O invento de Fritz Haber en 1908 foi a base para o desenvolvemento do proceso de obtención de amoníaco a partir do nitróxeno do aire e o hidróxeno procedente do gas natural. Este descubrimento, seguido do desenvolvemento dun reactor de alta presión por Carl Bosch en 1911, foi a orixe da produción industrial de fertilizantes amoniacais en 1913.
Cada ano, o 13 de outubro, as empresas e organizacións do sector únense para festexar os logros agrícolas obtidos grazas ao uso dos fertilizantes, a través de diversos eventos organizados a nivel mundial.
A Asociación Nacional de Fabricantes de Fertilizantes (ANFFE), que representa aos principais produtores de fertilizantes que operan en España, súmase unha vez máis a esta celebración para lembrar que os abonos minerais son esenciais para a produción de alimentos e para destacar os esforzos que realizan as empresas para fomentar a súa aplicación racional.
A patente de Haber-Bosch permitiu utilizar o nitróxeno presente no aire para fabricar amoníaco e, a partir del, os fertilizantes nitroxenados, sentando as bases da industria mundial de fertilizantes actual
“No contexto actual de incerteza no sector, debido aos altos prezos do gas natural, a electricidade e algunhas materias primas, constatouse a necesidade de garantir o mantemento dunha industria europea forte, que permita asegurar a dispoñibilidade de fertilizantes e reducir a nosa dependencia exterior, especialmente de Rusia, co fin de garantir a dispoñibilidade de alimentos en Europa”, indica ANFFE a través dun comunicado.
Elemento esencial para a alimentación da poboación mundial
Os fabricantes lembran que os fertilizantes complementan aos nutrintes do chan, permitindo cubrir as necesidades nutricionais dos cultivos e aumentando significativamente a produción. Por iso, din, os fertilizantes “axudan a producir alimentos de calidade a un prezo asequible e contribúen á seguridade alimentaria mundial salvando da fame a millóns de persoas”.
A alimentación da metade da poboación mundial depende da fertilización inorgánica nitroxenada
No ano 2008 estimouse que a nutrición básica do 48% da poboación mundial está baseada na fertilización inorgánica nitroxenada, que depende do proceso Haber-Bosch. Ademais, os abonos químicos contribúen a reducir o uso necesario da terra para labores agrícolas. “Proporcionan un gran beneficio ao planeta, xa que sen eles a agricultura necesitaría 1.100 millóns de hectáreas adicionais de terra virxe para cultivar os alimentos necesarios para alimentar á poboación mundial”, destaca ANFFE.
Impacto do prezo do gas na fabricación de fertilizantes
O prezo do gas en Europa aumentou un 800% se o comparamos con marzo do ano pasado. Isto débese a unhas baixas reservas e unha gran competencia a nivel internacional, especialmente tralo estalido da guerra de Ucraína.
Este feito impactou de forma grave na viabilidade das plantas de produción de fertilizantes e de maneira especial nas de fabricación de fertilizantes nitroxenados, xa que o gas natural é a súa principal materia prima.
Ademais, a industria de fertilizantes é gran consumidora en enerxía eléctrica e o forte aumento dos prezos está a contribuír a incrementar os seus custos de fabricación. Así mesmo, experimentáronse subas no prezo das principais materias primas, sumándose ao resto de factores que afectan á viabilidade da produción.
A produción de fertilizantes en Europa reduciuse un 70% no último ano
Estes factores motivaron que algunhas empresas europeas se viran forzadas a pechar varias plantas produtivas, reducíndose neste último ano en Europa a produción de fertilizantes ao redor dun 70%.
O descenso da fabricación de fertilizantes en Europa, sumada a menores importacións procedentes de Rusia como consecuencia da guerra de Ucraína, están a motivar que a oferta de fertilizantes na UE sexa inferior á de anos anteriores. “Isto está a ter un impacto moi severo no mercado e pode poñer en perigo a dispoñibilidade en Europa duns produtos que son esenciais para o sector agroalimentario. Ademais, pode incrementar a nosa dependencia de países terceiros”, advirte a asociación española de fabricantes.
“A medio prazo todos pensamos que os prezos van baixar, pero nin idea de cando será”
Juan Pardo é o presidente de ACEFER, a asociación que engloba aos principais almacenistas e distribuidores de fertilizantes en España. Recoñece que a situación actual “non é normal”, con prezos desorbitados dos principais produtos utilizados.
Aínda que con leves correccións, a cotización dos principais fertilizantes segue sendo moi elevada. “Houbo algúns movementos durante o verán, con algunhas baixadas limitadas. A urea moveuse pouco, está en Exipto a 800 dólares e a 900 en porto en España debido aos fletes, que tamén son altos. O DAP está en 1.000€, aínda que en zonas de Asia baixou a 800, e o nitrato móvese entre 600 e 700€”, detalla.
Houbo algúns movementos durante o verán aínda que con baixadas limitadas. A urea está a 900€ a tonelada, o DAP a 1.000 e o nitrato entre 600 e 700
Estes custos elevados están a provocar unha diminución no uso de abonos químicos, aínda que sen incidencia polo momento nos prezos. “O consumo está a ser menor, cun descenso estimado entre o 30 e o 35%, pero ao haber menor produción de fertilizantes a nivel mundial iso equilibra a oferta e a demanda e fai que os prezos sigan altos”, argumenta Juan Pardo. “A medio prazo todos pensamos que van baixar, pero nin idea de cando será. Levamos ano e medio xa acumulados de prezos moi altos”, incide.
Dificultades de aprovisionamento
Outra das consecuencias dos altos prezos actuais é tamén o descenso dos stocks. “Segue habendo un gran risco e espérase ao último minuto para comprar, tanto os distribuidores como os agricultores”, explica o representante dos almacenistas.
Aínda que as principais empresas fabricantes están a reducir a súa produción, Juan Pardo asegura que as dificultades de aprovisionamento débense máis aos altos prezos que á escaseza na dispoñibilidade de produto. “Os prezos seguen altos e a seca tivo importantes consecuencias na agricultura, polo que pensamos que o agricultor vai fertilizar pouco, polo que hai produto suficiente para cubrir esas menores demandas”, indica.
Yara, Borealis e Fertiberia están a pechar plantas porque non lles saen as contas do amoníaco
Con todo, matiza que “vai haber máis dificultade para conseguir uns fertilizantes ca outros”. Por exemplo, os nitroxenados. “Yara, Borealis e Fertiberia están a pechar plantas porque non lles saen as contas do amoníaco e urea hai a nivel mundial pero o prezo está alto”, explica.
Esta situación obriga a buscar alternativas: “O sulfato amónico é un nitroxenado que está ben, é absorbido e aproveitado polas plantas e está a mellor prezo”, indica.