFL): é a enerxía que achega a planta.
-Proteína Bruta (PB).
-PH: nivel de acidez do ensilado. Por encima de 5 estaría en mal estado e empezaríase a producir fermentación butírica.
O Valor Relativo de Forraxes (VRF) mide a relación entre a Fibra Acedo Deterxente (FAD) e a Fibra Neutro Deterxente(FND). Neste sentido, a escala que se utiliza de VRF é a seguinte:
-Excelente: máis de 151
– Primeira: 125-151
– Segunda: 103-124
– Terceira: 87-102
– Cuarta: 75-86
Neste sentido, a evolución da calidade do ensilado de herba segundo a súa VRF mostra que canto máis se deixe pasar unha forraxe máis cantidade de materia seca terá e menos proteína e Unidade Forraxeira Leite.
Diferenzas de custos entre unha ración feita cunha boa forraxe e unha cunha mala forraxe:
As consecuencias son que para unha ración media dunha gandería de leite, a diferenza entre utilizar un silo de herba de terceira ou un silo de herba excelente é que o gandeiro terá que gastar menos da metade de soia, de graxa e de millo en gran. Segundo os cálculos do profesor da UPM isto tradúcese nun aforro na ración de 0,46 € por vaca e día, o que para unha explotación de 100 vacas son 17.000 euros anuais.
Como facer unha boa forraxe ensilada?
-Cortar no momento adecuado para conseguir unha planta tenra, con algo de humidade. Canto máis espigada estea a planta menor porcentaxe de proteína e máis de materia seca.
-Presecado
-Pisado para minimizar a cantidade de aire que queda no silo e así evitar a fermentación butírica.
-Utilización de conservantes: recoméndase baixar rapidamente o PH. En silos de primavera recoméndase a utilización de conservantes para baixar o PH a 4,5.
-Esperar o tempo adecuado antes de abrir o silo.
-Procurar que non entre o aire no silo.
-Recoméndase utilizar fresa para manter o silo sen airear e que non aparezan fermentacións secundarias.
Conclusións:
As forraxes malas enchen máis e alimentan menos. As vacas poden comer menos.
A complementación de forraxes malas é máis cara por usar máis concentrado, co que a ración final sae máis cara.
É moi importante o momento do corte.
En silos de primavera hai que usar conservante acedo para baixar o PH rapidamente.
-Na primavera é moi difícil facer feno. A alternativa é facer silos.