
Reparto de leite fresco de Agromuralla nun colexio de Monforte nunha edición anterior do Día Internacional do Leite
Como cada 1 de xuño, este vindeiro luns celébrase o Día Mundial do Leite, unha efeméride establecida no ano 2001 pola FAO para destacar a importancia do leite como alimento fundamental para a humanidade e recoñeder o traballo dos gandeiros que o producen.
A declaración da ONU cumpre 25 anos, nos que o sector se transformou en Galicia. O aumento da produción veu aparellado ao redimensionamento e profesionalización das explotacións; do outro lado da balanza, o peche incesante de granxas.
Aproveitando a efeméride, diversos actos porán foco este luns no valor nutricional dos produtos lácteos e a importancia clave que o sector ten en Galicia.
A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, por exemplo, colocará un stand en Betanzos, coincidindo coa feira quincenal que se celebra na localidade, para concienciar á sociedade sobre os beneficios para a saúde e o territorio do sector agrogandeiro. Durante toda a mañá, desde as 10 até a 1 repartirán información e agasallarán con leite e queixo a todas as persoas que se acheguen pola praza Irmáns García Naveiras.
Agromuralla repartirá leite e queixo na feira de Betanzos
Con este acto informativo e de reivindicación buscan que os cidadáns poidan coñecer que hai detrás dun vaso de leite. Con este obxectivo, as persoas que se acheguen polo stand terán a posibilidade de sentirse “gandeiros por un día” muxindo unha vaca e levando para a súa casa unha botella de leite.
“Queremos achegar o noso traballo ao consumidor e concienciar ao público máis urbano dos beneficios para a saúde e a alimentación da poboación, pero tamén do valor social e ambiental que aporta o sector agrogandeiro para o mantemento da poboación e a paisaxe das zonas rurais”, explica Noelia Rodríguez, presidenta de Agromuralla.
“Se o rural queres sentir, unha vaca has de muxir”
As 5.000 ganderías de produción de leite que quedan en Galicia supoñen o verdadeiro sustento e motor económico e social das zonas rurais, como principal actividade económica, fonte de xeración de riqueza e de postos de traballo e clave para a fixación de poboación no medio rural.
“Onde hai un gandeiro, hai vida”, destaca Agromuralla, que lamenta que non se recoñeza a labor esencial como produtores de alimentos, os beneficios que o leite ten para a saúde e o aporte dos agricultores e gandeiros ao medio ambiente e a prevención de incendios.
Desmontando bulos e fake news
Para destacar o papel dos produtos lácteos na alimentación, na mesa informativa instalada por Agromuralla o consumidor poderá recibir información sobre as características nutricionais do leite, (fonte de calcio, vitaminas e minerais e un dos produtos máis completos na dieta humana) así como os seus beneficios para a saúde a nivel óseo e cardiovascular ou mesmo para previr varios tipos de cancro.
As bebidas vexetais non son comparables ao leite a nivel nutricional
Agromuralla quere desmontar bulos e “fake news” que proliferan na actualidade, xa que, aseguran, “a inmensa maioría das mensaxes que circulan sobre os supostos perigos asociados ao consumo de lácteos son erróneas, ao igual que as que defenden que as bebidas vexetais poden ser sustitutivas do leite, algo que non é certo”.
Do mesmo xeito, os produtores e produtoras de leite buscan concienciar ao consumidor dos beneficios de introducir lácteos na dieta e da labor positiva sobre o territorio, o medio ambiente e a fixación de poboación no mundo rural que exercen as explotacións agrogandeiras.
160 alumnos visitarán a Aula de Produtos Lácteos da USC en Lugo

Visita escolar á Aula de Produtos Lácteos con motivo do Día Internacional do Leite nunha edición anterior
Un ano máis, a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus Terra da USC celelebra o Día Internacional do Leite co alumnado de centros escolares da comarca de Lugo. Este ano, 160 alumnos do CEIP Illa Verde e CEIP Antonio Insua Bermúdez de Vilalba participarán nas diferentes actividades que a APLTA ten preparadas para eles: obradoiro de queixo e iogur, cata de análise sensorial, degustación de queixos DOP galegos e charla divulgativa sobre o leite e os produtos lácteos.
A visita do alumnado terá lugar nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos na Rúa Montirón de Lugo de 9:30 a 13:30 horas. Ademais do persoal técnico da institución, os nenos e nenas serán recibidos por Máximus, a mascota do clube de baloncesto Breogán.
O obxectivo deste evento é que os máis pequenos comprendan a importancia clave que o sector lácteo ten en Galicia e promover unha alimentación saudable na que o leite e os produtos lácteos xogan un papel fundamental.
Tres lácteos ao día
Desde o punto de vista nutricional, o leite constitúe un dos piares fundamentais da alimentación humana, especialmente necesario durante a infancia e a adolescencia e durante a vellez, recomendándose o consumo de cando menos tres lácteos ao día. Aportan calcio, vitaminas e minerais e ten efectos positivos para a saúde a nivel cardiovascular e antitumoral.
O leite aporta calcio, vitaminas e minerais e ten efectos positivos para a saúde a nivel cardiovascular e antitumoral
Do mesmo xeito, a nivel social e económico, as 5.000 explotacións leiteiras que quedan na actualidade en Galicia manteñen vivo o rural, creando riqueza e emprego e mantendo coidado o territorio e o medio ambiente nas comarcas do interior de Galicia.
O valor do leite: beneficios para a saúde e para o rural
O sector lácteo constitúe un dos piares fundamentais da economía e do territorio rural galego, tanto polo seu volume económico como pola súa función social e territorial. A produción e transformación de leite articulan un complexo que xera actividade, emprego e fixación de poboación nun contexto de crecente despoboamento rural.
Segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, o sector agroalimentario representa o 7% do PIB galego, confrmándose como un dos grandes motores da economía autonómica, e dentro del, o complexo lácteo (produción primaria máis industria) achega, segundo estimacións da Fundación Juana de Vega, o 1,66% do PIB galego: o 1,30% correspondente á actividade agraria e o 0,33% á industria transformadora, sen contar o efecto mobilizador sobre outras actividades relacionadas, como as empresas de fabricación de pensos, construción de establos, subministro de equipos de muxido, maquinaria, etc.
As explotacións lácteas galegas manteñen 200.000 hectáreas de superficie agraria útil
Este peso sitúa o sector lácteo nun nivel de relevancia semellante ao de actividades industriais como o sector do automóvil ou o textil, converténdoo nun dos principais xeradores de valor engadido e emprego no medio rural, con cinco mil explotacións e unha rede de servizos asociados ás explotacións que sostén miles de postos de traballo directos e indirectos, garantindo a vitalidade económica de amplas áreas do interior de Galicia.
En termos territoriais, o sector lácteo galego cumpre tamén unha función esencial na xestión activa do territorio, ao manter viva boa parte do medio rural. As explotacións leiteiras contribúen ao mantemento da paisaxe agraria e dos mosaicos agroforestais, á prevención dos incendios forestais e ao aproveitamento sostible de arredor de 200.000 hectáreas de superfcie agraria útil, consolidándose así como un eixe vertebrador económico, social e ambiental de Galicia.
Valor nutricional e saudable dos produtos lácteos
Desde o punto de vista nutricional, os produtos lácteos constitúen un dos piares da alimentación humana. Son esenciais para unha dieta equilibrada en todas as etapas da vida: na infancia e na mocidade para o crecemento e a adquisición dunha masa ósea axeitada e na madurez e vellez para evitar a perda de calcio. A Fundación Española da Nutrición recomenda o consumo de 3 lácteos ao día.
A graxa contida de forma natural no leite é saudable, polo que se recomenda o consumo de leite enteiro
Debido á súa composición, o leite é un alimento moi completo e equilibrado, xa que con moi poucas calorías nos achega unha gran cantidade de nutrientes. En concreto, os produtos lácteos son alimentos especialmente ricos en proteínas de alto valor biolóxico, que achegan todos os aminoácidos esenciais e calcio de fácil asimilación, así como fonte de vitaminas B2, A e E. Son tamén fonte de minerais como potasio, magnesio, cinc e fósforo.
Ademais, demostraronse os efectos beneficiosos do leite para a saúde como alimento cardioprotector e antitumoral. A graxa contida de forma natural no leite é saudable, polo que se recomenda o consumo de leite enteiro.
Intolerancia á lactosa
A moda de substituír o leite por bebidas de orixe vexetal carece de base médica ou científica e priva ás persoas que consumen este tipo de sucedáneos dos beneficios que achega o leite ao organismo. É importante saber diferenciar entre alerxia ao leite e intolerancia á lactosa, porque diso dependerá que se deban modificar os hábitos de consumo.
Unha persoa alérxica presenta unha reacción inmunitaria contra a proteína do leite, polo que non tolerará ningún lácteo salvo aquelas fórmulas que conteñen hidrolizados de proteínas. Porén, unha persoa que teña intolerancia á lactosa desenvolve síntomas dixestivos ante o azucre presente no leite (lactosa), pero estes serán menores se se trata de queixo, iogur e outros leites fermentados.
Só o 4% da poboación europea é intolerante á lactosa, pero hai outro 26% que se fai intolerante ao deixar de beber leite
Por iso, as persoas que teñen intolerancia á lactosa si poden consumir produtos lácteos, especialmente se os inxiren en pequenas cantidades e acompañados doutros alimentos (por exemplo, leite con café ou cereais).
Outras persoas necesitarán a restrición da lactosa durante un período aproximado de 4 semanas, para despois ir reintroducíndoa paulatinamente. O leite A2 e o leite fresco pasteurizado favorecen a tolerancia á lactosa.
Galego









Control OJD